De convento a museo: portas abertas en Santa Clara tras un ano como patrimonio público de Pontevedra

A igrexa do convento de Santa Clara de Pontevedra vista desde onde escoitaban as misas as monxas de clausura CC-BY-NC-SA Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-santa-clara-pontevedra-c4ab6dc.jpeg

O Concello de Pontevedra abre as portas de Santa Clara os días 3 e 4 de decembro para seguir os pasos das escavacións que permiten coñecer a evolución do edificio e achegarse a como vivían as monxas de clausura ao longo dos séculos

O convento de Santa Clara de Pontevedra celebra o seu primeiro ano como patrimonio público da cidade. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asinaba coa madre abadesa das clarisas a compra o 1 de decembro do ano pasado, coa prioridade de abrilo á cidadanía e buscarlle un fin. “Foi unha xestión en tempo récord”, lembra Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra. “A compra non chegou nin a un ano de negociacións e trámites burocráticos e despois neste ano xa demos moitos pasos buscándolle un fin, pois todo elemento patrimonial necesita ter un uso para ser conservado, como sinalan os historiadores”, detalla.

O estudo histórico-artístico do convento confirmou que pode ser empregado como museo, polo que o a cesión do Concello á Deputación de Pontevedra está a piques de materializarse. Así, o convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra. Nese convenio que se está a tramitar, o Concello cede todo o recinto e o Museo de Pontevedra, que é quen o vai xestionar, abrirá os xardíns “para o uso e desfrute dos pontevedreses e pontevedresas”, segundo explica Xaquín Moreda. “Tamén barallamos intentar abrir desde a praza de Barcelos e desde a rúa de Santa Clara unhas entradas aos xardíns, que pecharán cando o faga o museo”, apunta o concelleiro.

Restos de cerámica e louza atopados nas escavacións do convento de Santa Clara CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

As xornadas de portas abertas serán visitas libres con acceso aos xardíns e "partes do edificio que nas anteriores ocasións non estaban accesibles"

O espazo da igrexa tamén se seguirá a empregar para albergar actividades culturais, como as charlas que está a acoller estes días para informar dos traballos realizados por parte da Deputación nestes meses no recinto desde o punto de vista arqueolóxico, antropolóxico, da restauración patrimonial e histórico. O Concello organiza unhas xornadas de portas abertas os días 3 e 4 decembro para visitar os xardíns e unhas zonas da planta baixa nas que se escavou buscando os muros orixinais. “É unha visita libre, sempre cumprindo un aforo, que comeza cun vídeo que se proxectará na igrexa e a entrada ao recinto pola Porta de Carros. Poderán verse partes do edificio que nas anteriores ocasións non estaban accesibles e os arqueólogos explicarán o que atoparon nas escavacións”, salienta Moreda.

Neste primeiro ano pasaron por Santa Clara, tras 750 anos de clausura, preto de 15.000 persoas entre visitas guiadas, sectoriais, días de portas abertas e actividades culturais. Un equipo interdisciplinar de 30 profesionais leva traballando no recinto do convento desde o mes de xullo, pouco tempo para este tipo de estudos, pero uns meses que serviron para entender as diferentes fases construtivas do edificio e recompilar material para achegarse a como foi a vida das clarisas que residiron alí ao longo dos séculos.

O recinto do convento evolucionou en catro fases ao longo do tempo: desde a construción inicial na Idade Media ás modificacións na época Moderna, no século XVIII e despois no XX

“Identificamos catro fases moi claras na evolución do edificio: unha primeira de finais da Idade Media (século XIV-XV); outra nos séculos XVI e XVII, en plena época Moderna; no século XVIII; e despois a reformulación do século XX, que se foi estendendo ata o ano 2015, cando marchan as monxas”, sinala Rafael Rodríguez, arqueólogo responsable das escavacións en Santa Clara, que descubriron os muros da fase medieval e moito material arqueolóxico, como as cerámicas, que serven para realizar unha primeira datación cronolóxica das estruturas achadas.

Nestes primeiros traballos lograron delimitar o espazo de enterramento dentro do convento, Rafael Rodríguez di que contaban con atopar corpos enterrados baixo o claustro porque existían varias laudas funerarias, pero lles sorprendeu o achado dunha importante necrópole na parte norte do claustro: “Alí documentáronse ata 26 tumbas, das que se escavaron 13. Estas tumbas presentan unha superposición, chega a haber ata tres cadáveres no mesmo buraco. Son tumbas de inhumación e están metidas nun sudario, non levan ataúde”.

Traballos arqueolóxicos nos xardíns de Santa Clara © Deputación de Pontevedra

Noutras partes do convento nas que documentaron enterramentos, a diferencia do claustro, os corpos si que están enterrados en ataúdes, pois se recuperaron pedazos de madeira e cravos de ferro. “Unha das partes máis relevantes nas que atopamos enterramentos é onde hoxe está a portería, algo que nos descentrou. O que pasa é que facendo un estudo dos alzados pensamos que anteriormente ese espazo formaba parte da zona capitular do convento, posiblemente do século XV, ata que se reformulou no XIX. Polo tanto, ten sentido que aí foran enterradas abadesas ou monxas relevantes dentro da xerarquía conventual”, destaca o arqueólogo.

Fóra do edificio de Santa Clara, onde nos últimos tempos tiñan a horta, tamén atoparon enterramentos. Documentaron cinco e eses restos tamén se van analizar. “É raro, pero pode estar relacionado con que alí enterrasen a traballadores ou traballadoras do convento, ou xente que estaba de paso e non sobrevivía”, engade Rodríguez, quen salienta o moito que van poder saber a partir das pezas cerámicas atopadas tamén baixo terra. 

"Todas as familias nobiliarias destacadas de Galicia teñen novizas en Santa Clara", destaca o arqueólogo Rafael Rodríguez

“Resulta moi significativo o volume de louzas e cerámicas que apareceron. Máis de 8.000 pezas, moitas delas completas ou case completas, que nos posibilitan unhas datacións relativas para os puntos onde foron achadas e nos permiten falar de economía, comercio e da sociedade, pois son pezas para persoas podentes (especialmente na época Moderna) con producións que chegan de toda Europa e da China”, debulla Rafael Rodríguez, que non esquece a aparición dun anel de ouro cunha cruz de Malta gravada, que seguramente pertenceu a unha abadesa.

Un gran fito para esta intervención ter determinado dunha maneira tan clara as etapas do complexo construtivo de Santa Clara, un achado que demostra como “o convento se foi construíndo a medida que entraban cartos, ben por foros ou pola chegada de novas novizas de familias podentes”. “Aquí están os Moscoso, os Montenegro, os Soutomaior ou os Ulloa, todas as familias nobiliarias destacadas de Galicia teñen novizas aquí dentro. Os cartos que traen posibilitan que o convento vaia crecendo, pero iso contrasta con momentos de baixón, momentos nos que parece que se vai levar a cabo un proxecto arquitectónico súper ambicioso e quedan sen cartos e o proxecto queda a medio executar. Neste senso, o máis rechamante é a parte do edificio monumental do século XVIII, que quedou á metade. As escavacións posibilitaron que saibamos que quedou a medio construír, non é que caese”, indica o arqueólogo.

Anel de ouro cunha cruz de Malta gravada recuperado nas escavacións do convento CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

O concelleiro Xaquín Moreda avanza que os traballos realizados serán fundamentais para quen participe no concurso internacional de ideas para rehabilitar Santa Clara

Mesturando os achados coa documentación dos arquivos e as fotografías que se gardan, e mais cunha lectura de alzados moi rigorosa que está levando a cabo un amplo equipo de profesionais, vaise avanzando no coñecemento de como foi a vida no interior de Santa Clara, que se mantivo pechado no medio da cidade de Pontevedra ata que no ano 2015 marcharon as derradeiras monxas. Están pendentes as análises forenses dos cadáveres atopados, a partir das que coñecerán máis datos interesantes como a súa alimentación ou esperanza de vida.

Todo este coñecemento, explica Xaquín Moreda, será fundamental para quen participe no concurso internacional de ideas para rehabilitar Santa Clara. “Imos aportar moita información aos diferentes equipos que a continuación se poñan a pensar en que facer con Santa Clara. Primeiro sobre como era e como se estruturaba o edificio, como creceu e decreceu ao longo do tempo. E despois, datos sobre o que hai debaixo na actualidade, para saber como poden actuar. Todo isto tamén serve para saber se hai elementos que se poden eliminar, como os anexos dos anos setenta do século XX, que poderían desaparecer xa que están desvirtuando totalmente a estrutura arquitectónica do convento”, manifesta Rafael Rodríguez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.