O alcalde de Castrelo convida o PP a colocar o cadáver do brigadista enriba da mesa de Feijóo

Vicente Gómez, alcalde de Castrelo do Val, e Sandra Álvarez, secretaria de Medio Rural da Executiva provincial socialista © M. Carballada

As responsabilidades sobre a extinción dos lumes forestais seguen a provocar liortas entre os dirixentes políticos. Tralo falecemento o pasado 27 de marzo dun brigadista en Castrelo do Val, o concelleiro popular Manuel Pérez Araújo, a través dunha nota oficial, asegurou que os medios dos que dispón o concello ourensán non se usaron adecuadamente. O concelleiro referíase a un vehículo para incendios urbanos do que dispón a entidade municipal e que non se utilizou na loita contra o lume.

Esta aseveración provocou a rápida reacción dos socialistas e do alcalde, Vicente Gómez, quen manifestou este mércores que “se o PP quere falar de culpas ou neglixencias debe recordar cando no ano 2006 lle poñía encima da mesa a Touriño todas as mortes por incendios forestais” para asegurar que “tamén debería coller este cadáver e colocarllo encima da mesa a Feijóo”.

O rexedor, visiblemente molesto coa insinuación do edil popular de que non facilitara os medios para a extinción de incendios, non entende como o PP pode permitir este tipo de afirmacións e “como non fai uso das súas competencias e non asume a súa responsabilidade”. A pesar da gravidade do asunto, o alcalde reflexionou en voz alta e sinalou: “Non sei se comprar unha mangueiriña para que Feijóo vaia apagar os lumes”. Tralos dardos políticos Vicente Gómez fixo un relato de como sucederon os feitos nesta zona do interior ourensán.

“Foron os propios veciños e veciñas os que participaron na extinción dos lumes, os equipos de brigadistas non tiñan nin vestiario, nin una motobomba que funcionase"

Segundo explicou o primeiro edil, “foron os propios veciños e veciñas os que participaron na extinción dos lumes, os equipos de brigadistas non tiñan nin vestiario, nin una motobomba que funcionase” e engadiu que “as dúas brigadas de Xinzo que foron desprazadas non coñecían o terreo e foi a veciñanza quen tivo que guiar aos equipos de extinción”.

“Non hai un plan de emerxencias, non se cubriron as vacantes dos brigadistas e o operativo non está funcionando”

Na mesma liña, a secretaria provincial de Medio Rural do PSdeG ourensán, Sandra Álvarez, cualificou de irresponsable a actitude do Partido Popular e aproveitou para dar detalles sobre o planeamento da Xunta na loita contra o lume. Para Álvarez, igual que ocorre noutros lugares do país, en Ourense e no distrito forestal XIV, onde se rexistraron os incendios, “non hai un plan de emerxencias, non se cubriron as vacantes dos brigadistas e o operativo non está funcionando”. 

Os socialistas cren que a Xunta ten “unha política de extinción obsesiva e rexeitan a prevención e as consecuencias para o medio e as persoas son funestas”. Neste sentido, o alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, manifestou a Praza que “o caso do meu concello e paradigmático porque foi a propia Garda Civil quen me manifestou que o lume de marzo foi a causa dunhas queimas controladas e o presidente e a conselleira Quintana están a falar de coller os culpables”.

Brigadistas sinalan que “este ano apenas se levaron tarefas de prevención” e puxeron como exemplo a Serra do Xurés, o val de Monterrei ou o Macizo Central, que xa arderon o ano pasado e “practicamente non se tocaron”

Mentres, distintos brigadistas consultados por Praza Pública certificaron as críticas da oposición ao Goberno. Salvagardando o seu anonimato explicaron que “este ano apenas se levaron tarefas de prevención” e puxeron como exemplo a Serra do Xurés, o val de Monterrei ou o Macizo Central, que xa arderon o ano pasado e “practicamente non se tocaron”. Os profesionais entenden que “dende que o Feijóo tomou posesión hai unha diminución dos orzamentos tanto en materiais como en medios humanos”. Representantes dos brigadistas tamén fan un chamamento aos políticos para que non fagan batalla “cos compañeiros que morren traballando”.

Vicente Gómez, alcalde de Castrelo do Val, e Sandra Álvarez, secretaria de Medio Rural da Executiva provincial socialista © M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.