O alcalde de Vilagarcía asume a presidencia da Fegamp reclamando ecuanimidade nas axudas aos concellos

O novo presidente da Fegamp, o socialista Alberto Varela, rexedor de Vilagarcía, con Feijóo e o seu antecesor, o alcalde do Barco CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras as municipais de maio os socialistas revalidaron o control da asemblea de concellos e provincias, que ata agora encabezaba o rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo García

O alcalde socialista de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, foi elixido este venres novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na asemblea desa institución obrigada tras as eleccións municipais do pasado maio. Os resultados daqueles comicios déronlle novamente ao PSdeG o dereito a ostentar a presidencia da Fegamp, que ata agora ocupaba o tamén socialista Alfredo García, rexedor do Barco de Valdeorras. O vicepresidente primeiro será o popular Alfonso Villares, alcalde de Cervo; o vicepresidente segundo o rexedor de San Sadurniño, Secundino García; e a vicepresidenta executiva a socialista María Barral, alcaldesa de Betanzos.

Alberto García recibe a felicitación do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que o propuxo ante o resto de alcaldes socialistas para encabezar a Fegamp Dominio Público @albertovapaz

No acto de toma de posesión Varela apelou a que os concellos non sexan os responsables finais ante a cidadanía de exercer competencias que outras administracións abandonan. En presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o socialista tamén reclamou que a concesión de axudas aos concellos por parte doutras administracións sexa ecuánime. Unha petición que chega despois de anos de denuncias contra administracións gobernadas polo PP que priman nesas axudas a concellos dese mesmo partido ou que xestionan esas subvencións con escurantismo.

Feijóo reclamou dos concellos “cooperación intelixente” e “lealdade intrainstitucional”

Pola súa banda, Feijóo reclamou dos concellos “cooperación intelixente” e “lealdade intrainstitucional” e, nun acto no que os concellos reclamaban maior financiamento local, aproveitou para volver reprochar ao Goberno central que non transfira á Xunta os cartos pendentes. Tamén lanzou mensaxes en clave partidista arredor da negociación para conformar o Goberno central: “A inestabilidade ten consecuencias e tamén as tería unha política hipotecada por privilexios territoriais que esquecera a igualdade que os españois teñen constitucionalmente recoñecida”, dixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.