O BNG apela á "afouteza" para "non deixarse levar polo medo nin pola 'cantinela' do voto útil" o 28A

Pontón, Da Silva e outros cargos do Bloque, no mitin central da formación en Vigo cara ao 28A CC-BY-NC-SA BNG

Vigo tornou nunha das capitais da campaña electoral en Galicia. Pedro Sánchez levou á cidade máis poboada o acto central do PSOE no país, este xoves fai o mesmo Pablo Iglesias, de Unidas Podemos, e poucas horas antes o BNG celebrou en Vigo o que, posiblemente, fose o acto máis concorrido da formación soberanista nesta campaña electoral. Con este pano de fondo a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quixo esconxurar dúas pantasmas, o "medo" e a "cantinela do voto útil" apelando á verba que tornou en emblema do celtismo e, por extensión e en boa medida, da propia cidade: "Afouteza".

Pontón coida que o "discurso do medo" ao avance da dereita "busca que nos conformemos co mal menor" representado, ao seu xuízo, polo voto ao PSOE

No Bloque manteñen que a campaña está a devolverlles boas sensacións de apoio cidadán e reiteran que os derradeiros escanos en xogo nas provincias atlánticas poden estar entre as súas candidaturas e as da extrema dereita. "Pídovos afouteza, porque estou convencida de que o 28 de abril imos conseguir que Galiza sexa decisiva no Estado", apelou á concorrencia, á que advertiu de que o voto ao BNG serve para "frear a dereita carca e antigalega, quitándolle a Vox e Ciudadanos os escanos que lles disputamos".

A xuízo de Pontón, o temor a que unha alianza de dereitas logre sumar e formar Goberno non pode impulsar a "deixarse levar polo discurso do medo". Ese discurso, asegura, "busca que  nos conformemos co mal menor" que, ao seu xuízo, supón apoiar o PSOE e a Pedro Sánchez. Os socialistas, acusa, tiveron "o detalle de subirnos as peaxes da AP-9" ou de "non mover un dedo para a transferencia da AP-9", resaltou. Para ambas cousas, di Pontón, "contou cos votos de En Marea-Podemos".

Asistentes ao mitin central do BNG en Vigo cara ao 28A CC-BY-NC-SA BNG

Da Silva: "Imaxinade a cara que lles vai quedar a Rivera ou Abascal cando vexan que os deixamos sen escano por Pontevedra"

"Vaia utilidade para Vigo e Galiza o voto a PSOE e Podemos!", ironiza a líder nacionalista, dende cuxo punto de vista cómpre lembrar que ambas formacións "nin sequera derrogaron as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE" nos meses transcorridos dende a moción de censura. "Nada hai máis inútil para este país que votar ás forzas estatais", concluíu Pontón, e por ese motivo "o 28 de abril os galegos e galegas imos facer que pase... Imos pasar das forzas estatais e apostar por ter voz propia da man do BNG".

Nun sentido semellante a cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Carme da Silva, considera que o "contexto histórico" que arrodea as eleccións do 28A fai que "o noso país non poida quedar á marxe". "E conseguirémolo -augura- cun BNG en clara remonta, que vai a máis" grazas a un "efecto BNG" que "será capaz de facer que Galiza conte no Estado e de frear o avance da dereita; aquí e agora somos o voto que máis lle doerá a Casado, Rivera ou Abascal", sinala Da Silva. "Imaxinade -convidou- a cara que lles vai quedar cando vexan que os deixamos sen escano por Pontevedra".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.