O BNG aposta por unha candidatura galega para as europeas

Vence, tras un Consello Nacional do BNG CC-BY-SA Praza Pública

Os contactos do BNG coas demais forzas do ámbito nacionalista e soberanista galego dan o seu primeiro froito en forma de "apelación". O Consello Nacional do Bloque decidiu este sábado lanzarlles un chamamento aos demais grupos "nacionalistas e de esquerda" do país para conformar unha candidatura "de ampla base nacional e nacionalista" para as eleccións europeas de 2014. Esta opción, explica o portavoz nacional da formación frontista, Xavier Vence, é a mellor vía para que Galicia teña "unha representación importante" en Bruxelas e non exclúe, cando menos de partida, a posibilidade de chegar a acordos con forzas doutros puntos do Estado, como Euskadi ou Catalunya.

"Galiza precisa representación" na Eurocámara, explica Vence, para quen esta circunstancia ficou demostrada nos últimos anos coa "enorme importancia" do labor desenvolvido pola nacionalista Ana Miranda a prol dos "intereses do noso país". Así, co "obxectivo" de "garantir" que "o nacionalismo e a esquerda" de Galicia teñen cadeira de seu no futuro lexislativo comunitario do BNG está "disposto a acordar" con "todos os que compartan" estes "criterios básicos", configurando unha candidatura que, avanza, non dependería "só de nós", senón tamén "das apostas das demais forzas".

A candidatura galega non debera excluír, a xuízo do BNG, chegar a acordos con forzas soberanistas doutros territorios do Estado

Despois de que, nas últimas semanas, o propio Bloque comezase a conversar coas demais organizacións da Alianza Libre Europea cos vindeiros comicios sobre a mesa Vence sinala que o "interese" da formación que encabeza é "reforzar a colaboración coas demais forzas soberanistas, de toda Europa e do Estado español". Por iso, abonda, ao seu xuízo unha eventual candidatura unitaria galega debería "valorar" as "opcións que se presenten" para "reforzar" a posibilidade de que "Galiza teña unha presenza importante no Parlamento Europeo".

Pero, sería esta unha 'candidatura do BNG' á que outros colectivos se poderían sumar? A coalición "non será dunha única forza". Vence ten "claro" que "o BNG está en condicións de exercer un liderado xeneroso". "Somos a principal forza nacionalista do país", subliña, pero "suficientemente xenerosos" como para configurar unha opción electoral que teña en conta a "grande importancia" que teñen para o país as políticas que se cociñan na Unión Europea, caso por exemplo da decisión de Competencia segundo a cal o sector naval galego ten que devolver "case 3.000 millóns de euros", unha cantidade que supera "os fondos estruturais" que chegarán "nos vindeiros sete anos".

Vence: "O BNG está en condicións de exercer un liderado xeneroso"

Neste contexto, resta saber agora cal será a posición das demais formacións políticas, a comezar por Anova, toda vez que un eventual acordo co Bloque implicaría tomar a senda das voces internas que apostan por cinguir a fórmula de AGE -apoiada, esencialmente, na alianza con Esquerda Unida- ao Parlamento de Galicia. Mentres que partidos como Compromiso por Galicia veñen reclamando abertamente dende hai semanas unha candidatura galega, outra das incógnitas sitúase tamén na posibilidade de que esta coalición sumase tamén a grupos do independentismo.

A decisión de lanzar a aposta pola candidatura galega para as europeas tomouse nun Consello Nacional que abordou tamén a habitual campaña do BNG nas datas previas ao 25 de xullo. Desta volta o lema Galiza pola soberanía presidirá as accións esta campaña e os propios actos do Día da Patria, unha data que, segundo Xavier Vence, debe servir como "resposta contundente" aos recortes e ao "desmantelamento de institucións" de autogoberno que, censura, está a promover o Goberno central co apoio da Xunta. Por todo isto, asevera, cómpre unha gran "mobilización da cidadanía consciente"-

Vence, tras un Consello Nacional do BNG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.