O BNG atribúe as ameazas á súa candidata por Pontevedra aos "intereses de ENCE e do PP"

Pontón, con Lores e Da Silva ante a factoría de ENCE CC-BY-NC-SA BNG

"Teos moi claro que o que está por tras son os intereses económicos de ENCE e os intereses políticos do PP" ata "confundírense" entre si. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura ter claro quen son os "responsables directos" das "prácticas mafiosas" sufridas nas últimas semanas pola cabeza de lista da formación ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, tamén concelleira no goberno local de Pontevedra.

Pontón: "Todo o mundo sabe que por tras desas pintadas contra Carme da Silva están os poderes económicos que representa ENCE"

Despois de que, en apenas dez días, Da Silva "tivese que soportar en dúas ocasións pintadas ameazantes diante da súa casa", a líder do Bloque, a propia candidata e outros membros da formación soberanista acudiron este xoves ás inmediacións da factoría de ENCE, á beira da ría de Pontevedra, para advertir a quen "non se atreven a dar a cara" que "o BNG non se amedrenta" e que tampouco van lograr "os seus obxectivos" que, afirma, pasan por que o Bloque non logre representación o 28A.

"Todo o mundo sabe que por tras desas pintadas contra Carme da Silva están os poderes económicos que representa ENCE" e "tamén, claramente, esa dereita do PP de Feijóo que se subordina e son correa de transmisión desta empresa". Non en van, subliña, no consello de administración da pasteira sentan na actualidade "un ex-conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, e unha ex-ministra de Medio Ambiente de Aznar, Isabel Tocino".

Pontón, Da Silva, Lores e outros cargos do BNG, ante a factoría de ENCE no acto contra as ameazas á súa candidata CC-BY-NC-SA BNG

Diante destas ameazas, que reitera como "mafiosas", Pontón advirte de que o BNG e a propia Da Silva "non van dar un paso atrás" na "defensa de que ENCE saia da ría". "Carme da Silva -augura- vai ser deputada" e o seu voto tornará en "decisivo" para que "máis cedo que tarde, ENCE abandone a ría" e Pontevedra teña a "oportunidade de recuperar a ría e xerar emprego" en torno a ela, "igual que o fixeron outras cidades que sacaron as industrias contaminantes das súas rías".

A líder do Bloque augura que Carme da Silva "vai ser deputada" e o seu voto tornará en "decisivo" para que "máis cedo que tarde, ENCE saia da ría"

A propia Da Silva, avanza Pontón, ten intención de impulsar iniciativas no Congreso contra as "portas xiratorias" das que ENCE constitúe "un exemplo de manual". "Foi privatizada por Aznar a prezo de saldo facéndolle un favor á súa corte de amigos" e despois, resalta, beneficiouse da "prórroga concedida polo Goberno de Rajoy" a cal demostra, ao seu xuízo, que "os intereses privados están por riba do interese xeral" e que "a corrupción non está só 'en b', tamén existe 'en a".

Neste contexto, Pontón tamén di lamentar non escoitar, ata o momento, "nin unha soa condena" por parte do presidente da Xunta das ameazas a Carme da Silva. "Algúns -láiase- son capaces de xogar moi sucio con tal de manterse no poder e evitar" que o BNG retorne ao Congreso, afirma. Nos últimos días esa declaración de condena si chegou, non obstante, por parte da cabeza de lista do PP ao Congreso pola circunscrición pontevedresa, Ana Pastor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.