O BNG avoga pola protección das redeiras e reclama que a Xunta actúe contra o intrusismo no sector

Ana Pontón coa asociación de redeiras Atalaia CC-BY-SA BNG

Ana Pontón pide que se "dignifique" o traballo das redeiras e que se tomen medidas como a trazabilidade das redes, o que permitiría ter a garantía de que o traballo que hai detrás da súa reparación ou montaxe está feito realmente por estas profesionais

A portavoz nacional do BNG reuniuse este xoves coa asociación de redeiras do Baixo Miño Atalaia, que forma parte da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. Desde A Guarda, Ana Pontón coñeceu de primeira man as principais demandas deste colectivo profesional e lanzou propostas para dignificar o traballo do sector, totalmente feminizado, e para mellorar as súas condicións laborais.

"Un dos principais problemas que teñen é o intrusismo laboral, ter que competir con persoas que están facendo de maneira ilegal este traballo. Polo tanto cremos que é necesaria unha maior implicación da Xunta para facerlle frente a ese intrusismo, concretamente que se garanta a trazabilidade das redes, o que permitiría ter a garantía de que o traballo que hai detrás da súa reparación ou montaxe está feito realmente por redeiras que están dadas de alta", debullou Pontón, quen apuntou que Euskadi xa implantou un mecanismo de trazabilidade nesta liña.

Encontro na Guarda coa asociación Atalaia CC-BY-SA BNG

A líder nacionalista explicou que mellorar as condicións de traballo das redeiras pasa por que teñan espazos habilitados para realizar o seu traballo. Un labor tan precario que moitas chegaron a ter que facer nas súas casas. Pontón defendeu a dotación dos portos de "instalacións dignas que permitan que teñan naves onde haxa guindastres, que non teñan que facer elas fisicamente o traballo de levantar as redes, e nas que tamén se garante unha mínima climatización, para que non morran de frío no inverno ou non se cozan durante o verán". 

Pontón salienta que o das redeiras é un traballo feminizado que, pese á súa importancia e valor económico e cultural, permanece "invisibilizado" e cunhas condicións laborais de moita precariedade

Así mesmo, reivindicou a necesidade de avanzar no recoñecemento das doenzas profesionais vinculadas ao oficio. "Sabemos que hai moitas enfermidades profesionais que non están recoñecidas e cremos que é importante ese recoñecemento porque tamén é unha forma de mellorar as condicións nas que traballan".

Ana Pontón lembrou que o das redeiras é un traballo feminizado que, pese á súa importancia e valor económico e cultural, permanece "invisibilizado" e cunhas condicións laborais de moita precariedade, posto que moitas destas traballadoras "non chegan nin ao salario mínimo". 

"É unha situación que non podemos permitir. Temos que traballar para dignificar todos os oficios nos que as mulleres son protagonistas", incidiu Pontón, que evidenciou o "papel clave" das mulleres no mar. A pesar de que o feito de seren un sector con maioría de mulleres aínda se traduza en "estar nas marxes", con "peores condicións laborais" e "peores salarios".

Pontón comprobou como levan a cabo as redeiras o seu traballo CC-BY-SA BNG

"Lamentamos que a Xunta non estea facendo o papel que debería, non só coas redeiras, senón tamén con outros colectivos do mar", criticou Pontón para reclamar un papel activo do goberno galego para "dignificar" o traballo das mulleres no mar, "ampliar os seus dereitos e representación" así como "fomentar o asociacionismo".

"Hai que dignificar todos os traballos que fan as mulleres no ámbito do mar porque é unha parte da nosa economía, da nosa tradición e, desde logo, da maneira de ser dos galegos e das galegas", aseverou desde A Guarda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.