O plan 'Vida digna' do BNG: lentes de balde a quen non chegue ao salario mínimo e transporte por 30 euros

Pontón encabeza a xuntanza do 'goberno alternativo' do BNG, este 13 de xaneiro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Programa Vida Digna. É o paraugas baixo o que o "goberno alternativo" conformado polo BNG ao comezo da lexislatura -ao xeito dos gobernos na sombra británicos- vén de lanzar as súas propostas coas que, defende, a Xunta debera "axudar a cidadanía a afrontar a carestía da vida". Especialmente, incide Ana Pontón, "a quen máis o necesita".

O "goberno alternativo" do Bloque presenta o seu programa para "axudar a cidadanía a afrontar a carestía da vida"

As medidas presentadas polo Bloque pretenden, nalgúns casos, ampliar, estender ou recuperar políticas sociais xa anunciadas ou mesmo implantadas no pasado polos Gobernos de España e Galicia. É o caso das "subvencións á compra de lentes e audiófonos", que "supoñen un gasto extraordinario moi importante para moitas persoas". "As axudas neste ámbito están moi limitadas; a proposta nacionalista pasa por amplialas a todas as persoas con ingresos que non superen o salario mínimo interprofesional", situado actualmente en 1.184 euros mensuais.

Xuntanza do 'goberno alternativo' do BNG, este martes CC-BY-NC-SA BNG

Nesta liña, ante os primeiros pasos do abono único de transporte do Estado, o Bloque retoma a súa proposta de "bono único de transporte en Galiza" por 30 euros ao mes. Esa tarxeta, indican, debera "permitir utilizar todos os medios, tanto de autobuses como de transporte de ría" e "negociar tamén a inclusión das liñas interiores de ferrocarril".

Máis axudas sociais de vivenda e Risga compatible co IMV

As medidas formuladas por Pontón inclúen estender a declaración de zonas tensionadas a todos os concellos con máis de 10.000 habitantes e subas do alugueiro superiores a un 20% nos últimos cinco anos

Nun contexto marcado pola crise da vivenda, o plan Vida Digna que o BNG se dispón a trasladar a iniciativas parlamentarias promove empregar ferramentas xa existentes como a lei estatal de vivenda. Neste caso, para estender as declaracións de zonas tensionadas "a todos os concellos de máis de 10.000 habitantes que sufrisen un incremento do prezo do alugueiro de máis dun 20% no último lustro". [O efecto da zona tensionada: A Coruña, única cidade galega que abarata o alugueiro]

Ademais, canda o seu xa reclamado programa de "compra pública de vivenda construída" para arrendar a prezo limitado, Pontón reclama que incrementar o complemento de alugueiro da Renda de Inclusión Social e lograr de vez que esta prestación galega sexa compatible co Ingreso Mínimo Vital do Estado (IMV). Por iso, anuncia, o BNG vai volver propoñer a conxelada reforma da Lei de Inclusión de Galicia, que impide a compatibilidade de ambas axudas. [Política Social xa reduce a súa conxelada renda de inclusión a "complemento" da axuda estatal]

Cara á Consellería de Política Social diríxense tamén outras das liñas do plan formulado polo BNG. É o caso de "duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas" -a Xunta teno conxelado en 18 euros ao mes- ou "recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos", medida lanzada polo Goberno galego durante a pandemia, cancelada en 2022 e recuperada parcialmente por orde do Estado, que a financia con fondos europeos transferidos ás autonomías (no caso galego, 7,3 millóns neste 2026).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.