O BNG dálle a Feijóo os balances que a Xunta lle pediu a Navantia

Mobilización do persoal de Navantia CC-BY-SA CCOO Galicia

O pasado mércores o presidente da Xunta aproveitaba unha pregunta de AGE na sesión parlamentaria de control para anunciar a súa intención realizar achegas ao plan estratéxico de Navantia, entre as que figuraría a petición de "balances diferenciados" para os centros do estaleiro público en Ferrol, Cartagena e Cádiz. Vinte e catro horas despois Alberto Núñez Feijóo concretaba, tras a reunión semanal do Goberno galego, que dende o seu gabinete "plantexamos unha conta diferenciada para cada un dos estaleiros" para "saber os resultados, os custos, os números, as perdas e as ganancias e a competitividade e eficiencia de cada centro de traballo". Apenas pasou un día e Feijóo xa ten os datos, pero non procedentes da empresa estatal.

Despois de que Feijóo formulase esa petición mentres, simultaneamente, cargos do PP ferrolán se manifestaban ante a sede da SEPI en Madrid, o BNG dirixiuse oficialmente ao presidente para achegarlle a documentación que lle reclama a Navantia. "Remitímoslle os balances dos diferentes centros de Navantia" porque "son públicos", evidencia a voceira do Bloque en materia de industria, Carme Adán. Para Adán esta petición do Goberno forma parte do "espectáculo lamentábel" que están ofrecendo diversos cargo do PP nos últimos días, "dicindo que van buscar carga de traballo" cando esta depende en boa medida, di, de que Feijóo "actúe como presidente de Galiza" ante o Goberno central.

"Remitímoslle os balances porque son públicos", subliña o BNG nun escrito dirixido a Feijóo

Neste contexto a parlamentaria nacionalista lembra que "nos últimos cinco anos" o estaleiro público reduciu a súa masa salarial nun 5,8% en Galicia "mentres os servizos administrativos", en Madrid, "aumentaron o seu plantel nun 25%". En canto aos datos que o xefe do Executivo estaba a agardar Adán salienta, por exemplo, que o centro galego do estalerio ten un resultado positivo de 63 millóns de euros, mentres que o de Cartagena presenta perdas de 300 millóns. Malia isto, censura, o Consello de Ministros concede "770 millóns para submarinos en Cartagena e cero euros para o dique flotante" de Ferrol. Por iso o "espectáculo" dos conservadores é "unha vergoña", reitera.

"No período 2008-2012 o único centro con resultados positivos foi o de Ferrol-Fene"

Na documentación remitida ao presidente o BNG indica que, "se descendemos á análise dos resultados por centros, vemos como no período 2008-2012 o único centro da empresa que tivo, en conxunto, resultados positivos foi o centro de Ferrol-Fene, o que resulta indicador de que o problema esencial é o de contar con carga de traballo suficiente", algo que non sucedeu neste tempo, polo que "os resultados positivos poderían ser superiores. Unha cuestión "esencial" é, a xuízo do Bloque, "ademais da negativa actuación no ámbito do xestión empresarial", que "pretendan, a través dun novo plan de reestruturación, trasladarlle ao conxunto do persoal produtivo as consecuencias da súa negativa actuación".

Rey Varela asegura que non vai "consentir" outra reconversión

Mentres Feijóo recibe os datos que, teoricamente, lle deberan servir para defender con maior intensidade o naval galego ante o Goberno central, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, insistía ante a prensa que non vai "consentir" unha terceira reconversión naval na cidade. Malia pertencer ao PP, asegura Rey Varela, el non manterá un "silencio cómplice" se Navantia non dota de carga de traballo os estaleiros ferrolterráns ou se centra neles os recortes.

O alcalde de Ferrol asegura que se vai mobilizar co persoal do estaleiro

Ante as críticas do persoal do estaleiro, que este venres inicia un peche nas instalacións da empresa, Rey Varela defende a mobilización protagonizada por el mesmo e outros alcaldes do PP da comarca, un acto sen "procedentes" para facerlle fronte á "incomprensión e a incompetencia", asegura. Segundo o alcalde conservador cómpre "confiar en Ferrol" e na súa "resistencia fronte ás adversidades". Por este motivo, afirma, vai acudir ás mobilizacións convocadas polo persoal do estaleiro para os vindeiros días.

Carme Adán, deputada do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Gráfico incluído na documentación CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.