A deputada do BNG Montse Prado ve no concurso para contrar interrupcións voluntarias do embarazo de menos de 14 semanas na privada unha "escolla claramente ideolóxica" e insta a Xunta " a dotar o Sergas dos recursos necesarios"
"O dereito ao aborto, a decidir sobre os nosos corpos, conquistámolo as mulleres a base de moita loita, e non lle imos permitir que nos poñan obstáculos para exercelo". Así se expresou a deputada do BNG Montse Prado este xoves no marco da Comisión de Sanidade do Parlamento, onde interpelou o director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, a respecto do concurso publicado este agosto pola Xunta para a contratación dun servizo de interrupción voluntaria dos embarazos (IVE) de menos de 14 semanas de xestación, e que non impliquen un risco para a embarazada, na sanidade privada.
"Esta licitación non ten a ver coa falta de recursos, ten a ver cunha escolla claramente ideolóxica do PP co obxectivo de facilitarlle o negocio á sanidade privada e ten a ver coas súas posicións cada vez máis ultras no que a dereitos das mulleres se refire", asegurou Prado, que alertou do intento do Goberno galego de "estigmatizar" as mulleres que deciden someterse a unha IVE neste período derivándoas a clínicas privadas "como algo excepcional", en lugar de atendelas no seu hospital de referencia "como en calquera outra prestación".
O director xeral de asistencia sanitaria do Sergas xustificou que como estas interrupcións do embarazo voluntarias se consideran "de urxencia", "cando excepcionalmente sexa necesario para evitar demoras" o Sergas está obrigado a contar cun "servizo complementario" que ata o de agora se realiza en dous centros privados autorizados: a clínica Arce da Coruña e a clínica Castrelos de Vigo. Aboal volveu incidir, como xa fixera a Consellería nun inicio, en que a contratación que ofertou agora Sanidade obedece á petición do Consello de Contas non autorizar casos concretos e agrupalos nun mesmo contrato para "regularizar" esta práctica.
O director xeral de asistencia sanitaria certifica que o 35% dos abortos voluntarios financiados polo Sergas entre 2019 e 2022 realizáronse en clínicas privadas
A licitación anunciada, defendeu a deputada nacionalista, supón "un paso máis na carreira irresponsábel na que leva o PP os últimos catorce anos para descapitalizar a sanidade pública en beneficio da privada". Montse Prado instou a Xunta a destinar os 2,5 millóns de euros do contrato das IVE "a dotar o Sergas dos recursos necesarios" para garantir a prestación dunha asistencia que, lembrou, está contemplada na carteira básica de servizos da sanidade pública galega.
Prado calculou que se o Sergas prevé externalizar 800 intervencións que considera pouco complexas, e tendo en conta que en Galicia hai 14 hospitais públicos, dá "unha media de pouco máis de unha á semana". "Cales son as dificultades insalvábeis para non poder encaixar na programación de cada hospital un aborto á semana?", preguntou a deputada nacionalista, quen tamén cuestionou se, máis que unha xustificación científica, haberá hospitais "con obxeccións de conciencia colectivas, incitadas, que están prohibidas por lei".
Prado (BNG) emprazou o Sergas a planificar as intervencións de IVE "como programan para que haxa profesionais para realizar unha transfusión ou operar un apéndice"
Jorge Aboal informou de que entre os anos 2019 e 2022 realizáronse en Galicia 19.168 interrupcións voluntarias do embarazo, das cales 11.752 foron financiadas polo Sergas e 7.416 tiveron lugar en centros privados sen pasar polo sistema público. Dos abortos que tiveron lugar ao abeiro do Sergas, un 65% (7.644 casos) foron practicados directamente nos centros públicos e un 35% (4.108) realizáronse nas clínicas privadas autorizadas por Sanidade.
"O Sergas garante o dereito a realizar interrupcións do embarazo en todas as áreas sanitarias e en todas as etapas de xestación que contempla a lei", defendeu o alto cargo do Sergas, que volveu remitirse ao Ministerio de Sanidade a respecto da creación dun rexistro de profesionais sanitarios obxectores de conciencia, un rexistro que confirmou que existe en cada unha das áreas sanitarias galegas. Neste sentido, Montse Prado replicou que "usan a obxección de conciencia de xeito torticeiro e escurantista" e emprazou o Sergas a planificar as intervencións de IVE "como programan para que haxa profesionais para realizar unha transfusión ou operar un apéndice".