O Sergas xustificou oficialmente o contrato, de medio millón ao ano, pola "falta de recursos, tanto materiais como humanos", pero o conselleiro evita explicalo á Cámara, na que BNG e PSdeG o acusan dunha decisión "ideolóxica"
O pasado 23 de agosto Praza.gal revelou que o Sergas vai subcontratar con centros privados 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano por 480.000 euros co argumento oficial dunha "falta de recursos, tanto materiais como humanos" no sistema público derivada a segunda do "dereito a exercer a obxección de conciencia". Máis tarde Sanidade engadiu o argumento de que estes abortos, unha parte dos máis de 3.000 voluntarios, non terapéuticos, que se practican en Galicia ao ano, "non son complexos", o que lle permitirá aproveitar o seus quirófanos para outros casos.
Este mércores BNG e PSdeG levaron a cuestión ao Parlamento de Galicia, pero non lograron que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicase esa falta de persoal e medios do sistema público. O conselleiro centrou a súa argumentación en asegurar que o Sergas ten a intención de reducir o número de abortos que se subcontratan á privada pero que sempre será necesario dispoñer dese recurso externo para casos "excepcionais", entre os que só puxo como exemplo o de traballadoras da sanidade pública que decidan voluntariamente interromper os seus embarazos nun centro privado para garantir a súa intimidade.
Comesaña tamén se escudou en que, como xa contou este diario, o Consello de Contas viña pedindo ao Sergas que mudase o xeito que tiña ata agora de subcontratar estes abortos de xeito puntual malia ser habituais e pasase a regularizalos a través dun contrato por concurso público. Porén, e malia asegurar que a súa aspiración é aumentar a porcentaxe de abortos que se practican na pública, o conselleiro non aclarou por que o contrato agora lanzado terá unha duración de tres anos prorrogables ata cinco.
A deputada do BNG Montse Prado pregúntase "por que a falta de recursos afecta ao dereito ao aborto e non a outras prestacións"
Desde a oposición as deputadas Montse Prado e Noa Díaz, de BNG e PSdeG, criticaron que o Sergas lanza agora este contrato por unha decisión "ideolóxica". Para a nacionalista o novo contrato é froito da "carreira irresponsable do PP para descapitalizar a sanidade pública en beneficio da privada" e preguntouse "por que a falta de recursos afecta ao dereito ao aborto e non a outras prestacións". Prado reclamou que os 2,5 millóns que o Sergas está disposto a gastar no contrato sexan destinados a dotarse de máis persoal e medios propios.
A socialista Noa Díaz di que co contrato agora lanzado "van converter en norma o que debera ser a excepcionalidade"
Pola súa banda, a socialista Díaz lembrou que a lei establece que a rede sanitaria pública sexa a de referencia e que as mulleres sexan atendidas no centro máis próximo ao seu domicilio. E tomando a palabra do conselleiro cando este falou de casos excepcionais para os que o Sergas debe poder contar co apoio da privada para realizar determinados abortos, Díaz lamentou que co contrato agora lanzado "van converter en norma o que debera ser a excepcionalidade".