O BNG encara o 21-O: "soberanía" fronte ás "mentiras de Feijóo"

Jorquera, Vázquez e outros dirixentes nacionalistas, no inicio do acto CC-BY-NC-SA BNG

Non foi o 2012 o ano máis tranquilo para o BNG. A vaga expansiva da asemblea nacional de Amio abafou a formación nacionalista nos seus meses máis complexos mentres Galicia arrecendía, cada vez con maior intensidade, a adianto electoral. Isto foi así ata o pasado 13 de maio, cando o Bloque aproveitou o lanzamento de Francisco Jorquera como candidato á Presidencia para, dalgún xeito, quitar o loito e amosar que as feridas suturaran. Foi aquel un acto no que, por primeira vez nun bo treito, os sorrisos lles gañaron a partida aos xestos de preocupación. Ese mesmo espírito foi o que o BNG tentou infundir este domingo. No mesmo escenario que en maio e co mesmo formato, o de convención nacional, os nacionalistas puxeron o seu trixésimo aniversario como pista de saída para a recta final da carreira electoral do 21 de outubro, unhas eleccións que "están abertas, non vos caiba dúbida", advirte Jorquera.

"Do eólico a Pemex, mentira tras mentira", resume Guillerme Vázquez

Despois de que, nas últimas semanas, os xulgados e a sombra da corrupción ameazase con engulir de novo unha campaña electoral galega, o rebumbio en torno aos incertos contratos do naval galego con Pemex serviulle a Jorquera en particular e ao Bloque en xeral para lanzar os dardos políticos a un dos eixos da campaña do PP: a fiabilidade. En síntese, "soberanía nacional" contra a "mentira de Feijóo". "Vou compartir unha primicia con vós: Feijóo mente", ironizou dende o atril o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich. "Do eólico a Pemex, mentira tras mentira", resumiu no seu discurso o portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

Nun acto con vocación coral, todas as voces que se escoitaron no Palacio de Congresos de Galicia esforzáronse tamén en situar o BNG como a única forza netamente galega que concorre aos comicios de outubro. "O BNG non é un híbrido nin un transxénico, é un produto 100% galego", ilustra a número dous pola Coruña, Ana Pontón. "Só pode defender a soberanía unha forza política soberana", asegura Jorquera, que advirte, ante as novidades do taboleiro electoral, que "o BNG non necesita voar con ás emprestadas" nin precisa "tutelas alleas". "Non temos os centros de decisión en Madrid, somos soberanistas e defendemos a soberanía".

O "problema" do PP

Jorquera: "É posíbel derrotar á dereita española, o primeiro en sabelo é o PP"

A apenas catro días do inicio formal da campaña Jorquera fai especial fincapé en advertir de que non hai nada decidido. "É posíbel derrotar á dereita española" e "o primeiro en sabelo é o PP". Por iso, di, "non ten reparos en utilizar todos os resortes do poder, en recorrer á guerra sucia, o único que saben é lixar, como fixeron co Prestige, para tentar manter o Goberno". Nun sentido semellante, e aínda máis abertamente, afondou nesta mesma mensaxe Guillerme Vázquez: "Sen dúbida, hai que perseguir o roubo e a corrupción", di o portavoz nacional; "o BNG non tolera que ninguén meta a man na caixa", pero "non estou disposto a calar fronte a unha xustiza que que pode acabar coa honra das persoas antes de probar a súa culpa". "Onde está a xustiza para perseguir os estafadores das preferentes?", preguntouse, antes de aclarar aínda maís a cuestión: "por se a alguén lle queda algunha dúbida: todo o meu recoñecemento, apoio e aplauso ao noso compañeiro Fernando Varela", o edil ourensán que presentou a súa dimisión tras ser imputado no caso Pokémon.

Neste contexto de, a xuízo dos nacionalistas, xogo "sucio" do PP, Jorquera coida que os conservadores só teñen "un problema". "Ese problema é o BNG", di o candidato, xa que "todo o mundo sabe que non se pode desperdiciar un voto" para que sexa "posíbel o cambio real que necesita este país". Mentres non chega a cita coas urnas, di, Feijóo seguirá a "tentar meter medo co nacionalismo", pero "o que mete medo é como as políticas do PP están deixando este país". "Non quere que Galiza sexa un problema para España, pero non lle preocupa que España é un problema para Galiza", di. "Non merece gobernar Galiza quen despreza a Galiza, temos que gobernás nós a nosa terra porque nós si que cremos nela", conclúe. Para os Bloque, en verbas do presentador do acto, o debuxante Xosé Lois González, O Carrabouxo, "o único adianto que houbo neste país nos últimos tres anos e medio" foi, precisamente, o das eleccións.

Intervención de Jorquera CC-BY-NC-SA BNG
Aperta entre Jorquera e Quintana CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.