O BNG propiciará que o PPdeG se pronuncie sobre os 'ventres de alugueiro' e Rueda evita "dar unha opinión categórica"

Unha muller embarazada CC-BY-SA Anastasiia Chepinska / Unsplash

Pontón: "As galegas teñen que saber se o presidente de Galiza comparte unha proposta que vai en contra do seus dereitos e liberdades"

A publicación, na revista ¡Hola!, dunha reportaxe na que amosa como "madre dunha nena nacida por xestación subrogada" á presentadora e empresaria Ana García Obregón, que foi recoller a nena aos Estados Unidos, puxo no centro do debate político e social a cuestión dos ventres de alugueiro. Máis aínda despois de que o PP se amosase partidario de "regular" -legalizar, toda vez que a actual regulación consiste na súa prohibición- este tipo de prácticas se non implican contraprestación económica e son realizadas de maneira "altruísta".

Diante desta viraxe da formación que agora encabeza Alberto Núñez Feijóo -que este mesmo xoves matizou que é partidario do debate, pero non neste momento-, o BNG cre preciso que o PP galego aclare se secunda á dirección presidida polo ex-titular da Xunta. "As galegas teñen que saber se o presidente de Galiza comparte unha proposta que vai en contra do seus dereitos e liberdades", considera Ana Pontón, e por iso o Bloque propiciará que os populares teñan que pronunciarse ao respecto.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na sesión de control do Parlamento o pasado 22 de marzo CC-BY-NC-SA BNG

Durante o próximo pleno do Parlamento, avanza Pontón, o BNG proporá "unha declaración institucional rexeitando a legalización dos ventres de alugueiro". Esta é unha figura que adoita utilizarse para que a Cámara, como institución, se pronuncie sobre un determinado asunto e para que saia adiante é imprescindible a unanimidade dos grupos. Neste caso, dada a posición do Bloque e o xa coñecido rexeitamento do PSdeG -Pedro Sánchez tamén o explicitou no seu discurso de investidura en 2020-, só un "non" do PP impediría sacalo adiante.

"A mulleres non somos incubadoras e temos dereito a que se nos salvagarde ante calquera intento de mercantilizar os nosos corpos". Por iso, defende Pontón, calquera intento de legalizar esta práctica sería "un retroceso" que afectaría "sobre todo, a aquelas que están nunha posición de maior vulnerabilidade". De aí, razoa, que sexa pertinente que o Parlamento fixe posición "en contra desta involución nos dereitos das mulleres".

Alfonso Rueda, ante a prensa tras o Consello da Xunta deste 30 de marzo de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Pouco despois do anuncio de Pontón, o presidente da Xunta era cuestionado sobre o xiro do seu partido a respecto da chamada xestación subrogada. Defende Alfonso Rueda que este "non é un asunto sinxelo" e require "un debate sosegado" sen "posturas apriorísticas de 'non, en ningún caso' ou 'si, en absoluto'" máis alá de que, coida, "a liña vermella é a mercantilización". "Non poderiamos admitir" que existise un "tráfico mercantil" que implicase "alugar o ventre" dunha muller, sinala o tamén presidente do PP en Galicia.

O presidente da Xunta di non ter un "xuízo formado" ao respecto alén de que a "liña vermella" na denominada xestación subrogada "é a mercantilización" e pide un "debate sosegado" ao respecto

"Dende logo", di Rueda, non apoia "pagar por isto", se ben non se "atreve" a "dar unha opinión categórica" se ese pagamento non existe. "É un tema complexo e mesmo partidos políticos, incluído o meu, poden ter puntos de vista diferentes", de aí que se "alegre" de que o PP "sexa o que está propoñendo" un debate que non debe ser abordado como faladoiro "de prensa rosa". El, en calquera caso, admite, non ten "un xuízo formado" sobre a cuestión.

Esta non será, en calquera caso, a primeira vez que o PP de Galicia teña que fixar postura sobre os ventres de alugueiro no Parlamento. Xa sucedeu, cando menos, nunha ocasión. Foi en 2017, daquela a raíz dunha iniciativa formulada tamén polo BNG, que instaba o Goberno de Feijóo a "oporse á legalización, regulamentación e banalización" desta práctica. A proposta recibira o apoio de En Marea e do PSdeG pero non do PP, que reclamara un "un debate sereno, serio e responsable", se ben evidenciaba a súa oposición a "todas aquelas prácticas que supoñan a explotación das mulleres sometidas a este proceso, pero tamén a compra-venda de nenos e nenas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.