O BNG propón ao Estado declarar o litoral galego "non apto" para a eólica mariña

Parque eólico mariño CC-BY-NC-SA Dennis Schroeder / NREL

O Bloque remite un documento ao Ministerio para a Transición Ecolóxica no que lle pide declarar "non apto"  o litoral galego para a eólica mariña

O BNG vén de remitir un documento ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un documento no que propón declarar o litoral galego como espazo "non apto" para a instalación de parques eólicos mariños. 

O escrito é a reacción á consulta pública, por parte do Ministerio, sobre a avaliación ambiental dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) para regular a instalación destes parques na costa galega.

Instalación dos tres aeroxeradores flotantes de WindFloat Atlantic fronte a Viana do Castelo © WindFloat Atlantic

Segundo o comunicado emitido polo BNG, ao seu ver a implantación da eólica mariña é "incompatible" coa actividade pesqueira, un sector que lembra que é "clave" desde o punto de vista económico e medioambiental. 

A portavoz parlamentaria de Pesca do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, destaca que a pesca produce beneficios para todo o país e "non só para catro grandes emrpesas", ademais de xerar emprego "tanto directo como indirecto".

“Nun momento en que a propaganda das multinacionais e dos gobernos está empeñada en convencernos de que a eólica mariña é a salvación de todos os nosos males, temos que poñer en valor o sector pesqueiro que é punteiro desde o punto de vista económico e do medio ambiente e que produce beneficios para todo un Pais e non só para catro grandes empresas”, asegura a deputada de Ribeira.

O BNG esixe á Xunta que "exerza as súas competencias" e "encabece" a defensa do sector pesqueiro e mariñeiro

Ademais, o Bloque esixe á Xunta que "exerza as súas competencias" e "encabece" a defensa do sector pesqueiro e mariñeiro para que as "grandes eléctricas" non "acaben con todo". No documento remitido ao Ministerio de Transición Ecolóxica, o BNG tamén advirte da "perigosidade" da maior concentración do tráfico marítimo comercial que se produciría por mor da instalación dos parques, cunha afectación ao "marisqueo de a pé e a flote". 

“A posibilidade de incluír plataformas físicas ou áreas eólicas, que poidan modificar e concentrar aínda máis o tráfico marítimo comercial e pesqueiro fronte ao litoral de Galiza, influiría negativamente nos xa alarmantes parámetros de seguridade marítima”, explica o BNG.

Alén disto, a formación nacionalista destaca as competencias que Galicia ten sobre toda a súa costa, na que calquera instalación requeriría da autorización por parte da Xunta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.