O BNG propón un monumento na memoria de Ánxel Casal, asasinado hai 85 anos

Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Néstor Rego na homenaxe a Ánxel Casal en Santiago CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz municipal en Compostela, Goretti Sanmartín, reclaman no 126 aniversario do nacemento de Ánxel Casal unha estatua coa súa figura diante da antiga sede do Concello de Santiago, do que foi alcalde, na praza de Cervantes

Memoria, xustiza e reparación. Por estes principios propón o Bloque Nacionalista Galego que se erixa unha estatua coa figura de Ánxel Casal –"un galego de corazón que o deu todo por Galiza, pola democracia e pola liberdade", salientou Ana Pontón– diante da sede do antigo Concello de Santiago de Compostela, onde foi alcalde, na praza de Cervantes.

A portavoz nacionalista no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, lembrou que esa proposta xa foi aprobada pola corporación compostelá hai dous anos. "Estamos fartas do inmobilismo do Goberno local do PSOE", criticou, ao tempo que reclamou ao equipo municipal "que cumpra cos seus compromisos".

"Homenaxear a Casal é facelo a una Compostela respectuosa coa lingua, coa cultura, co territorio, cos sectores máis desfavorecidos, coa educación, cos valores do feminismo e do ecoloxismo, cos dereitos humanos… Ese Santiago que Casal sementou non pode estar satisfeito ata que a estatua na súa honra sexa unha realidade", aseverou Ana Pontón.

Ánxel Casal e a súa compañeira, María Miramontes CC-BY-SA Praza Pública

A portavoz nacional do BNG anunciou que volverá presentar no Parlamento unha proposta para a creación dunha Lei de memoria democrática "que permita esclarecer a verdade do asasinato de Casal [fusilado en 1936], e de tantas outras persoas asasinadas, e dar paso ao seu recoñecemento público". 

"Non hai posibilidade de avanzar nun futuro con garantías democráticas firmes se non transmitimos a verdadeira historia do noso pasado. As políticas que desenvolveu o Estado español están baseadas na amnesia, no esquecemento, e así non hai posibilidade de facer xustiza e de evitar que se repitan os mesmos erros", salientou Pontón, para indicar que é "fundamental" crear comisións de memoria histórica en todas as institucións.

Con motivo do 126 aniversario do seu nacemento, o BNG de Santiago organizou este venres a homenaxe a Ánxel Casal, impulsor do Estatuto do 36 e un dos principais promotores da lingua galega a través da editorial Nós. "Sabemos que a Historia non é neutra e que invisibiliza, ou pon na marxe, as mulleres. E nós queremos unha Galiza coas mulleres no centro", sinalou Pontón para lembrar tamén a María Miramontes, impulsora xunto a Casal das escolas das Irmandades da Fala.

Ana Pontón quixo destacar o labor de "editor de nación" de Casal desde a imprenta da Rúa do Vilar. Pois simboliza –dixo– "o orgullo e a autoestima, a capacidade de intervir culturalmente no mundo desde Galiza, na nosa lingua, co pensamento máis vangardista, coas creacións máis orixinais". "Se Feijóo e o PP leran as obras editadas por Casal nunca se atreverían a prohibir o galego para as matemáticas ou a tecnoloxía", engadiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.