Ana Pontón chama a ”abrir as portas do BNG a tódalas persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón” e salienta que a formación chega aos 40 anos ”en plena forma” e ”disposto a saír gañar”
O frontón de Riazor, o lugar que o 25 de setembro de 1982 foi escenario da fundación do Bloque Nacionalista Galego, encheuse para a celebración dos 40 anos de andaina política da formación nacionalista. ”O BNG chega aos 40 anos en plena forma –aseverou a portavoz nacional do partido, Ana Pontón– e disposto a saír gañar, a gañar unha saída xusta e galega a esta crise, a gañar un futuro mellor, con máis BNG nos concellos, en Madrid e en Europa. E, por suposto, disposto a gañar o Goberno da Xunta e darlle a Galiza unha presidenta do BNG coas mans libres para defender aos galegos e ás galegas”.
Ana Pontón acreditou na ”alternativa sólida” que representa o partido tras catro décadas e fixo un chamado a ”conxugar tres verbos: ensanchar, ampliar e incorporar” para ”abrir as portas do BNG a tódalas persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”. ”Ese é o gran reto que temos nestes momentos”, salientou, nun acto no que tamén interviron o histórico líder da UPG Francisco Rodríguez, a militante Pascuala Dourado, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado no Congreso Néstor Rego, a eurodeputada Ana Miranda, a deputada no Parlamento Noa Presas e a secretaria xeral de Galiza Nova Marta Gómez.
Coa vista posta nas eleccións municipais de 2023, Miguel Anxo Fernández Lores, que recuncará como candidato para revalidar a alcaldía de Pontevedra, pediu que se loite ”contra o localismo, veña de onde veña” e argumentou que ”toca mudar de estratexia, actuar á ofensiva, ser audaces. Hoxe toca crer en nós mesmos e perseguir obxectivos ambiciosos, así logramos uns grandes resultados nas eleccións galegas de 2020”. Fernández Lores sinalou ”certo timoratismo” nalgúns municipios e recalcou que nesta altura teñen ao seu alcance ”obxectivos impensables” hai poucos anos.
”Móvenos a ansia de non sermos un pobo subordinado. Isto é o principal que nos moveu na formación do Bloque”, apuntou Francisco Rodríguez
A deputada no Parlamento Europeo Ana Miranda fixo fincapé en que o BNG sempre foi unha forza con ”vocación internacionalista” e puxo en valor o traballo e dedicación de Camilo Nogueira. ”Camilo foi imprescindible na unidade do nacionalismo galego e na historia recente de Galiza”, dixo, co público en pé para aplaudir ao histórico nacionalista.
Francisco Rodríguez lembrou que o encontro de hai 40 anos no frontón de Riazon realizouse ”nunhas circunstancias moi difíciles” e co obxectivo de ”poder continuar nunha liña política fundamentada en que somos galegos e galegas conscientes porque acreditamos en que o noso pobo existe, queremos que o noso pobo teña vontade expresa de existir. Móvenos a ansia de non sermos un pobo subordinado, un pobo dependente. Isto é o principal que nos moveu na formación do Bloque”.
”O nacionalismo significa cambiar o mundo empezando pola parte que temos máis cerca”, dixo Ana Pontón
Esa capacidade de ”facer política en clave galega” é unha das tres fortalezas que destacou Ana Pontón na súa intervención. A segunda foi o feito de contar cunha ”organización sólida, asentada en todo o territorio e coas ideas claras” e a terceira que ”o BNG é moito máis que unha organización, é un sentimento de amor e un compromiso vital coa nosa nación”. ”O nacionalismo significa cambiar o mundo empezando pola parte que temos máis cerca”, resumiu.
Pontón criticou esta crise ”é unha grande estafa para a maioría social” na que uns poucos "se están forrando”. ”Quero dicirlle á xente moza que pelexa por un traballo digno, ás persoas maiores que non dan estirado máis a pensión, ás familias que non chegan a fin de mes, aos gandeiros que producen o leite e carne sen cubrir custes; ás persoas autónomas que fan malabarismos para manter en pé os seus negocios, a todos e todas elas quero dicirlles que poden contar co BNG para conseguir unha saída xusta e galega desta crise”, incidiu.
”Galiza necesita máis que nunca unha forza libre como o BNG, libre de ataduras a Madrid e libre de ataduras aos grandes lobbys”, defendeu Pontón
Cunha intervención cargada de humor a cargo de Isabel Risco e Miguel Pernas e a música da canción 'O soño necesario para un soño', interpretada por Mini, Jasper e Navia Rivas, completouse un acto de celebración ”coa vista posta no futuro”. ”Se hoxe estamos aquí é grazas a todas as persoas que abrístedes un camiño que se ensanchou e se ensanchou ata o que é hoxe”, trasladou Ana Pontón ao máis dun millar de persoas presentes no frontón de Riazor.
”Galiza necesita máis que nunca unha forza libre como o BNG, libre de ataduras a Madrid e libre de ataduras aos grandes lobbys económicos, capaz de dar unha solución xusta e en clave de país á crise”, manifestou Pontón para enumerar alternativas como a tarifa eléctrica galega, acabar cos beneficios caídos do ceo das grandes corporacións, a creación dunha empresa pública de enerxía ou subirlles os impostos ás eléctricas, ás petroleiras e á banca.