O BNG tenta frear o recorte das axudas da Xunta ás vítimas da violencia machista

Adán e Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

O pasado día 5 a Xunta facía oficial o recorte do 24,5% no salario da liberdade, isto é, ás axudas para vítimas de violencia de xénero que dependen economicamente dos agresores. Amparándose nunha previsión de redución de solicitudes, a Secretaría Xeral da Igualdade deixa a partida orzamentaria que financia o salario da liberdade en 1,9 millóns de euros, unha tesoirada que aplica malia verse forzada, en anos anteriores, a ampliar o cŕedito dos subsidios ante, precisamente, o gran volume de peticións. Neste contexto é no que o BNG vén de presentar varias iniciativas parlamentarias para tentar frear este recorte.

Carme Adán, voceira do Bloque neste ámbito e secretaria xeral de Igualdade cando as axudas botaron a andar, coida que "a redución da partida do salario da liberdade agrava a situación das mulleres vítimas de malos tratos e con grandes dificultades para o acceso ao emprego". Ademais, subliña a nacionalista, esta redución chega despois de que en 2011 a Xunta aplicase "condicións máis estritas para as mulleres que pretendían solicitala" e nun contexto no que non comparte a previsión de que as axudas se reducirán: "se no ano 2011 foron 300 mulleres as que accederon á axuda e no 2012, 368 -di Adán- por que a Xunta asegura que no 2013 esta cifra vai diminuír?".

 

As axudas recórtanse aínda que, en anos anteriores, a Xunta se viu obrigada a dotalas con máis fondos ante o gran volume de solicitudes

Neste escenario, a formación frontista considera que o freo á tesoirada debera vir acompañado dunha modificación dos "criterios que regularon esta axudas dende 2006 ata 2010" e así favorecer a "emancipación das mulleres, sobre todo nun momento de crise económica". As dificultades económicas, abonda, deben propiciar que as axudas poidan ser percibidas durante 24 meses -na actualidade o límite está en 18- no caso de que unha vítima de maltrato "siga necesitando" a axuda "para romper a relación co seu agresor".

Esta modificación nas condicións do salario da liberdade deberían levar aparelladas, a xuízo do BNG, dun "estudo sobre as axudas contra a violencia de xénero coa fin de avaliar a situación". No mesmo sentido o voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, agarda que os demais grupos se sumen a estas iniciativas porque "a violencia de xénero é un problema de primeira orde" cuxas vítimas, en tempo de rise, teñen maiores dificultades para non ficar cos maltradores por causas económicas.

Adán e Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.