O caso das polémicas dietas de goberno en Valga seguirá pola vía contenciosa tras o arquivo penal

O alcalde, Bello Maneiro, tras coñecer o arquivo da causa penal © Concello de Valga

A Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu arquivar a investigación aberta contra a maioría do goberno local de Valga por un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación. As xuízas, malia que a Fiscalía recoñecera varias irregularidades e o escurantismo destes pagamentos, decidiu o arquivo do caso polo que investigou sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde, José María Bello Maneiro, polo cobro de importantes dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, peculiar figura allea aos órganos colexiados e instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas.

A Audiencia de Pontevedra pon fin ao proceso penal pero aclara que as posibles irregularidades poden ser resoltas pola vía contencioso-administrativa

No auto de finais do pasado mes de abril, o tribunal rexeitou o recurso de apelación dos demandantes contra o arquivo da causa que xa decretaran os xulgados de Caldas, unha decisión para a que non hai opción ao recurso, polo que se pon punto final ao procedemento penal. Non así ao contencioso-administrativo, que será a vía que adopte agora o grupo do PSOE local, quen iniciara a longa batalla xudicial en 2015. 

Cun gasto público medio de 15.000 euros anuais e de case medio millón desde 1992, o ex-interventor do municipio situou á marxe da lei estes pagamentos, que tamén foron postos en dúbida polo Consello Xeral de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital) durante a investigación. Mesmo o propio xulgado e a Fiscalía recoñeceron o escurantismo, os escasos datos e a falta de xustificación destas polémicas comisións de coordinación en Valga. Mesmo un ex-interventor do Concello ratificara ante a xuíza que as dietas estaban á marxe da lei

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Agora a Audiencia, no seu auto, aclara que non hai delito de prevaricación nin malversación, ao non determinarse que se actuase fóra da legalidade administrativa e porque as polémicas reunións foron creadas legalmente e cunhas retribucións aprobadas cada ano polo pleno e sen informes en contra de secretarios ou interventores municipais.  

A legalidade das polémicas dietas fora posta en dúbida por un ex-interventor e a Fiscalía advertira do escurantismo, os escasos datos e a ausencia de xustificación

Con todo, aclara que, "aínda cando concorresen irregularidades" --que di que non lle "corresponde analizar"--, esas poderían ter sido determinadas cun "expediente adminitrativo no que se puidese declarar a nulidade dese gasto". "As normas administrativas prevén supostos de nulidade controlables pola xurisdición contencioso-administrativa sen que sexa necesaria a aplicación do Dereito Penal", di. 

"O auto emitido en ningún momento recoñece que as comisións de coordinación sexan legais. Non entra a valorar a legalidade ou non, simplemente se centra en que non é por vía penal onde se debe resolver esta cuestión", di o PSOE local, que aclara ser "consciente de que este proceso ía ser lento e longo, que non ía rematar no xulgado nin na Audiencia Provincial". 

Desde que se fixera pública a investigación, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. En todos eles, a oposición estaba pendente da resolución xudicial no caso da vila pontevedresa, o que podería encher os xulgados de denuncias semellantes, a maioría sobre gobernos locais do PP. De feito, a oposición en Outes, Noia, Porto do Son, Cabanas, Neda e Curtis pedira xa explicacións sobre dietas como as que acabaron no xulgado en Valga.

A oposición en Outes, Noia, Porto do Son, Cabanas, Neda ou Curtis pedira xa explicacións sobre dietas como as que acabaron no xulgado en Valga

O grupo socialista da loclaidade insistiu varias veces en que as polémicas comisións "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este Concello, pero tamén desde outros, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Dúbidas da Fiscalía e dos interventores

O documento achegado por Cosital na investigación asegura que a creación destas polémicas comisións "é legal", pero aclara que "non se axeita á legalidade" que ese órgano complementario "non estea regulado a través do regulamento orgánico municipal" nin "a ausencia dun funcionario público que actúe como secretario" nas xuntanzas. Ademais, advirte que para determinar a legalidade das dietas recibidas polos concelleiros "habería que determinar que funcións desenvolve a devandita comisión e se estas funcións teñen suficiente entidade como para xustificar o establecemento dun réxime de indemnizacións na contía que se establece", algo que "non se desprende da documentación achegada". 

A propia Fiscalía, no informe no que solicitara o sobresemento, recoñece o cobro das dietas e que "o contido, funcionalidade e necesidade" das comisións "non aparecen debidamente xustificados" tendo en conta as actas das sesións que se achegaron e que, ademais, "non consta a presenza nas sesións do secretario municipal para dar fe e documentar o alí debatido por concelleiros e alcalde". O Ministerio Fiscal engadía, ademais, que "as sumas percibidas non están debidamente xustificadas dende o punto de vista administrativo". 

Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

Malia todo, a vía penal queda finiquitada e queda a contencioso-administrativa. Logo de coñecerse o auto, o alcalde e candidato popular á reelección pediu a dimisión da portavoz socialista, María Ferreirós, cabeza de lista neste 26M, porque cre que "actuou de mala fe". Ademais, pediulle que "rectifique e recoñeza publicamente que se equivocaron e que durante os últimos tres anos intentaron enganar os veciños coas súas denuncias falsas". 

Maneiro defendeu a celebración das comisións "como un órgano importante para a boa organización e funcionamento do municipio" e creitou a "persecución persoal e política" sufrida polos concelleiros implicados, froito dunha "estratexia política para manchar a imaxe deste goberno". 

Estas polémicas comisións, habituais en moitos concellos, celébranse á marxe das xuntas de goberno, das comisións informativas e dos plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con menos cartos

Coa aparición da polémica en Valga, moitos outros grupos da oposición noutros municipios denunciaron a existencia de dubidosas comisións semellantes. Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno --na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente--, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas en Neda, Cabanas, Outes, Porto do Son, Curtis ou Noia. Expertos consultados por Praza.gal dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.