O Congreso reclama a devolución das estatuas do Pórtico mentres o Concello ultima a demanda

Esculturas de Abraham e Isaac © Concello de Santiago

O Congreso aprobou por unanimidade a proposición de En Marea para que a familia Franco devolva as esculturas do Pórtico da Gloria que ten na súa propiedade ao Concello de Santiago. A Comision de Cultura da Cámara Baixa aprobou a proposición non de lei presentada polo deputado Miguel Anxo Fernán Vello para que se leven a cabo as xestión pertinentes, "incluída no seu caso a intervención da Fiscalía", para a devolución das figuras do Mestre Mateo "ao seu lexítimo propietario, que é o municipio compostelán. 

A Comisión de Cultura aproba por unanimidade realizar as xestións pertinentes para que os Franco devolvan as figuras ao Concello

Ao tempo, precisamente, o Concello ultima a demanda xudicial que presentará nos vindeiros días para esixir a devolución das esculturas logo de que finalizase o prazo que lle deu á familia do ditador para que as entregase. Hai un mes, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, enviou un requirimento aos Franco para que devolvesen ao municipio as figuras do Pórtico da Gloria. Nunha carta á filla do xeneral fascista, Carmen Franco, o rexedor dáballes quince días para a súa entrega, antes de emprender as accións legais. Facíao só unha semana despois de que a administración local anunciase que atopara os documentos que acreditan que as esculturas de Abraham e Isaac son propiedade de Compostela.

Segundo confirman fontes municipais a Praza.gal, finalizado sen contestación o prazo dado á familia Franco e fracasado o intento "por acadar un acordo extraxudicial", os servizos xurídicos do Concello ultiman a demanda que presentarán nos xulgados para a recuperación das dúas figuras e para o que se está aínda apañando toda a información e documentación obtida nas últimas semana respecto da súa propiedade. 

Compostela ultima a demanda xudicial para recuperar as esculturas logo de que os Franco non contestasen ao requirimento do alcalde

Á presión desta medida xudicial sobre os Franco unirase, xa que logo, a demanda unánime do Congreso logo de que este martes todos os grupos intervintes na Comisión de Cultura amosasen o seu apoio á iniciativa e En Marea. Fernán Vello apelou a que as esculturas de Abraham e Isaac "deixen de ser produto dun espolico, du latrocinio, dunha pillaxe do patrimonio artístico e pasen a ser de novo propiedade pública", en alusión ao Concello de Santiago. O deputado de En Marea exhibiu durante a súa intervención as escrituras de compravenda achadas pola administración local e que demostran que é ela "a verdadeira peropietaria das dúas tallas pétreas". 

Ademais, Fernán Vello destacou as características das esculturas, reslatando que son "dúas magníficas obras de arte escultórico, de incalculábel valor, talladas entre 1188 e 1211, para formar parte dese monumento universal que é o Pórtico da Gloria, a porta máis fermosa da Terra, e en palabras do escritor Manuel Rivas, 'a primeira grande película da houmanidade rodada en pedra". 

As dúas figuras están na actualidade en mans da familia do ditador franquista, a pesar de que non existe ningún documento de cesión por parte do Concello de Santiago, quen as adquiriu en 1948 por unha cantidade de 60.000 pesetas. Así llelo recordaba Noriega á familia do ditador. O documento notarial de compravenda, así como o resto do expediente, foi atopado tras un traballo de documentación levado a cabo nas últimas semanas nos arquivos da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con historiadores desa institución. Nese documento condiciónase a venda a que as esculturas non saian do patrimonio municipal nin por enaxenación, doazón, concesión de depósito ou calquera outra figura, xa que en caso contrario debería indemnizarse ao propietario anterior con 400.000 pesetas.

As estatuas atópanse na actualidade formando parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017 sobre a obra do Mestre Mateo. Sería o Museo da Catedral e como exhibición permanente, segundo manifesta o Concello compostelán, o seu destino idóneo.

Fernán Vello insta o Ministerio de Cultura a “non permanecer de brazos cruzados perante un espolio manifesto”

Alén disto, Fernán Vello instou o Ministerio de Cultura a “non permanecer de brazos cruzados perante un espolio manifesto”. Así lembrou que tivo varias oportunidades de dirixirse á familia Franco xa que hai uns meses estas tallas estiveron expostas no Museu do Prado. “Máis nada se fixo. Agora temos a oportunidade de non aceptar como normal unha aberrante anormalidade”.

Tamén criticou outra das anormalidades, a existencia dunha Fundación Franco que se dedica “á loa dun ditador”, e rematou facendo un chamamento ao apoio da proposición: "Sumemos a nosa razón e a nosa forza para que as dúas esculturas sexan devoltas e poidan estar ao dispor do pobo”, concluíu, sinalando que “é unha cuestión de xustiza e de decencia”.

Miguel Anxo Fernán Vello © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.