Franciso Conde salienta “a aposta da Xunta por unha Galicia máis innovadora, máis preparada e máis verde” nun acto incluído na súa axenda oficial organizado por unha entidade que se declara continuadora de FAES
Hai un ano o PP creou a Fundación Concordia y Libertad como herdeira doutras fundacións previas ligadas ao partido como a FAES de José María Aznar. Este luns esa nova fundación organizou nun hotel de Santiago un foro denominado Industria 4.0: cara a unha industrialización inclusiva, sustentable e innovadora, evento ao que asistiu o conselleiro de Economía, Francisco Conde, dentro da súa axenda oficial da xornada. Alí Conde, segundo divulgou o seu departamento malia estar en campaña electoral, gabou “a aposta da Xunta por unha Galicia máis innovadora, máis preparada e máis verde, que compatibilice a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento industrial”, traballo que contrapuxo a un suposto rexeitamento do Goberno central socialista dunha “transición xusta e que non xere desemprego”.
A Fundación Concordia y Libertad preséntase como un lugar “onde o centro dereita liberal conservador teña o seu sitio” e na que teñan cabida “os estudos económicos que abandeirou FAES”
Segundo salientou o propio PP hai un ano, a Fundación Concordia y Libertad pretende ser un lugar “onde o centro dereita liberal conservador teña o seu sitio” e na que teñan cabida “os estudos económicos que abandeirou FAES”. O foro que celebrou este luns en Santiago foi inaugurado polo presidente da fundación, o deputado popular Adolfo Suárez Illana, e clausurado por Francisco Conde como conselleiro de economía, segundo se reflectiu na axenda oficial da Xunta e divulgou o Goberno galego nun comunicado de prensa.
Nesa nota de prensa, a Consellería de Economía fixo fincapé no “apoio á industria electrointensiva, e a industria en xeral”, dúas cuestións nas que o PPdeG e a Xunta están a centrar os seus ataques aos socialistas. A nota tamén gaba “o esforzo que fai Galicia para xerar confianza, cuns orzamentos en tempo e forma, ou sendo a comunidade que antes paga aos seus provedores”.
Estes eloxios a políticas do Goberno galego prodúcense despois de que a Xunta Electoral ordenase á Xunta retirar varias campañas propagandísticas nas que se divulgaban supostos logros do Executivo de Feijóo que se consideraron que podían interferir na campaña electoral. Iso non impediu que a Xunta divulgase o pasado xoves un inédito informe coas súas "demandas ao próximo Goberno de España".
No foro deste luns participaron diversos cargos populares
No foro deste luns participaron entre outros, segundo se encargou de divulgar a portavoz do PP no Concello da Coruña, Beatriz Mato, cargos populares como a deputada Tristana Moraleja ou o senador Miguel Lorenzo. A actividade recibiu financiamento do Ministerio de Asuntos Exteriores, departamento público que nos últimos anos xa concedera achegas á Fundación Humanismo y Democracia, da que Concordia y Libertad é herdeira, a través da súa liña de subvencións a fundacións e asociacións vinculadas a partidos políticos.