O Constitucional volve actuar contra o Parlament, que tenta celebrar o luns un pleno

Puigdemont, durante un pleno do Parlament © Parlament de Catalunya

O tribunal suspende a pretendida comparecencia de Puigdemont invocando a tamén anulada lei do referendo pero Catalunya Sí Que Es Pot volve pedila amparándose no regulamento en vigor da Cámara

O pleno do Tribunal Constitucional acordou deixar en suspenso de forma cautelar o acordo do Parlament que fixa para o luns 9 de outubro a comparecencia ante a Cámara do president da Generalitat, Carles Puigdemont, para abordar os resultados do referendo do 1 de outubro. Neste pleno, convocado ao amparo da tamén anulada lei do referendo, prevíase que Puigdemont explicase a votación do 1-O e a estratexia que vai seguir o Govern a partir de agora. Porén, o portavoz de Catalunya Sí Que Es Pot, Joan Coscubiela, pediu a comparecencia de Puigdemont amparándose no regulamento en vigor da Cámara que lle dá ese dereito.

A suspensión do Constitucional produciuse a petición do PSC, que presentou un recurso de amparo no que defende que o acordo que tomou o Parlament para fixar a comparecencia do presidente vulnera os dereitos dos deputados da Cámara catalá. Os socialistas invocaban no seu recurso o artigo 56.6 da Lei Orgánica do TC que o habilita a suspender de forma total ou parcial o obxecto do recurso de amparo -a petición de comparecencia de Puigdemont- no momento "da admisión a trámite".

"Suspender plenos que non están nin convocados é a nova oferta de diálogo", di a presidenta do Parlament, Carme Forcadell

Do mesmo xeito que dixo a CUP este mércores, a Assemblea Nacional Catalá (ANC) asegurou ás súas bases este xoves que o pleno do Parlament agora suspendido reuniríase para declarar a independencia de Catalunya, polo que pediu unha "mobilización máxima" na rúa ese día. O portavoz da Generalitat, Jordi Turull, advertiu de que o pleno non está "nin convocado". "Que eficacia", ironizou. "Suspender plenos que non están nin convocados é a nova oferta de diálogo", manifestou nas redes sociais Carme Forcadell, presidenta do Parlament. 

A medida cautelar de suspensión pode ser impuganda no prazo de cinco días desde a súa notificación polo Ministerio Fiscal e demais partes personadas, segundo a propia norma. Ademais, o auto di que é "radicalmente nulo e sen valor nin efecto ningún calquera acto, resolución, acordo ou vía de feito que contraveña a suspensión acordada". 

Sinala, ademais, que o recurso de amparo presentado polo PSC ten "especial trascendencia constitucional" porque os actos impugnados "non só poden afectar ao exercicio do ius in ufficium dos parlamentarios recorrentes e ao dereito dos cidadáns de Catalnuya de participar nos asuntos públicos a través dos seus representantes, senón que, ademais, a cuestión formulada pode afectar á aplicación e xeral eficacia da Constitución, ao tempo que se trata dunha cuestión xurídica de relevante e xeral repercusión social, que ten consecuencias políticas xerais".

O PP avanzou que participará no pleno que se convocará pola petición de Coscubiela

Porén, a petición de Catalunya Sí Que es Pot, con amparo no regulamento vixente da Cámara, de que compareza igualmente Puigdemont para que explique “as medidas políticas que considere adecuadas” tras o 1-O dálle a posibilidade ao presidente catalán de realizar ese día o anuncio que considere, mesmo o da independencia, pero non de proclamala con amparo na lei de referendo. Mostra de que o luns pode haber pleno pola petición de Coscubiela aínda que o Constitucional anulase a outra convocatoria é que o líder do PP catalán, Xavier García Albiol, xa anunciou que o seu grupo participará nel.

Rajoy insta a Puigdemont a evitar "males maiores"

Por outra banda, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, reclamou este xoves a Puigdemont que suprima "á maior brevidade posible" o seu proxecto de levar a cabo unha DUI porque esa é "a mellor solución" e, ademais, "evitaranse males maiores".

"Ten unha solución? Si, a mellor é a pronta volta á legalidade e a afirmación, á maior brevidade posible de que non vai haber unha DUI, porque con iso ademais evitaranse males maiores", asegurou nunha entrevista coa a axencia EFE. 

Non é a primeira vez que Rajoy avisa ao Govern das consecuencias de continuar co proxecto independentista. "Vannos obrigar ao que non queremos chegar", asegurou o pasado 15 de setembro. Agora, e ante a posibilidade de aplicar o artigo 155 da Constitución, considerou que hai distintas opinións ao respecto e, consultado por unha alternativa á medida, insistiu na volta á legalidade dos dirixentes da Generalitat. 

Goberno central, PP, PSOE e Ciudadanos néganse a un diálogo con mediadores

Ademais, e mentres a mesa impulsada por Unidos Podemos, diversas iniciativas de variadas entidades e figuras públicas insisten en reclamar diálogo que inclúa mediadores, Executivo central, PP, PSOE e Ciudadanos rexeitan esa idea. O vicepresident da Generalitat, Oriol Junqueras, non descartou a posibilidade de xuntar nunha mesa os dous principais protagonistas do conflito. "Facemos todo o posible por atopar vías de mediación e diálogo. Hai moitas persoas e institucións traballando nesa dirección; pola nosa banda, sempre será ben acollido e espero que o Goberno español rectifique", dixo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.