Anunciábao pola tarde o alcalde, Abel Caballero, e poucas horas despois comezou a ser visible nas rúas. Efectivos do Exército de Terra -nomeadamente, da Brilat- están despregados en varias rúas de Vigo para, segundo indicaron as propias forzas armadas, realizar "recoñecementos" e patrullar, especialmente áreas sensibles como "porto, aeroporto e estacións de tren".
Trátase, segundo resalta o goberno local vigués a través do propio alcalde, que este corpo militar "reforce a vixilancia" e "faga cumprir" as normas do estado de alarma destinadas a frear o contaxio do coronavirus. Estarán, asegura Caballero, "en coordinación coa Policía" para garantiren a "responsabilidade cidadá" na orde de "non saír da casa".
Competencias en materia social
Este inicio do despregamento que -segundo confirmou este martes o propio Goberno de España- implicará tamén ver militares nas rúas doutras cidades galegas como A Coruña -neste caso, a Unidade Militar de Emerxencias, a comezar pola contorna do CHUAC, confirma o Goberno-, coincide coa publicación no Boletín Oficial do Estado da disposición que expande as competencias do Exército durante a crise. Concretamente, ampliándoas tamén ao ámbito social.
Dende este martes, a Vicepresidencia de Dereitos Sociais pode dar instrucións ao Exército para "a protección da poboación sen fogar" ou residente en asentamentos precarios
Tal e como avanzara o propio Executivo estatal, o Ministerio de Defensa -un dos que ten encomendado o papel de "autoridade competente" no estado de alarma- pasa a "apoiar o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030", a vicepresidencia que xestiona Pablo Iglesias, na atención a persoas sen fogar. Concretamente, recibirá "ordes e instrucións para a protección da poboación sen fogar e asentamentos chabolistas" por parte dese departamento.
Ademais, a vicepresidencia terceira poderá ordenar ao Exército apoiar as "actuacións inmediatas" que "propoña aos servizos sociais" de calquera punto do Estado. Tamén, especifica, "para a protección da poboación sen fogar" ou residente en asentamentos precarios.
No caso concreto de Galicia, as actuacións que a Vicepresidencia de Dereitos Sociais poida aplicar en materia de persoas sen fogar engadiranse ás que xa están en marcha tanto por parte da Xunta como dos concellos. Así, tras as dúbidas iniciais, boa parte dos centros que atenden a esta poboación -cociñas económicas, albergues ou centros de atención social continuada- poden permanecer abertos e diversos concellos, especialmente nas cidades, reforzaron os seus dispositivos neste eido.
Con este pano de fondo, este mércores continúa o despregamento en Galicia doutros efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. Concretamente, informa a Delegación do Goberno de España en Galicia, acudirán membros da UME a Santiago e Vigo. Na capital galega farán traballos de "desinfección" en terminais de transportes como a estación do tren ou a dársena de Xoán XXIII, os centros de acollida de peregrinos, a Cociña Económica e varias dependencias oficiais. En Vigo tamén realizarán estes labores en infraestruturas de transportes, nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e, como en Compostela, tamén en superficies comerciais.