O Eixo Atlántico desbota por "propagandístico" o manifesto da Xunta sobre o tren Vigo-Porto

Acto de sinatura dun manifesto a favor do impulso das conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal © CM de Valença do Minho

Alfonso Rueda participou este martes en Valença do Minho na sinatura dun manifesto a favor do impulso das conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal

Alfonso Rueda participou este martes en Valença do Minho na sinatura dun manifesto a favor do impulso das conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal. O texto, asinado na antiga Alfándega da localidade, aposta por priorizar a conexión de alta velocidade entre Lisboa, Porto e Vigo e, ademais, reclama unha mellora do coñecido como Tren Celta que une a Vigo con Porto.

No acto Rueda urxiu ao Goberno central un "plan de investimentos" e un "calendario de actuacións" para impulsar e executar a liña de alta velocidade, "unha infraestrutura prioritaria e vital para Galicia". O presidente da Xunta lembrou que a raia entre Portugal e Galicia é a fronteira entre España e o país luso “con máis tráfico e máis relacións de todo tipo” como culturais ou económicas. “Somos unha soa terra para moitas cousas”, salientou.

Apeadeiro do tren Vigo-Porto en Vila Praia de Âncora CC-BY-SA Praza Pública

O Eixo Atlántico desmarcouse da declaración conxunta impulsada pola Xunta por cualificala de "acto propagandístico" 

Segundo o Goberno galego, o manifesto Conexión Galicia-Portugal de alta velocidade: unha prioridade evidente está apoiado polas deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín. Ademais, súmanse confederacións de empresarios galegas e portuguesas, universidades e concellos.

Non se uniu, en cambio, o Eixo Atlántico, que agrupa as principais entidades locais galegas e do norte de Portugal, que se desmarcou da declaración conxunta impulsada pola Xunta por cualificala de "acto propagandístico". O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sinalou que o manifesto, un "sarao propagandístico" non ten "ningún efecto práctico" e "ningunha necesidade".

O Eixo lembra que "a conexión ferroviaria entre Galicia e Lisboa está plenamente garantida xa que o Goberno de Portugal está a cumprir todos os trámites no calendario previsto"  e, ademais, pola parte española "o Goberno desbloqueou o saída Sur de Vigo"

O Eixo lembra que "a conexión ferroviaria entre Galicia e Lisboa está plenamente garantida xa que o Goberno de Portugal está a cumprir todos os trámites no calendario previsto" e, ademais, pola parte española "o Goberno desbloqueou o saída Sur de Vigo atopándose o primeiro tramo, Vigo-O Porriño, en fase de elaboración do estudo informativo previo". Así mesmo, o Eixo Atlántico espera que os trámites da nova ponte sobre o Miño saian da Cimeira Ibérica prevista para outono.

"Se a Xunta realmente quere apostar pola liña Ferrol-Lisboa, o que debe facer é convocar a todos os actores sociais, económicos e institucionais a unha reunión previa para acordar a  estratexia, o contido do comunicado e as decisións, no canto de convidalos a adherirse a un manifesto insubstancial e a un acto á maior gloria do presidente da Xunta no que ás institucións e á sociedade civil se lles reserva o mero papel de aplaudidores", sinalou o Eixo.

Liña de alta velocidade entre Porto e Vigo presentada polo Goberno de Portugal en 2022 © Goberno de Portugal

A entidade critica que Rueda convidase a outras administracións a "un acto á maior gloria do presidente da Xunta no que ás institucións e á sociedade civil se lles reserva o mero papel de aplaudidores"

Para o Eixo, "este manifesto e este acto buscan desviar a atención e enmascarar a inacción da Xunta naquelas infraestruturas da súa competencia e nas que non se fixo nada na última década". Tamén critica que este manifesto se produza tras o cambio de Goberno de Portugal "e non se fixese cando António Costa impulsou e concretizou esta conexión ferroviaria". 

E, finalmente, critica que o texto da Xunta mencione a liña A Coruña- Lisboa, cando a denominación oficial pola parte española é "Ferrol-Fronteira Portuguesa", criticando o que considera "marxinación ferroviaria" de Ferrol por parte do Goberno galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.