O Goberno central confirma a fin das peaxes en tres autoestradas construídas á vez que a AP-9

Peaxe da AP-9 en Redondela Dominio Público Google Street View

"Non imos prorrogar as concesións que vencen na actual lexislatura. Serán liberadas e de uso gratuíto". Deste xeito o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, comprometeuse este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras, a rematar coas peaxes nas autoestradas AP-1 (Burgos-Vitoria/Gasteiz), AP-4 (Sevilla-Cádiz) e AP-7 (Tarragona-Alacante). As tres vías finalizan as súas concesións nos vindeiros meses, entre este 30 de novembro (a AP-1) e o 31 de decembro do vindeiro ano (as outras dúas). Moito antes que a AP-9 entre Ferrol e Tui, cuxa concesión esténdese ata o 18 de agosto de 2048, despois de tres prórrogas.

As peaxes nas autoestradas AP-1 (Burgos-Vitoria/Gasteiz), AP-4 (Sevilla-Cádiz) e AP-7 (Tarragona-Alacante) rematarán entre este ano e o que vén

A AP-4 e a AP-1 teñen unha lonxitude de algo menos de 100 quilómetros, menos da metade que a vía galega, e as súas peaxes sitúanse entre os 7 e os 12 euros, fronte aos máis de 20 da AP-9. O prezo por quilómetro máis elevado dase na autoestrada que une Burgos e Vitoria/Gasteiz, mentres a que vai de Sevilla e Cádiz é o máis reducido, sobre todo despois de que o treito entre Jerez e Puerto Real pasase a ser gratuíto hai uns anos. Mentres que a fin das peaxes nas AP-1 e AP-4 xa fora anunciando, a gratuidade do treito Tarragona-Alacante non estaba confirmada, cando menos na totalidade do traxecto. Neste caso serán 383,1 quilómetros os que quedarán libres de pagamento, que ata agora supoñía máis 45 euros

O primeiro treito da AP-1 foi inaugurada en 1974, completándose a vía en 1984. Aínda que a súa concesión debería ter rematado xa en 1994, tres prórrogas alongaron este período ata este 2018, un total de 44 anos. A AP-4 é un chisco anterior, pois entrou en servizo entre 1971 e 1973. A concesión debería ter concluído en 1993, pero foi prorrogada en tres ocasións. A AP-7 entre Tarragona e Alacante, finalmente, foi aberta na súa maioría entre 1974 e 1979 (agás un treito de 35 quilómetros en 1985). A concesión foi tamén prorrogada tres veces.

A AP-9, que ingresa 140,8 millóns anuais por peaxes, seguirá sendo de pago ata o 18 de agosto de 2048

O compromiso de Ábalos refírese unicamente ás vías que rematan a súa concesión nesta lexislatura. Porén, esta decisión pode sentar un precedente importante para as que o fan a partir do ano 2020, sobre todo a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (que finalizan o 31 de agosto de 2021). Todas elas pertencen á primeira xeración de autoestradas que se construíu en España, vías de peaxe que entraron en funcionamento nesa década dos setenta, a cabalo entre os últimos anos da Ditadura e os primeiros da democracia. A maior parte desas concesións (todas a gás a AP-9 e a AP-66 que une Asturias e León) están a piques de rematar e nos vindeiros anos asistiremos a unha sucesión de noticias que darán conta do seu regreso á xestión pública.

A AP-9 incrementou un 2% as súas peaxes a pasada semana e volverá facelo o vindeiro 1 de xaneiro, actualizando a suba do IPC. Audasa ingresou 66 millóns de euros por peaxes no primeiro semestre e un total de 140,8 millóns no ano 2017 (385 mil euros diarios). Audasa despediu un cento de traballadores na última década.

Ábalos sinala que a gratuidade destas tres vías será pagada polos cidadáns de todo o Estado, o que "supón unha discriminación"

Na rolda de prensa Ábalos acompañou o anuncio da fin destas tres peaxes dunha advertencia sobre o futuro das restantes autovías e autoestradas, pedindo unha reflexión sobre a necesidade de atopar fórmulas para asegurar o seu sostemento e afirmando que "é a única infraestrutura de transporte que se pretende que sexa gratuita", pois portos e aeroportos si cobran unha taxa pola súa utilización. Sinalou, neste senso, que a gratuidade destas vías, que será pagada de xeito solidario pola cidadanía de todas as comunidades autónomas, "supón unha discriminación", polo que avogou por un "pacto" xeral que asegure a sostibilidade do sistema.

 

O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, durante a súa intervención na roda de prensa posterior ao Consello de Ministras © Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.