O Goberno de Rajoy teima en que as "tramas organizadas" son unha "posible explicación" aos incendios en Galicia

Bombeiro traballando nun incendio en Lobios Dominio Público @BrifLaza

Con ou sen o apelativo "terrorista" e con variantes en función do contexto político. Todos os gobernos da historia da autonomía galega utilizaron a etérea teoría dunha suposta "trama" ao abordaren o complexo fenómeno dos incendios forestais en Galicia e así o fixeron tamén numerosos responsables estatais. A vaga de lume que en outubro de 2017 arrasou unhas 50.000 hectáreas de monte en apenas dous días non foi unha excepción; a tese do entramado terrorista volveu ser protagonista de declaracións políticas, titulares e faladoiros mentres dende os ámbitos técnico e legal se lembraba que "nunca" chegou a probarse nada semellante. Aínda que as primeiras pescudas sobre o acontecido o pasado outono volveron desbotala, o Goberno de España vén de volver apoiarse nesta teoría como "posible" explicación dos incendios.

Poucos días despois desa vaga de incendios Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso, dirixiuse ao Executivo de Mariano Rajoy para pedir explicacións ao respecto. Ningunha investigación policial, científica ou xudicial "puxo ao descuberto tramas organizadas" por tras dos incendios, senón que "as causas estiveron relacionadas con imprudencias, altas temperaturas e seca ou actuacións individuais de priómanos ou incendiarios". "Persoas moi acreditadas como o fiscal delegado de Medio Ambiente" convidan a non "especular" mentres non haxa probas que indiquen o contrario, resalta a parlamentaria, polo que as alusións a tramas e terrorismo "probablemente", di, foron lanzadas "sen o necesario regor e seriedade que se require nas institucións públicas".

Alexandra Fernández (En Marea) instou o Goberno central a aclarar se ten "probas" que o leven a reiterar a existencia do suposto "terrorismo incendiario" 

Por estes motivos Fernández instou o Goberno central a aclarar se "considera responsable e rigoroso" a alusión reiterada ao "terrorismo incendiario" ou "garantir unha intencionalidae clara" sobre o conxunto dos incendios en Galicia. "Hai probas de tal terrorismo incendiario? Foi reivindicado como tal?", cuestiona, ademais de preguntar pola necesidade de "informar puntualmente á cidadanía" sen "alarmas ou declaracións contundentes que non foron probadas" e, mentres non haxa novas demostracións, atender ás pescudas previas que, como tras a vaga de 2006, "demostraron que non había tales tramas nin organizacións".

Resposta do Goberno central a Alexandra Fernández (En Marea)

Na súa resposta o Goberno de España optou, no entanto, por seguir movéndose na ambigüidade. Na "gravísima vaga de incendios" do pasado outubro en Galicia "cadraron multitude de factores e un deles, fundamental, foi a actuación dos incendiarios, responsables desta traxedia que acabou coa vida de catro persoas e causou elevadísimos danos materiais" e tamén "ambientais e económicos a toda a sociedade galega". "Polo tanto -afirma o documento oficial- é unha posible explicación a referencia ás 'tramas organizadas'". Non obstante, agrega, "todos estes extremos están a ser investigados polas autoridades competentes".

"É unha posible explicación a referencia ás tramas organizadas", di o Executivo do PP, quen nega que teimar na tese terrorista "alarmase" a poboación durante a vaga de lume

O Executivo de Rajoy asegura que "se informou puntualmente á cidadanía cos datos existentes en cada momento e sen perturbar as investigacións" e rexeita que o feito de aludir recorrentemente a un suposto terrorismo contribuíse a alarmar a poboación. "A alarma son os feitos acontecidos, non a cualificación dos presuntos responsables e posiblemente, con moi diversas causas e motivacións", sinala a resposta, na que agregan que "todas as autoridades" están "executando as investigacións pertinentes ante estes feitos catastróficos masivos". "Unha vez obtidas, as conclusións faranse públicas seguindo os procedementos existentes" e achegaranse "aos órganos xudiciais e fiscais competentes", conclúe.

A nova alusión a supostas tramas incendiarias transcende poucas semanas despois de que o Goberno galego defendese oficialmente o espallamento como publicidade en xornais impresos da declaración de Alberto Núñez Feijóo na que culpaba o "terrorismo" dos incendios de outubro. Prodúcese, ademais, mentres o propio fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, volve advertir de que, tras analizar todos a a documentación de Bombeiros, Policía, Garda Civil e da propia Xunta, non existe "indicio" ningún da existencia da suposta trama, segundo avanzou este luns durante unha entrevista na Cadena SER.

Rajoy e Feijóo, con membros da Unidade Militar de Emerxencias despregados nos incendios © Diego Crespo / Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.