O impacto no Camiño de Santiago impide a ampliación dunha canteira en Melide que xa a solicitara hai 20 anos

O Camiño de Santiago nas proximidades da canteira de Melide, ao seu paso sobre o río Furelos, e resolución da Xunta CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O proxecto, a 175 metros do Camiño, "non é compatible coa preservación dos valores culturais da contorna", di a resolución da Consellería de Medio Ambiente

A Consellería de Medio Ambiente vén de facer pública a declaración de impacto ambiental negativa do proxecto de ampliación dunha canteira en Melide que afectaría ao Camiño de Santiago. A explotación, a 175 metros do Camiño, pretendía achegarse a este aínda máis, petición que xa fora denegada hai dúas décadas. Na nova solicitude a Xunta conclúe que "o proxecto non é compatible coa preservación dos valores culturais da contorna".

Emprazamento da Canteira a carón do Camiño de Santiago e petición de ampliación agora denegada CC-BY-SA Praza Pública

A resolución da Xunta salienta que no estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa non se incluíu "ningún estudo específico sobre o patrimonio cultural"

Segundo a resolución de impacto ambiental agora feita pública pola Xunta, a canteira, denominada Arribeltz, é propiedade de Francisco Gómez y Cía e dedícase á explotación de áridos para a construción. A resolución sinala que "o Camiño discorre a tan só 175 metros da explotación e, se ben no documento ambiental cítase a proximidade do Camiño Francés, óbviase mencionar que a explotación se localiza na zona de amortecemento do Camiño". A resolución da Xunta tamén indica que no estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa non se incluíu "ningún estudo específico sobre o patrimonio cultural". 

A Xunta lembra que en 2001 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa emitira un informe sobre outra petición de ampliación previa da mesma explotación, documento no que se estableceu como límite da explotación cara ao Camiño "a divisoria de augas do outeiro onde se empraza, de xeito que se preservara visualmente o contorno do Camiño de Santiago". Porén, a nova petición de ampliación pretendía superar dito límite e segundo os técnicos que visitaron a zona "a ampliación da explotación significa a práctica desaparición do outeiro pasando a ser a canteira visible desde o Camiño".

Un treito do Camiño de Santiago © Acción Cultural

Patrimonio tamén sinala que a ampliación afectaría ao xacemento arqueolóxico de Castro Piñor/Orela do Castro. Por todo iso, emitiu un informe "desfavorable" da ampliación" que agora é ratificado pola resolución de impacto ambiental negativa emitida pola Consellería de Medio Ambiente. Fronte a esas consideracións, a resolución recolle que o Instituto de Estudos do Territorio, o órgano da Xunta encargado de velar pola paisaxe, considerou que a ampliación "estenderá no tempo o impacto paisaxístico provocado pola canteira existente, se ben non provocará un maior impacto paisaxístico do que existe actualmente", o que o levou a validar o proxecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.