O líder da trama Gürtel ratifica no Congreso que tamén "traballou" para o PP galego

Francisco Correa, comparecendo no Congreso por videoconferencia dende o cárcere CC-BY-SA Praza Pública

A comisión de investigación "relativa ao presunto financiamento ilegal do PP" continúa os seus traballos no Congreso cunha dinámica por veces subterránea a respecto dos grandes titulares da política estatal. Este martes a quenda de comparecencias foi para Francisco Correa, o empresario considerado líder da trama Gürtel, que atendeu á chamada da Cámara Baixa dende o cárcere madrileño de Valdemoro, onde cumpre a súa primeira condena pola rede corrupta. Poucos días despois de detallar, no marco do xuízo sobre a póla valenciana do caso, o xeito en que os populares se financiaban con diñeiro negro, Correa reiterou ese financiamento irregular e ratificou que as súas empresas tamén "traballaron" para a formación conservadora noutros puntos do Estado, entre eles Galicia.

O voceiro do PSOE na comisión, Artemi Rallo, lembrou a Correa que ante o tribunal explicara que, ademais de "desenvolver unha intensa actividade en Valencia", tamén "dixo que traballaban para toda España e, moi particularmente, para Madrid". "Con que outros PP de España traballaban?", preguntou o deputado socialista. "Traballamos para Madrid, traballamos para Catalunya, traballamos para Galicia...", respondeu Correa, quen despois admitiu tamén operacións en, cando menos, tamén Andalucía e Castela e León.

Francisco Correa: "Traballamos para Madrid, traballamos para Catalunya, traballamos para Galicia..."

Esta ratificación por parte do máximo responsable das empresas da trama prodúcese poucos días despois de que, no devandito xuízo, o 'número dous' de Correa e antigo secretario de organización do PP galego, Pablo Crespo, tamén apostase pola confesión e, segundo avanzou o diario El Mundo, advertise de que manexa supostas probas de uso de diñeiro negro no partido en Galicia que "utilizará" se "necesita". Crespo, que tamén foi xa condenado como un dos xefes da rede, declarara en 2013 á canle La Sexta que na súa etapa á fronte do aparello do PPdeG "declarabamos que nas campañas se gastaban 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro; recibía doazóns que non se declaraban". "Eu era consciente de que eran métodos irregulares", agregara.

Foi tamén o propio Crespo quen, no outono de 2016, ratificou ante o xuíz que as empresas da Gürtel traballaran para o PPdeG, detallando ademais unha suposta débeda do partido con estas compañías que lle chegou a ser reclamada por carta ao propio Mariano Rajoy en 2003, na altura vicepresidente do Goberno de España e secretario xeral do PP. Rajoy, no entanto, asegurou ao comparecer como testemuño no xuízo que descoñecía esa cantidade non pagada e a propia misiva. "Se di que ma enviou, enviouma", resolveu ante o xuíz.

Rajoy dixo descoñecer a débeda do PPdeG coas empresas da Gürtel, que reclamaban cartos por actos como mitins das eleccións municipais de 1999 e das galegas de 2001

Quen asinaba esa carta era o terceiro piar da trama, Álvaro Pérez, alcumado El Bigotes, e nela reclamaba o pagamento de 20 millóns de pesetas -algo máis de 120.000 euros-, cantidade pendente dunha débeda global que chegara a ser de 46 millóns -uns 277.000 euros-. Os actos organizados polas empresas da trama que non deran cobrado integramente foran, segundo esta carta, eventos electorais da campaña das municipais de 1999, o "multitudinario acto do Monte do Gozo" e o Congreso autonómico do partido dese ano, así como a "realización da campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001".

A conexión galega da trama Gürtel tamén foi apuntada na propia comisión de investigación do Congreso polo inspector xefe da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais da Policía (UDEF), Manuel Morocho, que foi o máximo responsable da investigación policial. Ao ser cuestionado pola deputada de ERC Ester Capella sobre se Galicia, Valencia e Madrid eran as comunidaddes autónomas "máis importantes" para a actividade da trama, o axente asentira e engadira que "Castilla y León, tamén".

Cartel do PPdeG nas campaña das eleccións galegas de 2001, organizada por empresas da Gürtel Dominio Público Repositorio UAB
Dominio Público Tirado do sinal institucional do Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.