A análise foi un compromiso co BNG no pacto de investidura de Pedro Sánchez e agora o ministerio di que avaliará un "novo trazado ferroviario coas máximas prestacións posibles"
O Ministerio de Transportes anunciou este luns a licitación por 423.000 euros dun estudo de viabilidade para unha posible nova liña ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela. O concurso convócase tres meses despois de que o Goberno de España avanzase ao deputado do BNG Néstor Rego que xa estaba traballando na súa tramitación, un compromiso que acadara no pacto de investidura de Pedro Sánchez cos nacionalistas.
Segundo Transportes, o obxectivo do estudo será "a definición dun novo trazado ferroviario coas máximas prestacións posibles que permita renovar e modernizar a conexión actual da cidade de Lugo con Santiago". Os traballos desenvolveranse en dúas fases. Nunha primeira farase un estudo de mobilidade no ámbito da cidade de Lugo para determinar as necesidades da poboación e a demanda existente de novos servizos de transporte.
Nunha segunda fase "caracterizarase o novo trazado, que constará dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade". A segunda fase do estudo tamén definirá "os traballos de acondicionamento e mellora das prestacións da liña existente ata acadar esta nova variante".
As liñas A Coruña-Santiago e A Coruña-Lugo discorren a menos de 30 quilómetros entre si á altura de Ordes e Curtis, respectivamente. A primeira liña é a do Eixo Atlántico de alta velocidade, mentres que a segunda está a quedar obsoleta pola súa falta de mantemento e fai que non sexa unha alternativa competitiva para as viaxes entre A Coruña e Lugo. Porén, mellorándoa e uníndoa co Eixo Atlántico permitiría as hoxe inexistentes conexións entre Lugo e a capital galega.
En 2021 o PP, que non fixera nada no Goberno entre 2011 e 2018, pasou tamén a reclamar un estudo de viabilidade da conexión entre as dúas liñas
O BNG xa incluíra a proposta de unir as dúas liñas no seu programa electoral para as xerais de 2019 cunha conexión duns 30 quilómetros entre Curtis e Ordes. Pola súa banda o PP, tras non dar pasos durante o tempo en que o ministerio de Fomento estivo nas súas mans na pasada década, entre 2011 e 2018, pasou en 2021 a presentar unha proposición non de lei no Congreso para que o Goberno de España encargase en seis meses os traballos necesarios para avaliar a viabilidade técnica desa conexión que cuantificaba igualmente nuns 30 quilómetros. Facíao argumentando que "desde a sociedade civil lucense" reactivárase esa demanda, así como a dunha moito máis complexa conexión ferroviaria coa Mariña.
Na negociación para a investidura de Pedro Sánchez o pasado novembro o BNG incluíu a medida facendo que o PSOE se comprometese a licitar neste 2024 o estudo da posible conexión entre Curtis e Ordes. E o pasado 15 de abril o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, preguntou pola cuestión entre outros interrogantes que formulou ao Goberno de España arredor dos insuficientes servizos ferroviarios que existen en Lugo. Na súa resposta o Goberno aseguraba que xa estaba a traballar na tramitación do estudo de viabilidade para esa nova liña, o que agora saca a concurso sen detallar prazos.
Aínda no caso de que o estudo técnico considere viable a conexión, despois debería haber unha decisión política expresa de facela, o que levaría ao correspondente estudo de impacto ambiental, seguido da redacción do proxecto e da contratación e execución das obras. Un longo camiño aínda por diante para o que ata agora era só unha proposta política pero que comeza a concretarse en pasos administrativos.