O Parlamento debate o informe do Valedor do Pobo, inzado de incumprimentos da Xunta

O Valedor entrégalle o informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

O pleno do Parlamento debateu esta mañá o informe do Valedor do Pobo correspondente ao ano 2013. Un amplo texto, de máis de mil páxinas, que recolle moitas das queixas que os cidadáns e cidadás lle fixeron chegar a esta institución, e nas que a sanidade ocupa un papel moi destacado. Este ámbito foi obxecto de 11 mil denuncias e a Consellería de Sanidade é a protagonista de case o 70% das reclamacións que teñen o Goberno galego como destinatario. A propia oficina do Valedor destacaba hai dous meses, na presentación do documento, que o número de queixas en sanidade era "rechamantemente máis elevado que o rexistrado no ano anterior", nomeadamente por temas relacionados co hospital vigués Povisa e co servizo de cirurxía pediátrica do complexo hospitalario de Ourense.

A Sanidade foi obxecto de 11 mil denuncias e a Consellería é a protagonista de case o 70% das reclamacións que teñen o Goberno galego como destinatario

Ademais da Sanidade, tamén os asuntos sociais ou a probreza ocupan lugares destacados no informe. Este martes, no debate parlamentario a respecto do informe, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, sinalou que “o Valedor afirma belixerante o que dende Alternativa Galega de Esquerda vén denunciando: as políticas do Partido Popular están as poñer en risco a vida das persoas. Son políticas criminais”. Para Díaz, o Valedor "corrixe no seu documento a actitude soberbia e clasista de Alberto Núñez Feijóo cando, nunha recente sesión de control, desprezou os informes sobre pobreza infantil de Cáritas". O documento destaca que entidades como Cáritas, Cruz Vermella ou os bancos de alimentos “realizan labores imprescindíbeis para solucionar as carencias das políticas públicas”, en palabras de Yolanda Díaz, que engadiu que "esta Xunta presa de poderes non democráticos é a mesma que atrasa de xeito indecente a concesión da rendas de inserción (Risga) até un mínimo de sete meses". O Valedor esixe a este respecto que se outorgue provisionalmente mentres non se resolven os expedientes.

De igual xeito, a portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Valedor do Pobo, Patricia Vilán, alertou da crecente preocupación amosada pola cidadanía fronte ao Valedor sobre as consellerías de Traballo e Benestar, Sanidade, Educación e Cultura e Medio Ambiente. A deputada socialista sinalou neste senso que o drástico recorte nos programas de política social desenvolvidos pola Consellería de Traballo e Benestar, un 25 por cento dende 2009, provoca o empeoramento na calidade dos servizos sociais prestados ás persoas que mais o necesitan.

Para Yolanda Díaz, o Valedor do Pobo "non gusta á actual maioría gobernante" porque é "a única institución que di que o rei vai espido. E o rei vai espido porque declarou a guerra ao pobo”

A deputada socialista fixo tamén un chamamento á renovación do Valedor para nomear un novo titular, logo de que o actual, orixinalmente vicevaledor nomeado polo PP, leve ano e medio en situación de interinidade sen vicevaledores. Tras salientar, con todo, o traballo do actual titular e do seu equipo, dixo que a institución “está en precario e necesita un cambio”. A deputada socialista censurou, logo da comparecencia, que o PP “non ten ningún desexo de cubrir a vacante” no Valedor do Pobo, en contra do que afirmou o portavoz deste partido.

Tamén AGE fixo fincapé en que a institución se atopa "en situación de interinidade dende que o anterior Valedor Benigno López fose apartado por defender as políticas da dereita parlamentaria e atacar a lingua galega". Para Yolanda Díaz, o Valedor do Pobo "non gusta á actual maioría gobernante" porque é "a única institución que di que o rei vai espido. E o rei vai espido porque declarou a guerra ao pobo”.

O Valedor entrégalle o informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.