O pleno de Pontevedra volveu pedir o traslado de ENCE da ría e declarou "persoa non grata" o presidente e conselleiro delegado da empresa, Ignacio de Colmenares y Brunet.
O pleno da corporación municipal declara "persona non grata" o presidente de ENCE e volve instar a empresa, Xunta e Estado a traballar polo seu traslado
A corporación municipal aprobou unha moción do goberno local no que volve instar a ENCE, á Xunta e ao Estado a "traballar de maneira conxunta para o traslado da factoría da ría, única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo".
Foi despois de que a sesión plenaria deste luns aprobase tamén a declaración de "persona non grata" de Colmenares cos votos a favor dos dous grupos propoñentes e que conforman o goberno, BNG e PSOE, e o rexeitamento do PP e do concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, ex de Ciudadanos.
Durante o debate, o concelleiro do Bloque César Mosquera acusou a Colmenares de "dirixir e permitir" o "escrache violento" sufrido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e outros membros do goberno local por parte dalgúns traballadores de ENCE o pasado 11 de marzo. "ENCE borroka", dixo o edil respecto daquela acción na que, denunciou, "se pisaron todas as líneas vermellas".
O BNG acusa a Colmenares de "dirixir e permitir" o "escrache violento" sufrido polo alcalde
Na súa intervención, Mosquera desvelou que o presidente de ENCE remitira unha carta ao alcalde na que lamentaba que o fosen nomear "persona non grata" por un vídeo que, segundo el, foi "sacado de contexto" e no que advertira do "susto maiúsculo medioambiental" pola falta de investimentos.
Por outra banda, Tino Fernández, tenente de alcalde e edil socialista, criticou que ENCE radicalizase a súa estratexia para "influír" na cidadanía e acusou o PP de "conivencia" por "asumir as teses da empresa como dogmas de fe", ademais de cargar tamén contra CCOO por actuar como "mamporreros" dunha compañía "á que non lle interesan nin os traballadores nin a cidade".
O PP cualifica de "inaceptables" as accións violentas contra Lores e di que tan só "defende os postos de traballo"
Mentres, o PP desvinculouse do escrache e da acción violenta contra Lores que cualificou de "de todo punto inaceptables". Así, o seu voceiro, Rafa Domínguez, reprochou que o acusasen "sen probas" de instigar os incidentes e aclarou que o seu partido só "defende os postos de traballo". Segundo dixo, no caso de que chegue outra firma que garanta o emprego que xera a pasteira e nas mesmas condicións, "que lle dean por saco a ENCE".
Domínguez rexeitou a declaración de Colmenares como "persona non grata" por ser "pouco apropiada" ante unha futura negociación. O grupo do PP, ademais,instou, a través doutra iniciativa, ao goberno local a "defender os postos de traballo que xera ENCE na ría de Pontevedra".
A postura do PP mantense cando o futuro de ENCE, alén da futura lei de cambio climático, depende, sobre todo, do que resolva a Audiencia Nacional sobre os recursos contra a prórroga outorgada polo Goberno de Rajoy en funcións. O Partido Popular de Galicia incluíra no seu programa de 2009 o traslado da factoría e Feijóo reiterara a promesa tras chegar á presidencia. "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", dicía o líder dunha formación que agora defende a súa permanencia en Lourizán.