O PP accede a cumprir a lei e pagar a Risga en prazo

Carme Adán defende a moción CC-BY-NC-SA BNG

A Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) é o subsidio que, dende 1992, está destinado a atender a as persoas que "carecen de recursos económicos" para a súa "subsistencia". Esta axuda ten como obxectivo garantir uns ingresos mensuais de 399 euros, para persoas que viven soas, e que van aumentando gradualmente en función das persoas que teña ao cargo quen a solicite ata un máximo de 601 euros, destinados a unidades de convivencia de cinco persoas. Quen a perciba durante máis de catro anos pasa a cobrar, en todo caso, un máximo de 364,90. Trátase, polo tanto, dun ingreso ao que acceden persoas en situación económica límite que, segundo marca a Lei de Inclusión Social, debe ser concedida nuns dous meses, un prazo que agora a Xunta, a través do PP, di estar disposta a admitir.

Os conservadores acceden a axustarse á lei que eles mesmos impulsaron a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG e que este mércores saíu adiante co apoio da unanimidade do Parlamento previa transacción co grupo maioritario. Tanto a Risga como as Axudas de Emerxencia Social (AES) están a ser tramitadas con notabilísimos atrasos, advertiu Adán, que denuncia demoras de ata oito meses. Esta advertencia do Bloque non é nova, lembra a parlamentaria, quen tamén recorda que o pasado maio, nunha interpelación ao respecto, a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, "culpou as traballadoras e traballadores sociais" dos concellos destes atrasos.

O prazo legal é duns dous meses, pero as solicitudes estanse a demorar ata oito

Concretamente, naquel debate Mato admitiu "demoras difíciles de soportar" nestes trámites, se ben descargou boa parte do problema na "parte" da tramitación que corresponde á Administración municipal. "A Xunta -advertiu- non vai responder polos tempos dos concellos". "Poña as pilas", esixiu Adán, evidenciando que "por tras dos expedientes hai persoas". Mato, pola súa banda, gabouse daquela da ampliación orzamentaria efectuada polo seu departamento para atender a Risga, un discurso que vén sendo reiterado dende hai meses tamén polo presidente da Xunta e que obvia, non obstante, que ese incremento de fondos se debe a que o financiamento destas axudas depende do número de persoas que as solicitan e, polo tanto, implica que hai un maior volume de poboación en risco de exclusión.

O acordo en torno á moción do BNG insta a Xunta a atender nun "máximo" de dous meses todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo 

Así as cousas o acordo acadado este mércores non só insta o Executivo a "axilizar a tramitación" da Risga e das AES "para adecuar o tempo aos prazos que marca a normativa vixente", senón tamén instar os concellos a facer o propio e, sobre todo, a paliar as demoras das persoas que estan a esperar neste momento. Para elas acórdase "que todas as persoas que teñan solicitada a Risga" ao abeiro da devandita Lei de Inclusión "e estean agardando pola resolución da mesma" por riba do tempo legal vexan "recoñecido o dereito por silencio administrativo". Asemade, "todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo de 2014" terán que ser resoltas "nun prazo máximo de dous meses".

As persoas perceptoras duplicáronse en tres anos

Este acordo parlamentario chega nun contexto no que os propios datos oficiais serven para ilustrar o incremento de necesidades básicas entre a poboación do país. Mentres os gobernos galego e central manteñen aberta a guerra de cifras sobre indicadores como o risco de pobreza -Feijóo chegou a cuestionar os datos de Cáritas- o Instituto Galego de Estatística (IGE) evidencia, recollendo números da propia Consellería de Benestar, que a finais de 2013 as persoas perceptoras da Risga eran case o duplo de catro anos antes, chegando ás 9.300. 

En 2013 percibiron a Risga 9.300 persoas, máis das previstas pola Xunta para 2014

Estas cifras son aínda máis elocuentes se se comparan cos anos inmediatamente anteriores aos da crise económica. Así, por exemplo, entre 2004 e 2007 percibían a Risga unhas 4.200 persoas, con variacións practicamente nulas de ano a ano. A curva ascendente iniciouse no ano 2009, cando xa rozaban as 4.800 perceptoras, e disparouse nos anos seguintes ata chegar ás devanditas 9.300. Isto implica, ademais, que no pasado ano xa se superaron as previsións formuladas pola propia Xunta para o 2014. Segundo os orzamentos de Benestar as persoas atendidas con este subsidio no presente exercicio eran 8.270.

Carme Adán defende a moción CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.