"O PP castiga con multas as persoas famentas"

Páxina da memoria da policía local coruñesa CC-BY-SA Praza Pública

O pasado mes de maio a Policía Local da Coruña presentaba a súa memoria anual con, cando menos, unha novidade. No apartado de "procedementos e actuacións máis significativos de infraccións administrativas" o corpo policial dependente do Concello coruñés incluíu, no referido á ordenanza de limpeza, un reconto de sancións por "manipulación" de contedores do lixo. Nun contexto no que o propio goberno municipal comezaba o ano tramitando unha ordenanza para multar a quen remexa nos lixo á procura de alimentos o BNG local ve nestas cifras o inicio ese tipo de sancións, un "castigo con multas" para "persoas famentas" perpetrado polo goberno que dirixe Carlos Negreira.

Dado que nas memorias dos anos anteriores "non aparece recollida ningunha denuncia" pola devandita "manipulación" dos contedores o Bloque, a través da súa edil María Xosé Bravo, pregúntase se "isto quere dicir que se comezou en 2013 a presentar denuncias por este motivo". Isto, sinala a nacionalista, suporía afondar en que "a marca PP é a loita contra os pobres e non contra a a pobreza", toda vez que "o señor Negreira emprega a policía local para resolver os problemas que non resolven os servizos sociais do Concello".

A memoria da policía local da Coruña recolle 19 multas por "manipular" os contedores do lixo

A xuízo da concelleira, que agarda pola resposta do goberno local, "só unha administración inhumana, insensíbel e prepotente, só un Estado policial manda a policía contra as persoas que pasan fame". Isto, argumenta, supón realizar "un uso fraudulento e inxusto da ordenanza de limpeza", concibida para manter en boas condicións as rúas e non "para castigar as persoas en situación de pobreza extrema, que se ven na obriga de buscar alimentos que os servizos sociais non son quen de fornecerlles". Agora, di, agarda saber "onde está tipificada esta infracción contra a ordenanza municipal" de limpeza. Mentres, dende o Concello, o seu voceiro, Julio Flores, argumenta que as sancións foron impostas a persoas que deitaron lixo na rúa reiteradamente.

Decomisos por venda ambulante

"O señor Negreira segue mantendo unha actitude belixerante" contra a venda ambulante, di o BNG coruñés

A xuízo de Bravo a belixerancia policial contra persoas desfavorecidas non só se manifesta con estas multas, senón tamén coa persecución a persoas que exercen a venda ambulante, maioritariamente migrantes. A memoria da Policía Local, di, reflicte que "o goberno do señor Negreira segue mantendo esa actitude belixerante", se ben a lixeira caída no número de decomisos practicados ao longo do pasado ano "pon de manifesto que as reiteradas denuncias feitas polo BNG e polas ONG non caeron en saco roto".

Así, fronte ao "annus horribilis do 2012, onde os decomisos se incrementaron nun 42%", no pasado exercicio descenderon nun 13%, ata quedar en 503. Así e todo, manifesta, a diferenza segue a ser evidente a respecto do ano 2011, no que chegou o PP ao goberno municipal, cando estas incautacións de materiais a vendedores e vendedoras ambultantes foron 406.

María Xosé Bravo, concelleira do BNG na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.