En xuño de 1998 o PP galego vivía unha forte convulsión interna. Apenas un ano despois de lograr unha esmagadora vitoria electoral co 52% dos votos, a cúpula do partido que encabezaba Manuel Fraga dera en convocar un congreso extraordinario que deixou unha simbólica imaxe. O alcumado como sector da 'boina', que controlaba o aparello do partido en Galicia, enviara "ao poleiro" -unha parte afastada do auditorio do Palacio de Congresos de Santiago, onde se celebraba o conclave- aos flamantes ministros galegos de Aznar, Mariano Rajoy e José Manuel Romay Beccaría, emblemas do sector do 'birrete'. Aquel xesto encadrábase nas primeiras loitas internas cara á sucesión do daquela presidente da Xunta e contara co apoio do PP ourensán que dirixía José Luis Baltar.
Vinte anos despois o panorama político mudou amplamente, tamén no PP galego, pero a constante ourensá permanece. Agora tenta mandar simbolicamente ao poleiro a Pablo Casado. O que finalmente foi sucesor de Fraga, Alberto Núñez Feijóo, fracasou con evidencia cando tentou derrubar os Baltar no congreso provincial de 2010, no que promocionou a Juan Manuel Jiménez Morán para tentar bloquear a sucesión de Baltar pai polo seu fillo, José Manuel Baltar, primeiro no partido e despois na Deputación. O actual titular da Deputación ourensá herdou ambas estruturas de poder e dende elas continou, tras cada vitoria electoral, lembrando o seu papel esencial para a preponderancia do PP no panorama político galego.
O xefe do Goberno galego pode despedirse dos votos controlados por Baltar, que ve en Casado un incómodo regreso ao aznarismo en termos internos
Este é o pano de fondo co que a dirección do PP de Ourense está a marcar terreo cara ao congreso que a vindeira fin de semana decidirá se Rajoy é sucedido na presidencia estatal do partido por Soraya Sáenz de Santamaría ou por Casado. Aínda que a cúpula do PPdeG non se pronunciou formalmente ao respecto dáse por feito que a indisimulada preferencia dos de Feijóo por María Dolores de Cospedal na primeira votación provocará que a contorna do presidente da Xunta se vai decantar por arrastrar os votos do maior número posible de compromisarios galegos cara a Casado. No entanto, o xefe do Goberno galego pode despedirse dos votos controlados por Baltar, quen ve en Casado un incómodo regreso ao aznarismo en termos internos.
Baltar: "Quero que gañe a máis votada polo PP de Ourense. Eu, con Soraya Sáenz de Santamaría"
Nesa primeira votación no conxunto do PP galego impúxose De Cospedal, pero cunha marxe non especialmente ampla e cunha excepción: en Ourense a triunfadora foi Soraya Sáenz de Santamaría, terceira no cómputo galego. Tivo 206 apoios ourensáns fronte a 177 para De Cospedal e 94 para Casado -e 8 votos máis para os restantes tres candidatos-. A ex-vicepresidenta do Goberno central xa amosara a súa sintonía con Baltar durante a campaña interna -"quero gañar como gaña Baltar", proclamara- e agora é o político ourensán o que racha a pretendida neutralidade do aparello do PPdeG. "Quero que gañe España, para que gañe España ten que gañar o PP. Quero que gañe a máis votada polo PP de Ourense. Quero futuro. Eu, con Soraya Sáenz de Santamaría", escribiu Baltar este martes nas redes sociais cadrando coa presenza en Galicia de Sáenz de Santamaría, que agradeceu publicamente o apoio.
Muchísimas gracias @ManuelBaltar. Es un privilegio contar con tu respaldo en nuestra candidatura y compartir un proyecto de futuro, unión y fortaleza. Yo también quiero que gane el PP y que gane España.#UnidosGanaelPP https://t.co/raD9VDmnuJ
— Sáenz de Santamaría (@Sorayapp) 16 de xullo de 2018
Neste contexto cabe agardar que entre os 73 compromisarios electos que achega o PP de Ourense ao plenario do congreso estatal do PP prime o apoio a Sáenz de Santamaría, así como entre algúns dos compromisarios natos que proceden da provincia, se ben Baltar matiza que teñen "liberdade" para votar. Fontes da contorna da dirección provincial ourensá da formación dan por feito este movemento para tentar evitar o devandito retorno aos modos do aznarismo. É por iso que se están a mobilizar internamente para arrastrar todo o voto posible cara a Sáenz de Santamaría nun contexto no que o peso do PPdeG será de máis do 10% de compromisarios, mentres que na primeira votación os sufraxios galegos non chegaron a ser o 7% do total.