- A Xunta opera o salvamento marítimo con dous helicópteros alugados que vendeu en 2012 por “obsoletos”
- VÍDEO | A Consellería do Mar defende en 2011 vender os helicópteros porque quedaran "obsoletos"
En 2012 a Xunta vendeu por 13 millóns de euros os dous helicópteros de salvamento marítimo que o Goberno de Manuel Fraga comprara por 27 millóns sete anos antes. A xustificación foi a necesidade de non "anquilosarse" e ter "cada cinco anos, a opcíon de licitar outra vez este concurso" e, en verbas de Alberto Núñez Feijóo que as empresas "oferten helicópteros máis modernos e con máis prestacións". Como revelou Praza.gal a empresa que mercou aqueles dous aparellos é na actualidade a que presta este mesmo servizo á Xunta mediante o alugueiro, cun contrato de 8,5 millóns ao ano, daqueles dous mesmos helicópteros Sikorsky S-76C+ con matrículas EC-JES e EC-JET. O asunto regresou este venres ao Parlamento e o PP defendeu a operación, mentres que reduciu as críticas a unha "telenovela" do PSdeG.
Como informou este diario, o Consello de Contas criticara a parte económica daquela operación porque se realizou sen "ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros", se ben a Xunta puxera o foco na parte técnica. Tratábase, resaltara a Consellería do Mar, de evitar que as aeronaves quedasen "obsoletas co paso do tempo; e nós non queremos iso para o salvamento marítimo, queremos poder ir co percorrer dos tempos, que todas as melloras tecnolóxicas en materia de salvamento poidamos acollelas na Xunta", dixera o secretario xeral do departamento, Francisco José Vidal-Pardo, nunha comparecencia na Cámara recollida nesta gravación. "Como é posible" que "non se esixisen" eses "helicópteros máis modernos" e "esteamos nesta situación"?, preguntou este venres a socialista Dolores Toja.
Os populares negan un "uso neglixente dos cartos públicos" tras vender os helicópteros pola metade do que custaran e despois alugalos para prestar o mesmo servizo
A crítica do PSdeG, compartida no transcurso da Comisión de Pesca por En Marea e BNG, foi rebatida pola deputada do PP Teresa Egerique. Isto non é máis ca "un sainete do PSOE", que "tenta montar unha telenovela con este tema". O salvamento marítimo mediante helicópteros non só non é peor pola antigüidade dos aparellos, senón que "este mellorouse moito" porque os tempos de resposta ante incidentes son menores, argumentou. Ademais, di, os populares non apoian a iniciativa parlamentaria defendida polo PSdeG ao respecto porque non é certo que existise un "uso neglixente dos cartos públicos" ao vender os helicópteros pola metade do que custaran para despois alugalos. "As cousas estanse facendo bastante mellor" que noutras épocas e as naves, conclúe, están "garantidas por informes técnicos" e ademais, agrega, non foron "retiradas", como sinala a socialista. Como vén informando este diario, operan ininterrompidamente dende 2005.
O PSdeG censura que Xunta e PP defendan agora "prestar o servizo cunhas aeronaves que o propio Goberno dicía que non se adaptaban ás costas galegas"
Goberno galego e PP, lamentou Toja, perden a "oportunidade" de evidenciar que "é certo" que, como amosaron imaxes difundidas pola propia Xunta, os helicópteros do servizo autonómico de salvamento marítimo son na actualidade, a través do alugueiro, os mesmos que o mesmo Executivo vendeu en 2012 ao considerar que eran xa demasiado antigos. "Estase prestando un servizo cunhas aeronaves que o Goberno dicía que xa non se adaptaban ás costas galegas" pero, lamenta, non vai realizar "as xestións adecuadas para que o servizo se preste en condicións".
Os argumentos empregados por Egerique na sesión parlamentaria son moi semellantes á resposta ofrecida pola Consellería do Mar a Praza.gal ao ser preguntada ao respecto. "Os helicópteros que actualmente se destinan á prestación do servizo de salvamento marítimo cubren absolutamente as necesidades que ao respecto se fixan no contrato actual", resalta en referencia ao contrato logrado por Inaer, a compañía agora integrada na multinacional Babcock que presta a inmensa maioría dos servizos aéreos que a Xunta contrata co sector privado a través de concesións nas que o Consello de Contas tamén atopou numerosas irregularidades.