O PP galego conclúe que o aumento do prezo do aluguer de vivenda por mor dos pisos turísticos é "falso"

Campaña de concienciación sobre a necesidade de optar por pisos turísticos legais, na turística praza compostelá de Cervantes © Concello de Santiago

Os pisos turísticos proliferan e Galicia non é unha excepción. Ben ao contrario. Só os rexistrados legalmente amosan unha clara tendencia á alza, cun incremento dunhas sete mil prazas nos primeiros oito meses do ano e especial incidencia en focos de atracción de turismo como Sanxenxo, Santiago, Vigo ou A Coruña. O impacto das vivendas turísticas -das legais, tamén das irregulares- no mercado do alugueiro tradicional pola vía da redución da oferta e do incremento dos prezos preocupa dende hai tempo a colectivos veciñais e de persoas consumidoras, concellos e organismos reguladores. Tamén chegou ao debate político, onde o PP galego vén de tentar pechalo afirmando que a relación entre pisos turísticos e incremento dos prezos do aluguer é, simplemente, "falsa".

O PPdeG rexeitou a iniciativa dos 'comúns' reclamando novas limitacións aos pisos turísticos ao considerar unha "premisa falsa" que "estean directamente relacionados co aumento dos prezos dos alugueres"

O grupo Común da Esquerda trasladou esta semana ao Parlamento unha iniciativa na que, a través da deputada Luca Chao, defendía que a Xunta "actuase ante os efectos negativos dos pisos turísticos nos prezos da vivenda, especialmente no aluguer". Entre as medidas reclamadas figuraba, por exemplo, a elaboración dun "informe detallado co "número de vivendas legalizadas" tras a entrada en vigor do decreto galego ao respecto ou o impulso "dunha moratoria sobre a apertura de novos pisos turísticos" en zonas sensibles e saturadas, ao xeito da impulsada recentemente no Porto.

"A proliferación descontrolada deste tipo de aloxamentos pon en risco o dereito á vivenda, pois está expulsando poboación dos centros das cidades", argumentou a deputada. Cómpre ter en conta, agregou, indicadores como os do Observatorio Galego da Vivenda, que dende hai meses acreditan subas continuadas nos prezos dos arrendamentos de pisos.

Pero a iniciativa -que en calquera caso non sería vinculante para a Xunta- non atopou eco no PP, imprescindible para a súa aprobación. Segundo a deputada Cristina Romero a proposta dos comúns "parte de premisas falsas, como que o incremento das vivendas de uso turístico está directamente relacionado co aumento dos prezos dos alugueres ou que están a representar unha ameaza" para os hoteis. 

Os populares apoian a súa afirmación en que os arredor de 9.000 pisos turísticos rexistrados legalmente son "unha ínfima parte das 1,6 millóns de vivendas que existen en Galicia"

Para o PP galego cómpre ter en conta datos como que as algo menos de 9.000 vivendas turísticas rexistradas legalmente son "unha ínfima parte das 1,6 millóns de vivendas que existen en Galicia, das que 300.000 están baleiras". E ademais, afirmou, "estas vivendas alternan o uso turístico co residencial" xa que, segundo a parlamentaria do PP, "poden ser primeira ou segunda vivenda nalgúns momentos e ser alugadas con fins turísticos noutros" e mesmo "ser alugadas a estudantes durante o curso". A Xunta, agrega, seguirá "ordenando" este sector, pero o seu impacto na suba dos prezos é "falso", conclúe.

Estudos sobre o impacto nos prezos do alugueiro tradicional

Xunto ás alertas políticas e sociais, entidades profesionais como a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias si ven relación entre vivendas turísticas e subas no alugueiro tradicional

O impacto dos pisos turísticos no prezo e dispoñibilidade de vivendas de alugueiro tradicional é en Galicia un debate aberto e salferido de alertas políticas -caso das lanzadas dende o Concello de Santiago tanto polo anterior goberno de Compostela Aberta como polo actual, do PSdeG- e tamén técnicas. Así, por exemplo, este mesmo verán a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) reclamaba "prudencia" ás persoas propietarias de vivendas turísticas xa que, segundo un estudo elaborado pola propia entidade, os pisos vacacionais están entre os factores que "derivan nun encarecemento do arrendamento de vivenda tradicional nas sete cidades galegas e as súas áreas de influencia", en verbas do seu presidente, Benito Iglesias.

"A vivenda vacacional afectou este verán aos prezos da vivenda en alugueiro", concluía xa en 2017 Iglesias en declaracións a Economía Digital Galicia. Aludindo aos mesmos datos sinalaba Vigo e Santiago como as cidades máis expostas a subas que "dificilmente" ían poder ser "asumibles polos ingresos medios dunha unidade familiar normal".

A CNMV si detectou que os pisos turísticos "repercutiron significativamente na alza dos prezos dos alugueres", mentres que Competencia discrepa desta tese

Nun sentido semellante, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) subliñaba hai un ano no seu boletín oficial que "en determinados núcleos urbanos, o uso vacacional das vivendas alugadas repercutiu significativamente na alza dos prezos dos alugueres". Isto, segundo o regulador, "favoreceu, en última instancia" que parte da poboación optase pola compra de pisos xa que "ante un gasto mensual semellante", o alugueiro deixa de ser a opción preferida. 

Esta consideración colidía, non obstante, coa expresada dende a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). A entidade, que tombou a versión inicial do decreto da Xunta sobre pisos turísticos, cre que non hai "evidencias concluíntes" sobre a relación "directa e exclusiva" entre os pisos turísticos e a suba dos prezos do alugueiro tradicional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.