O PP galego súmase á condena do embargo a Cuba e quere que a Xunta así o diga aos Estados Unidos

Feijóo con Raúl Castro na viaxe que o presidente da Xunta fixo a Cuba en 2016 © Estudios Revolución

O Parlamento aproba por unanimidade unha proposición do BNG para apoiar a campaña de envío de xiringas á illa para a vacinación contra a COVID-19

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de lei impulsada polo BNG que apoia a campaña de envío de xiringas a Cuba para facilitar a vacinación contra a COVID-19 nese país fronte ao embargo comercial dos Estados Unidos. A iniciativa, apoiada polo PP, condena expresamente ese embargo e insta ao Goberno galego “a que nas súas relacións coas institucións dos Estados Unidos de América expresen a condena polo mantemento do embargo económico, comercial e financeiro a Cuba, así como os anime a derrogar, o antes posíbel, as leis Helms Burton e Torricelli e insten ao Goberno español a facer o mesmo”.

Comisión institucional do Parlamento de Galicia que aprobou este mércores a resolución © Parlamento de Galicia

A campaña de envío de xiringas a Cuba, impulsada pola organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz (Sodepaz), vén de recibir o apoio dos concellos galegos que poñen en común as súas axudas ao desenvolvemento a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Se os concellos e deputacións enviarán 60.000 xiringas, agora o Parlamento amosa o seu apoio institucional á campaña cunha declaración apoiada polo PP na que ademais reclama o levantamento do embargo e pide á Xunta que tamén axude no envío de xiringas a Cuba.

A resolución do Parlamento será agora enviada ás embaixadas dos Estados Unidos e Cuba

A resolución será agora enviada a “os consulados de Cuba e Estados Unidos emprazados en Galiza, así como tamén ás embaixadas de Cuba e Estados Unidos en Madrid” e reclama á Xunta “que nas súas relacións coas institucións dos Estados Unidos de América expresen a condena polo mantemento do embargo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.