O PP lanza os opositores contra a esquerda malia poder convocar os exames co orzamento prorrogado

Oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

"Reféns". É a palabra máis repetida nos últimos días por quen preparan oposicións ante a operación política artellada en torno aos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, que o Goberno de España aínda non presentou ante as Cortes Xerais. Xunto á distribución de fondos para os diferentes departamentos estatais a lei orzamentaria inclúe tamén as normas para convocar as ofertas de emprego público nas diferentes Administracións e, neste contexto, o PP deu en guindar o persoal opositor contra o resto de grupos do Congreso, poñendo o foco na esquerda e, moi especialmente, no PSOE. Se os socialistas non lle aproban os Orzamentos a Rajoy non haberá exames e a culpa non será do Goberno, afirman tanto a Xunta como o Ministerio de Facenda, obviando así que, como advirten os sindicatos e o resto de forzas políticas, si existen alternativas para convocaren os exames.

Mentres as contas públicas estatais deste exercicio non son aprobadas rexen as do ano anterior. Esta prolongación está regulada pola lei xeral orzamentaria, que indica que en caso de non existiren Orzamentos Xerais do Estado "antes do primeiro día do exercicio económico", consideraranse "automaticamente prorrogados os orzamentos iniciais do exercicio anterior" ata que haxa uns novos. A prórroga só ten unha restrición: non atinxe "aos créditos para gastos correspondentes a programas ou actuacións" que rematasen o ano previo. As normas das ofertas públicas de emprego si estarían, daquela, incluídas nos preceptos prorrogados.

As contas de 2016 están prorrogadas e, con elas, as normas para convocar ofertas de emprego público

Así as cousas, o Goberno galego e o resto das autonomías si terían a posibilidade de convocar as correspondentes oposicións, aínda que cos "límites e requisitos" establecidos o pasado ano, que afectaban ao conxunto das Administracións con moi poucas excepcións -determinados departamentos militares, por exemplo-. Segundo o artigo 20 da lei de orzamentos de 2016 para os principais sectores agora sumidos na incerteza polo bloqueo das oposicións, sanidade e educación, as comunidades autónomas terían que cinguirse a unha taxa de reposición "ata un máximo do 100%", isto é, só poderían cubrir as baixas, sen ampliar planteis. 

Facenda pode permitir os exames coas normas do ano pasado ou flexibilizalas por decreto, pero tamén impugnar as oposicións que convoquen as autonomías

Daquela, por que están en cuestión as convocatorias? Alén da vontade política de cada Executivo -o Goberno vasco, por exemplo, segue adiante coa súa oferta para 2017 e a Junta de Andalucía mantivo hai poucos días, a respecto das oposicións de educación, que non vai "ceder á chantaxe" dos de Rajoy-, si existe un risco real: Que os procesos selectivos que continúen adiante sexan impugnados polo Ministerio de Facenda, competente en materia de función pública. Esta situación ten múltiples precedentes e atinxiu a gobernos autonómicos de distinta cor -Andalucía en 2012 nos exames para mestres e Castilla y León en 2015, para enfermaría, por exemplo-. Eis a razón pola que gobernos como o aragonés xa optaron por suspender as oposicións que tiñan previstas.

Se o Ministerio permite as oposición aliviaría a presión do PP sobre o PSOE para aprobar os orzamentos de Rajoy

No entanto, o departamento que dirixe Cristóbal Montoro podería optar por outra vía, a da flexibilidade, cando menos en dous graos. A primeira posibilidade é que, simplemente, permita a convocatoria das oposicións coas normas de 2016 se as negociacións orzamentarias se prolongan no Congreso. A segunda foi apuntada polo propio Ministerio hai poucos días, tal e como revelaron os representantes dos sindicatos CC.OO., UGT e CSI-F tras reunírense con Montoro, segundo recolleu Expansión. O departamento estatal, indicaron, ten na súa man darlle luz verde a unha oferta de emprego público para 2017 a través dun Real Decreto Lei negociado á marxe dos orzamentos. Esta posibilidade desbloquearía as oposicións, pero tamén aliviaría a presión sobre os partidos aos que o PP esixe apoio para os Orzamentos. No caso galego, o argumentario da Xunta pasa por conxelar as oposicións se o debate orzamentario non ficou resolto en abril e responsabilizar do bloqueo a En Marea e PSdeG por teren representación no Congreso.

O conselleiro e o ministro de Facenda, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.