O PP obtén no Parlamento documentación para atacar gobernos municipais da esquerda

Feijóo, Tellado e outros cargos, nun acto do PP CC-BY-SA PPdeG

No tempo transcorrido da actual lexislatura galega os grupos da oposición exerceron en 174 ocasións o seu dereito a reclamaren documentos á Xunta. Como informou este diario, ata finais de novembro algo menos da metade das solicitudes formuladas por En Marea, PSdeG e BNG foran atendidas, mentres que o resto seguían en tramitación e delas, tres de cada catro excedían xa o prazo regulamentario dun mes para achegar os papeis ou explicar formalmente as razóns legais que impiden entregalos. No mesmo período o PP, como adoita acontecer cos grupos que sustentan ao Goberno, formulou moitas menos peticións de documentación á Xunta. Foron, nomeadamente, cinco, e ningunha delas se refiren a áreas de xestión do Executivo galego, senón que todas elas atinxen a concellos con gobernos de esquerda.

Tres desas cinco peticións foron asinadas pola vicevoceira dos conservadores, Paula Prado, e as tres refírense ao Concello de Santiago, onde a parlamentaria foi concelleira e voceira do goberno municipal na etapa de Gerardo Conde Roa. A primeira formulouna o pasado abril xunto á deputada María Antón, actualmente tamén edil da oposición na capital galega, e foi para reclamar o expediente do servizo de axuda no fogar. Este documento foi solicitado a principios de abril, o PP recibiuno no prazo regulamentario, a finais do mesmo mes, e serviulle para acusar o Concello de non empregar todas as horas de axuda a persoas dependentes que a Xunta financia. Segundo sinalou o goberno de Compostela Aberta, esta limitación producíase porque o goberno local debía axustarse ata este ano ao contrato herdado do goberno local do PP. O novo, anunciou, inclúe o dobre de horas.

A deputada do PP que máis documentación pediu no primeiro ano foi Paula Prado, en todos os casos sobre o Concello de Santiago, onde foi edil e mais voceira na etapa de Conde Roa

No mes de maio Prado formulou a seguinte solicitude, tamén referida a Santiago. Foi para pedir as "memorias do Centro de Información á Muller do Concello de Santiago" correspondentes a 2014 -ano no que Feijóo remudou a Ángel Currás na alcaldía santiaguesa e situou nela a Agustín Hernández-, 2015 -ano das municipais- e 2016. O Goberno galego achegoulle a resposta no mes de agosto e Prado empregouna publicamente o pasado novembro, para cargar con dureza contra a campaña 'En negro contra as violencias machistas' e asegurar que o consistorio compostelán "non atende as vítimas" das agresións de xénero porque no devandito expediente constan fondos destinados a obras de instalacións da Concellería de Igualdade e mais para campañas de sensibilización neste eido.

Segundo os datos aos que tivo acceso Praza.gal, a última solicitude de documentación asinada por Prado é tamén sobre Santiago, de novo foi realizada conxuntamente coa deputada e concelleira María Antón e está datada no pasado 9 de agosto. A petición xa foi respondida e nela ambas deputadas pediron os expedientes "das áreas de rehabilitación integral do Concello de Santiago" ligadas ao Plan Estatal de Vivenda 2013-2016 "e a previsión de prórroga para 2017".

Documentos de concellos gobernados polo BNG

Os populares obtiveron expedientes sobre Pontevedra e San Sadurniño

As outras dúas peticións de documentos formuladas polo PP no Parlamento no primeiro ano de lexislatura refírense a concellos do BNG. Unha delas formulouna en maio o actual vicepresidente da Cámara e líder dos populares na provincia da Coruña, Diego Calvo, para pedir á Xunta unha copia do expediente do servizo de axuda no fogar do Concello de San Sadurniño, que o Bloque goberna con maioría absoluta tras obter case o 60% dos votos nas últimas municipais. Política Social atendeu esta solicitude con celeridade nun contexto no que o PP viña acusando o goberno local de non atender todas as persoas en situación de dependencia que precisan esta axuda. Dende o consistorio instárase os populares a aclarar "como obtiveron os datos de horas e listas de espera", toda vez que é información persoal e non dispoñible "para consulta pública".

Na pasada lexislatura o PPdeG xa empregara este mecanismo para pedir papeis sobre gobernos locais da esquerda

A que, ata o momento, foi a última petición de papeis asinada polo PP ten data de setembro e a sinatura do deputado e tamén voceiro do partido da dereita no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, que pediu documentación "sobre o número de toneladas de residuos, por cómputo mensual e tipo de residuo", que remitira o concello pontevedrés a Sogama "de xaneiro de 2015 a agosto de 2017". No pleno municipal pontevedrés de novembro o propio Moreira axitou esta información sen sinalar de onde a obtivera para censurar que aumentasen as toneladas de refugallos enviadas a esta planta, o que ao seu xuízo é un "claro exemplo da deriva do BNG coa compostaxe".

A obtención de documentos sobre concellos nos que non goberna non é, en calquera caso, unha conduta implantada polo PP nesta lexislatura, senón que xa a aplicara en mandatos anteriores. Así, por exemplo, no primeiro ano do anterior período lexislativo galego os populares utilizaron a Cámara para obteren un expediente de obradoiros de emprego do Concello de Ribadeo -solicitado por José Manuel Balseiro, actual delegado da Xunta en Lugo-, a voceira do PP en Monforte e tamén deputada, Julia Rodríguez, obtivera documentos sobre "o estado da rede de saneamento" dese municipio e varios parlamentarios conservadores pediran, tamén, "análises e informes vencellados cos puntos de verquido incontrolado" no río Gafos, en Pontevedra.

Calvo, Prado e Moreira CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.