O PP obvia a súa doutrina da lista máis votada para desbancar o PSdeG en Santa Comba

Pleno municipal en Santa Comba © Concello de Santa Comba

Hai xa uns meses que, case como en cada mandato municipal, comezou a vaga de mocións de censura en concellos galegos co PP como protagonista. Despois da máis temperá, a de Boimorto -cuxo alcalde vén de dimitir, nove meses despois, pola súa presunta implicación nunha estafa- viñeron Oia, Noia ou Pontecesures, municipios nos que os conservadores teceron alianzas para desbancar gobernos de esquerda esgrimindo, entre outros motivos, a súa condición de lista máis votada. No entanto, o principio axitado recorrentemente polos conservadores en todos os ámbitos institucionais vén de ser obviado polo PPdeG en Santa Comba para, mediante outra moción de censura, remover da alcaldía ao PSdeG.

Nas eleccións municipais de 2015 o PP de Santa Comba tivo 2.125 votos, 325 menos que o PSdeG, o que deixou a candidatura da popular María Pose, alcaldesa o pasado mandato, máis de seis puntos por tras da liderada polo socialista José Antonio Ucha. Estes sufraxios traducíronse en cinco edís do PSOE e outros tantos populares, mentres que os tres restantes da corporación lle corresponderon a Terra Galega, que con 1.528 votos facilitou a investidura de Ucha en xuño de 2015 mediante un acordo de goberno.

O pacto de PSdeG e TEGA apenas durou seis meses, ata novembro, cando o alcalde expulsou os seus socios do goberno. "Nós cremos na honestidade e na transparencia, e para Terra Galega estas dúas palabras non forman parte dos seus códigos", dando lugar a unha "perda de confianza", sinalou o rexedor. Agora, apenas medio ano despois, TEGA e PP suman forzas para asinar unha moción de censura que ten como candidata á popular María Pose. Fan así fronte, argumentan, ao "autoritarismo" do alcalde para lograr un goberno que responda ao "interese xeral da cidadanía" e remate co "desgoberno".

No inicio do mandato os populares coidaban que TEGA só procuraba "parcelas de poder"

Os populares alíanse así coa pequena formación á que lle dedicaran non poucos receos no inicio do mandato. Segundo censuraran daquela, tras anunciarse o pacto co PSOE, TEGA responde unicamente ao seu propio "interese" nos "cargos e as parcelas de poder". O PSdeG, afirmaban, adoecía de "incoherencia" por "pactar" a quen previamente "criticou". Mentres, o PP tíña un único "pacto", o que os unía aos "veciños de Santa Comba".

A dirección galega do PP avala a censura tras definir as coalicións sen a forza máis votada como "pactos de perdedores"

A operación a nivel local ten tamén o apoio da dirección galega do partido. Tras definir en diversas ocasións as coalicións de goberno como "pactos de perdedores" e esixir o "respecto" ao goberno da "forza máis votada en diversos concellos e parlamentos o novo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, apoia os seus compañeiros por faceren valer o "mecanismo plenamente democrático" da moción de censura que, por outra banda, agrega, non responde a unha "estratexia" para tentar sumar gobernos municipais, senón de procurar a "estabilidade".

María Pose, líder do PP en Santa Comba © Concello de Santa Comba

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.