A comezos deste ano a Audiencia Nacional condenou o Estado a indemnizar a unha construtora por decisións tomadas baixo os mandatos de Ana Pastor e Íñigo de la Serna, ademais do socialista José Blanco
A autovía A-54 Lugo-Santiago iniciouse hai máis dunha década e aínda non está rematada. A maior parte dos seus treitos foron planificados con prazos de obras que rondaban os tres anos, pero os traballos demoráronse moito máis e malia que tanto PP como PSOE gobernaron na última década máis de cinco anos cada un, este mércores os populares galegos decidiron centrar nesta infraestrutura a campaña electoral preguntándose "por que non está rematada".
O PPdeG considera a demora da A-54 un "maltrato do sanchismo" e un "asañamento" con Lugo apenas catro meses despois de que a Audiencia Nacional condenase o Estado a indemnizar a unha construtora desa autovía por decisións que atrasaron as obras e que foron tomadas durante os mandatos á fronte do ministerio tanto do socialista José Blanco como dos populares Ana Pastor e Íñigo de la Serna.
O foco no atraso da A-54 decidiu poñelo o PPdeG este mércores levando ata as obras a algúns dos seus principais candidatos e dirixentes. Alí estiveron o ata agora vicepresidente económico da Xunta e agora cabeza de lista ás xerais por Lugo, Francisco Conde, a número 2 do PPdeG, Paula Prado, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Para Conde "xa non hai cabida para máis escusas para non rematar esta infraestrutura". Prado dixo que ata os votantes do PSOE "non entenden por que a autovía non está aínda rematada". E Vázquez amosou o seu desexo electoral de que "a partir da próxima semana finalice este maltrato do sanchismo ás infraestruturas de Galicia que na provincia de Lugo xa case roza o asañamento".
Os populares obvian a súa propia responsabilidade e consideran o atraso da infraestrutura un "maltrato do sanchismo" e un "asañamento" con Lugo
A decisión dos populares galegos de facer unha vez máis electoralismo cos atrasos na construción da A-54 chega catro meses despois de que Praza.gal revelase que a Audiencia Nacional condenou o Estado a indemnizar á construtora do treito Lavacolla-Arzúa, iniciado en 2009 e rematado en 2019, con 7,7 millóns de euros por diversos imprevistos. Unha sentenza que relata toda unha sucesión de suspensións, reaxustes e modificados do proxecto decididos polos sucesivos equipos socialistas e populares que houbo á fronte do Ministerio de Fomento durante os dez anos que durou a execución da obra.
No caso do período de goberno dos populares, a sentenza sinala que en maio de 2012, con Ana Pastor á fronte de Fomento, houbo un reaxuste da obra por falta de cartos que adiou o seu remate un ano a respecto do previsto anteriormente, ata maio de 2016. En xullo de 2012 suspendéronse traballos á espera dun modificado do proxecto que non foi aprobado ata maio de 2013 e que volveu adiar o prazo de remate, agora a maio de 2017, outros dous anos. Pero polo medio, en outubro de 2012 e febreiro de 2013, habería outros dous reaxustes de anualidades, seguido doutro máis en agosto de 2013.
Non quedaría aí a cousa xa que en outubro de 2015 propúxose un novo modificado, que non sería autorizado ata un ano máis tarde, en outubro de 2016, o que volveu implicar novas suspensións parciais de traballos. E dous novos reaxustes orzamentarios, un deles xa cun terceiro ministro á fronte de Fomento, o tamén popular Íñigo de la Serna. Finalmente, o treito sería posto en servizo o 24 de maio de 2019, co cuarto responsable distinto no ministerio, agora novamente un socialista, José Luis Ábalos.
Os dous treitos aínda pendentes da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, tamén afectados por diversas demoras, responsabilidade tanto de PP como de PSOE, está previsto que entren en servizo o próximo ano
Actualmente a A-54 ten dous treitos en obras, entre Palas de Rei e Melide e entre Melide e Arzúa, que o ministerio prevé poñer en servizo en 2024. Son dous treitos que viron demorar o seu inicio e cambiar os seus trazados por condicionantes ambientais impostos, co aval da Xunta, polo seu paso polo espazo protexido da serra do Careón. Pero unha vez aprobado o trazado definitivo, a licitación das obras aínda seguiría a rexistrar problemas.
Os dous treitos saíron a concurso a finais de 2015, pero uns meses despois Fomento, co PP á súa fronte, decidía anular eses procedementos e convocar novas licitacións nas que os criterios económicos pesasen un 70% do total fronte ao 30% dos criterios técnicos. Iso non impediu que, cos traballos en xa marcha, tamén nestes treitos houbese modificados de proxectos que volveron encarecer e demorar a obra.