O PP presenta á súa número 3 por Lugo como "doutora" e corríxeo por un diploma ao detectar ela mesma o "erro"

Distintas versións do currículo da deputada popular Cristina Sanz Arias CC-BY-SA Praza Pública

O currículo da deputada facilitado polo partido ao Parlamento identificábaa inicialmente como “doutora en Economía e Administración de Empresas”, fragmento mudado por “diploma de estudos avanzados” primeiro na versión en galego da web e máis tarde en castelán

Cristina Sanz Arias, número 3 por Lugo nas listas do PP das eleccións do pasado 12 de xullo, non é “doutora en Economía e Administración de Empresas”, malia que así foi presentada inicialmente polo grupo parlamentario popular nos currículos que sobre cada deputado e deputada remitiu ao Parlamento de Galicia, que así o chegou a publicar na súa páxina web. Segundo o grupo popular, cando a propia deputada detectou o erro solicitou o cambio, que o Parlamento realizou primeiro na versión en galego e tempo despois na de castelán, que este mércores seguía presentándoa como doutora, o que o Parlamento atribúe a unha demora informática nalgúns equipos.

Segundo a primeira versión do currículo de Sanz Arias remitida polo grupo popular ao Parlamento e publicada por este na súa web, a deputada sería “Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e doutora en Economía e Administración de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela”. Porén, na base de datos Teseo de teses doutorais non figura ningunha ao seu nome, ao tempo que desde o ámbito académico se trasladou a Praza.gal a sorpresa por esa suposta dobre especialidade en eidos distintos como Economía e Administración de Empresas.

Currículo na web oficial do Parlamento que identifica a Sanz Arias como "doutora" malia que non o é CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o Parlamento, o propio partido solicitou mudar o texto do currículo cando se detectou o erro, de xeito que na versión agora dispoñible aparece “Licenciada en Ciencias Económicas, diploma de estudos avanzados pola Universidade de Santiago de Compostela”. Un cambio que se realizou primeiro na versión en galego da web e máis tarde na de castelán, polo que durante un tempo a deputada figurou con dous currículos distintos. 

O grupo parlamentario popular di que a propia deputada detectou o erro no seu currículo cando o partido lles pediu a todos que revisasen o texto enviado ao Parlamento

Preguntado polo ocorrido, o grupo parlamentario popular di que a propia deputada detectou o erro no seu currículo cando o partido lles pediu a todos que revisasen o texto enviado ao Parlamento. Ademais da traxectoria académica, o currículo de Sanz Arias sinala que “foi responsable do Departamento Económico-Financeiro da Confederación de Empresarios de Lugo (1994-2002) e desde o ano 2002 incorpórase ao Instituto Galego de Promoción Económica”, do que era subdirectora de Investimento. Tamén “foi membro do Consello Económico e Social de Galicia, en representación da Confederación de Empresarios de Galicia, entre 1997 e 2002”.

Durante a pasada lexislatura, o daquela deputado de En Marea Juan Merlo dimitiu tras incluír no mesmo currículo comunicado ao Parlamento e publicado na súa páxina web que era enxeñeiro malia só cursar estudos sen chegar a obter o título.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.