O PP rexeita que o Consello de Contas audite as finanzas dos Concellos con cargos imputados

Xuntanza da conselleira de Facenda co Consello de Contas, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

O Parlamento galego debateu esta mañá as recomendacións que se lle formulan dende o poder lexislativo ao plan anual do Consello de Contas. Entre outras propostas, Alternativa Galega de Esquerda pediu que este organismo realizase unha auditoría das contas dos Concellos con cargos públicos imputados por distintos delitos e inmersos en investigacións xudiciais na actualidade, unha petición que foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular.

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, destacou o caso do Concello de Lugo, onde funcionan un total de 40 servizos privatizados, entre os que se inclúe a recadación municipal, a grúa, a Ora, as escolas infantís, o servizo de axudas a maiores ou o transporte urbano entre outros e que lle supoñen un custe de máis de 30 millóns de euros anuais ás arcas públicas. Vázquez salientou que moitas destas áreas están a ser investigadas por distintas irregularidades. O deputado tamén se centrou no Concello de Santiago con sete edís sentados actualmente no banco dos acusados sen que existise resposta algunha por parte do PPdeG.

Ramón Vázquez concluíu que os populares "blindan o seu engranaxe corrupto no que os responsables públicos privatizan servizos municipais a través de concesións polas que reciben a cambio diñeiro e regalos"

Vázquez cualificou de "impresentable" que o PP se negue a que o Consello de Contas fiscalice estes concellos "que manexan millóns de euros públicos e que están sendo investigados na actualidade". Para o deputado de AGE, "queda claro que o PP é cómplice da corrupción nos concellos de Galicia" pois "xa non só evita tomar acción algunha contra os seus imputados senón que impide incluso que se fiscalicen as contas para comprobar que non existan realmente irregularidades tal e como están a investigar por parte dos xulgados galegos". Ramón Vázquez concluíu que os populares "blindan o seu engranaxe corrupto no que os responsables públicos privatizan servizos municipais a través de concesións polas que reciben a cambio diñeiro e regalos, á vez que empregan estas empresas como axencias de colocación de amigos, parentes e achegados. Unha cadea de favores para se manter no poder e financiar tanto os seus cargos como o seu partido”.

 

O BNG pide investigar Sogama ou a Cidade da Cultura

Para Jorquera, resulta necesario auditar a situación financeira de Sogama e comprobar se a xestión dos residuos se axusta aos principios e programas de tratamento

Pola súa banda, o BNG, a través do seu voceiro, Francisco Jorquera, propuxo oito liñas de investigación, entre as que destacou a necesidade de elaborar un informe de fiscalización sobre a situación financeira e xestión de Sogama, a Cidade da Cultura e Igape. O deputado destacou que resulta necesario auditar a situación financeira de Sogama e comprobar se a xestión dos residuos se axusta aos principios e programas de tratamento; e lembrou o informe correspondente ao exercicio 2004 que salientaba  o “incumprimento” da política de xestión de residuos. Dez anos despois, dixo, “o desastre é aínda maior, o modelo Sogama fixo crack”.

En canto á Cidade da Cultura, o BNG pide "comprobar se a actividade se axusta aos seus fins fundacionais e normas internas, avaliar a súa eficacia e políticas de gastos", entre outros fins creada para xestionar os contidos de “dous edificios que non se van facer”, lembrou o nacionalista. Jorquera tachou de “zombi” a Fundación que se está a usar para custear outras actividades da Cidade da Cultura e reiterou que "cómpre avaliar a actividade da fundación e o retorno que está a ter para Galiza”.

O deputado do BNG referiuse a débeda pública de Galicia, “triplicada” dende a chegada de Feijóo ao Goberno galego e reclamou a fiscalización da actividade contractual do SERGAS

Na súa intervención, ademais, propuxo fiscalizar as deputacións provinciais co fin de analizar a eficiencia na xestión de gastos e ingresos así como a “legalidade nos procedementos de contratación”. Por outra parte, salientou que os datos indican un baixo nivel de execución cun maior “orzamento no gasto corrente e menor investimento”. O deputado do BNG referiuse a débeda pública de Galicia, “triplicada” dende a chegada de Feijóo ao Goberno galego e reclamou a fiscalización da actividade contractual do SERGAS cun informe especifico da concesión de obra do Hospital de Vigo para analizar, entre outros aspectos, o incremento de custes derivado do “fracaso do modelo de colaboración público-privada”. O parlamentario concluíu a súa intervención solicitando unha auditoría sobre a eficiencia do recurso á externalización de servizos contra o lume e en particular, “dos contratos da Xunta coa empresa Natutecnia S.L.”.

Xuntanza da conselleira de Facenda co Consello de Contas, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.