O PP tamén se erosiona nos seus feudos andaluces aguillados por Feijóo

Feijóo, con Moreno Bonilla e outros dirixentes do PP andaluz © PP Andalucía

O descoñecido Juan Manuel Moreno Bonilla, gran derrotado das eleccións andaluzas do pasado domingo, tivo múltiples convidados nos seus actos de campaña. Os populares tentaron compensar o gran descoñecemento cidadán do secretario de Estado enviado por Mariano Rajoy para o lugar historicamente ocupado por Javier Arenas con diversas visitas. Ademais do propio Rajoy, fondamente implicado na campaña, tamén o presidente galego, Alberto Nüñez Feijóo, foi enviado a Andalucía, concretamente a actos en municipios a priori favorables para a dereita e nos que, malia todo, o PP tamén saíu erosionado da cita coas urnas.

A poboación de maior dimensión visitada por Feijóo durante a campaña, a cidade de Huelva, foi tamén a cidade das aguilladas polo presidente da Xunta na que o seu partido saíu peor parado. Así, do 43,33% dos votos de 2012 pasou ao 26,49%, unha caída de máis de 10.000 votos e case vinte puntos que implicou ademais perder a condición de primeira forza política a prol do PSOE. Ese intercambio de posicións entre socialistas e populares produciuse tamén en Cartaya, outra das localidades nas que o líder do PPdeG fixo campaña por Moreno Bonilla e onde PP perdeu tameń case vinte puntos.

Feijóo foi enviado a municipios a priori favorables para o PP; retrocedeu en todos e en dous deles perdeu o primeiro posto, recuperado polo PSOE

Nos outros catro municipios nos que Feijóo pediu o voto para o seu homólogo andaluz o PP deu aguantado como primeira forza, pero en todas elas con importantes retrocesos. En El Ejido e Adra -ambos concellos ubicados en Almería, única provincia na que se impuxo o PP- os populares perderon doce e once puntos, respectivamente, e deixaron polo camiño uns 3.000 votos. en La Palma del Condado a caída foi tamén duns once puntos e en Lepe, onde Feijóo pechou a campaña andaluza, o retroceso foi de case doce puntos.

O presidente da Xunta cualificou os socialistas de "mal endémico" nas súas intervencións para apoiar a Moreno Bonilla

Estes foron os resultados populares nuns concellos nos que Feijóo se amosou convencido de que "a meirande parte de andaluces sabe que o único mal endémico que ten Andalucía se chama Partido Socialista", formación á que culpou de que a comunidade andaluza "siga no furgón de cola de España". "¡Tenéis potencial en todos los cantos de esta tierra menos en la Junta de Andalucía!", asegurou o presidente da Xunta nun dos seus mitins, nos que tamén situou o seu Goberno como paradigma de "defensa do público".

Segundo o líder dos populares galegos o que se dirimía nos comicios do domingo era se "os andaluces van pasar os próximos cator anos discutindo ou gobernando", se querían continuar coa socialista Susana Díaz ou apostar por "un político distinto, co que se pode facer algo distinto". "Con Juanma Moreno todos sairemos gañando", auguraba Feijóo corenta e oito horas antes do duro pau sufrido polos seus compañeiros de filas.

Besteiro: "Os andaluces elixiron unha nova xeración de socialismo que puxa forte no seu primeiro test electoral"

Mentres que, nas primeiras horas do luns, non xurdiu reacción ningunha do PP galego a respecto do acontecido en Andalucía o PSdeG si valorou o resultado. Antes de participar en Madrid no Comité Federal do PSOE o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa ledicia polo "triunfo claro do PSOE" fronte á "debacle do PP" e tamén ante a "entrada de partidos minoritarios con menos forza da prevista". "Os andaluces -di Besteiro- elixiron futuro" e "unha nova xeración de socialismo" que "puxa forte no seu primeiro test electoral", o que dende o seu punto de vista indica que "o socialismo forma parte da axenda de futuro da cidadanía".

Feijóo, nun dos seus actos en Huelva CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.