O PPdeG frea o devalo iniciado en 2012 xusto antes do gran reto das galegas

Feijóo, nun acto de campaña CC-BY-SA PPdeG

As haxiografías do PP galego describen a noite electoral do 21 de outubro de 2012 como a da "ampliación" do seu dominio en Galicia. Efectivamente, aquela xornada os conservadores aumentaron a súa representación no Parlamento de Galicia, de 38 a 41 escanos, pero fixérono cun moi relevante retroceso en apoio cidadán, de case 130.000 votos. Dende aquel 21-O todas as citas coas urnas supuxeron para o PPdeG un peor resultado en votos que nos mesmos comicios do mesmo ámbito, xa fosen europeas, municipais ou xerais. A maquinaria popular non deixara, nin de lonxe, de funcionar, pero as súas engranaxes renxían. Esa tendencia vén de mudar o 26X, xusto antes das transcendentais eleccións galegas do outono.

Dende 2012 todos os resultados do PPdeG foran peores que nas eleccións previas do mesmo ámbito

Nas xerais de decembro de 2015 os de Alberto Núñez Feijóo ficaran ben lonxe do seu obxectivo, obter cando menos 12 dos 23 escanos galegos. Pasaron de 15 a 10 e, sobre todo, deixaron polo camiño máis de 250.000 votos a respecto das xerais de 2011. Era a caída máis fonda e roldaba o devalo sufrido nas europeas, con 216.000 votos menos que en 2009, e profundaba na tendencia das municipais de 2015, con case 186.000 votos menos que catro anos antes. No entanto, este domingo os de Feijóo remontaron dous escanos e obtiveron moitos menos votos que nas xerais de 2011, pero 34.000 máis que o 20-D.

Os votos acadados están lonxe dos mellores resultados do PPdeG, pero devólveno ao momento previo ao seu peor ciclo

Co foco un chisco máis ampliado, ata a fundación do PP -coa instauración das súas actuais siglas en substitución das de Alianza Popular e os seus grupos afíns-, os resultados deste 26 de xuño amosan que os populares galegos aínda están moi lonxe das súas tradicionais cifras en eleccións xerais, comicios nos que non baixaran da barreira dos 800.000 votos nas catro circunscricións galegas dende 1993 e nos que chegaran a acariñar os 900.000 a principios de século. Así e todo, o apoio cidadán acadado o 26X devolve a Feijóo ao momento previo ao peor ciclo electoral da historia do PPdeG e sitúao, cun nivel de voto semellante ao de hai catro anos, na mellor das posicións posibles, dentro do contexto actual, para abordar o intento de reter o Goberno de Galicia.

Feijóo declárase agora "esperanzado" coa posibilidade de lograr unha terceira maioría absoluta

Con estes números na man dende a dirección do PPdeG lánzase agora con máis convicción o argumentario que ata este domingo se formulaba cun aquel de obriga. Feijóo, afirman agora, vese en condicións de optar a unha terceira maioría absoluta. O actual presidente declárase "esperanzado" coa posibilidade de logralo e ve no 26X a mostra de que a súa operación de "renovación" está a funcionar. Unha peza esencial da máquina, o PP de Ourense, volve estar a pleno rendemento. E a que foi unha das maiores preocupacións do último ano, as grandes cidades do país, xa non o é tanto.

Persisten, así e todo, incertezas no horizonte. A influencia que poden ter os votos a Ciudadanos nunhas eleccións galegas, a eventual recuperación do BNG nos comicios que lle son máis propicios, a candidatura e fórmula de concorrencia de En Marea e mesmo a fuga de sufraxios do baltarismo cara a Democracia Ourensana son factores que estarán sobre a mesa no outono. Con todo, Feijóo abandona a curva descendente, que agora comparten todos os seus rivais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.