O presidente do Parlamento permite a Feijóo criticar a oposición polo lume pero limita que se lle pregunte por el

Minuto de silencio no Parlamento de Galicia polos falecidos na vaga de incendios CC-BY-SA Praza Pública

O titular da Xunta acusa a BNG e En Marea de “dividir” o pobo polos lumes e di que el “nunca” culpará deles a un partido político

A crise política xerada pola vaga de incendios dos últimos días demostrou a incapacidade do Parlamento de Galicia de adaptar o seu lento ritmo de traballo ás novidades que se producen na sociedade galega. A orde do día para a sesión de preguntas ao presidente Feijóo deste mércores foi aprobada a semana pasada e nela contemplábanse debates sobre deslocalización de empresas, marisqueo e sanidade. Cando este mércores os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, tentaron preguntar polos lumes, o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, limitou as súas intervencións pero permitiu que Feijóo si centrase as súas réplicas nos incendios e os acusase de non colaborar na loita contra eles e mesmo de obstaculizala. Mentres, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, optou por aterse á orde do día falar do marisqueo, co que recibiu os eloxios de Feijóo.

Pontón pediu unha "comisión de estudo" para que non volva ocorrer unha vaga de incendios así e Leiceaga unha comparecencia específica de Feijóo

A sesión de preguntas a Feijóo iniciouna Pontón salientando que a vaga de incendios destes días foi “unha traxedia anunciada” na que “miles de persoas se sentiron abandonadas igual que no Prestige”. Pontón botoulle en cara ao presidente que o pasado mércores dixese que “o risco de incendios na zona atlántica baixou de forma evidente” e que “non había ningún problema co despedimento de parte do servizo de extinción e logo tiveron que readmitilo correndo”. A nacionalista pediu a creación dunha “comisión de estudo” do ocorrido nos últimos días para que non se volva repetir e “cambiar a política forestal”.

Mentres o presidente da Cámara, Santalices, interrompeu a Pontón e advertiuna de que non estaba a respectar a orde do día -mesmo a chamou á orde en dúas ocasións e advertiu de expulsión-, si permitiu que nas súas réplicas Feijóo falase só de incendios tras unha breve protesta inicial polo cambio de temas. Feijóo dixo que el "nunca" culpará dos incendios a un partido político, obviando que en 2006 atribuiu responsabilidades á Xunta de PSdeG e BNG, e acusou a Pontón, como logo faría tamén con Villares, de “faltarlle ao respecto” ás vítimas e persoas que loitaron contra o lume porque ao seu ver “non é razoable dicir que o problema era de falta de medios”.

O presidente da Cámara admitiu o seu "erro" por permitir que se debatese sobre incendios, pero permitiu a Feijóo seguir facéndoo

O presidente salientou que nunca nun mes de outubro houbo tantos e que se reincorporaran brigadistas despedidos previamente “o 9 de outubro”, malia que un día antes a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, dixera que se reincorporaran o día 11, o mesmo en que Feijóo, preguntado pola cuestión, non negaba os despedimentos senón que minimizaba a súa falta e argumentaba que os que quedaban estaban centrados nas zonas con máis risco da Galicia interior. Feijóo tamén avanzou que na reunión do seu Goberno prevista para este xoves vanse aprobar “axudas directas” para os afectados polo lume. “Imos estar co noso pobo, ante o que daremos todas as explicacións que se nos requiran, pero ao pobo galego non o vai desunir ninguén”, sentenciou Feijóo en resposta ás críticas recibidas estes días desde toda a oposición.

Tras ese intercambio de acusacións con Pontón a conta dos incendios, tocoulle a quenda ao portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que protestou porque o presidente da Cámara permitise “cambiar de feito” a orde do día e optou por centrar o seu debate con Feijóo na cuestión do marisqueo. Leiceaga nin sequera falou das implicacións que as cinzas dos incendios teñen habitualmente para ese sector, cuestión que introduciu o propio Feijóo para salientar o traballo do seu Goberno ao respecto. Sobre os incendios, Leiceaga limitouse a pedir unha comparecencia específica de Feijóo que este aceptou “cando corresponda”.

Feijóo criticou á oposición en xeral que concellos gobernados por eles rexeitasen crear brigadas forestais locais conveniadas coa Xunta

Cando lle correspondeu formular as súas preguntas ao portavoz de En Marea, Luís Villares, e iniciou a súa intervención falando dos incendios, Santalices interrompeuno, admitiu o seu propio “erro” por deixar previamente a Pontón introducir a cuestión e pediu non convertelo nun “erro continuado”. Villares seguiu falando dos lumes asegurando que tiñan unha implicación sanitaria, e que os sistemas de emerxencia non funcionaran correctamente, pero Santalices cortoulle a palabra. Pola contra, Feijóo replicou sobre os incendios botándolle en cara a Villares que puxese en dúbida o funcionamento das emerxencias sanitarias e mesmo que trabucase os teléfonos delas cos dos bombeiros. Tamén revelou que o domingo pola noite chamou por teléfono a Villares e “non puiden falar con el ata a unha da madrugada”, mentres que cos outros dous portavoces non puido nin contactar, segundo dixo. Villares admitiu esa chamada e salientou que nela puxo a disposición da Xunta todos os medios dos municipios que gobernan as mareas. Porén, Feijóo criticou á oposición en xeral que concellos gobernados por eles rexeitasen crear brigadas forestais locais conveniadas coa Xunta. “Pablo Iglesias ten un pouco máis de principios que vostede”, chegou a dicirlle.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.