O PSdeG compromete a creación da Consellería de Igualdade se goberna tras o 12X

Gonzalo Caballero, con Carmela Silva este 3 de xuño en Pontevedra CC-BY-NC-SA PSdeG

As forzas políticas da actual oposición aproveitan nos últimos días o levantamento parcial das medidas restritivas para frear os contaxios do coronavirus para formular propostas preelectorais por diferentes puntos do país. Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral e candidato á Presidencia, Gonzalo Caballero, asegura estar convencido de que en Galicia pode producirse un cambio de Goberno se "se mobiliza" o electorado que deu aos socialistas nas eleccións xerais de 2019 á condición de primeira forza en Galicia por primeira vez na súa historia. Se isto sucede, di, haberá "un goberno progresista que priorice ás persoas" e cuxa primeira peza propuxo este mércores: a Consellería de Igualdade. [O PP retén a maioría absoluta por un ou dous escanos a mes e medio das eleccións]

Gonzalo Caballero asegura que a Consellería de Igualdade "do goberno progresista" aglutinaría todas as "políticas para saír da crise que apoien as mulleres e garantan o seu dereito a non teren que ser o resorte de resistencia ante a ausencia de medidas da Xunta"

Acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o aspirante socialista á Xunta sinalou a institución pontevedresa como "referente nas políticas de igualdade e defensa das mulleres" que, di, el quere trasladar ao Goberno galego. Esa Consellería de Igualdade -o departamento é actualmente unha Secretaría Xeral dependente da Vicepresidencia-, avanza, aglutinaría todas as "políticas para saír da crise que apoien ás mulleres, que garantan o seu dereito á actividade laboral e a ter unha vida digna" no canto de teren que "ser o resorte de resistencia ante a ausencia de medidas da Xunta" en materia de coidados "para a poboación máis vulnerable".

As últimas semanas, cre Caballero, están a ser unha boa mostra de que "a Xunta esquece as persoas e quen quedan máis rezagadas son as mulleres". Mostra disto, considera, é a decisión de non reabrir escolas infantís nin centros de día pechados polo coronavirus ata setembro. Esa decisión non foi compensada con "medidas de conciliación importantes", senón coa promesa de axudas ás que "moi poucos cidadáns poderán acollerse". A futura Consellería de Igualdade, promete, si garantiría "que non sexan as mulleres as que teñan enriba de si" as consecuencias da crise. 

Gonzalo Caballero di ademais concordar, neste sentido, na proposta de incorporar as entidades locais ao que denomina "gran pacto de reconstrución" tras a covid-19. Neste sentido, Carmela Silva coida que o Goberno galego debera seguir a senda doutras autonomías e sentar deputacións e concellos á mesma mesa para trazar o "plan de reconstrución económica e social" que, para o eido local, estea dotado con 300 millóns de euros.

O BNG propón "un servizo público de canguros" que compense o peche das escolas

En materia de conciliación da vida familiar e laboral pronunciábase tamén este mércores a portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón. De visita na casa de María e Quique, nai e pai de dúas nenas de 7 e 3 anos residentes en Santiago, a aspirante nacionalista á Presidencia propuxo a instauración dun "servizo público de canguros" que "vaia máis alá da subvención sen concretar, máis alá do titular", prometida por Feijóo para compensar o peche das escolas ata setembro.

Ana Pontón e Goretti Sanmartín (BNG), visitando unha familia con dúas fillas na súa casa de Santiago CC-BY-NC-SA BNG

"Feijóo debera comezar poe explicar cantas familias pensa que se poden permitir contratar unha persoa para coidar das fillas e fillos, cos salarios medios que hai no país"

"O BNG -explica Pontón- propón un servizo público de canguros, que permita ás familias dispoñer dunha persoa que poida atender os seus fillos e fillas con garantías mentres traballan e até que en setembro reabran os centros escolares e as escolas infantís". Trataríase, explica, de constituír unha caste de "bolsa de contratación de coidadoras e coidadores á que poidan acceder as familias e na que a Xunta actúe como intermediaria, con garantías e accesible economicamente" cunha achega económica "que sexa a mesma que estaban realizando ata agora para ter praza nas escolas infantís" e para o resto, mediante un baremo en función da renda.

Cabe, sinala a candidata do Bloque, "contrapoñer esta proposta concreta co anuncio feito polo candidato do PP". Feijóo, di, debera comezar por "explicar cantas familias pensa que se poden permitir contratar unha persoa para coidar das fillas e fillos, cos salarios medios que hai no país, e onde acoden para facer esa contratación". Neste sentido, ínstao a aclarar tamén "cal é a coherencia de organizar campamentos de verán, onde se poden xuntar ducias de nenas e nenos", pero "considerar inseguro abrir un entorno controlado como as escolas infantís".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.