No marco do debate aberto sobre o reparto de fondos aos concellos por parte da Deputación de Ourense, os presidentes e presidenta das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva, desprazáronse este xoves ata a cidade das Burgas para reivindicar os beneficios do sistema que funciona nas súas provincias, nas que o PSdeG-PSOE goberna en coalición co BNG.
Gonzalo Caballero e os presidentes e presidenta das tres deputacións defenderon un modelo "baseado na transparencia e a obxectividade na asignación de recursos”
Os tres cargos socialistas defenderon os seus plans únicos, como hai uns días fixeran PSdeG e BNG no pleno da Deputación de Ourense, como un modelo "baseado na transparencia e a obxectividade na asignación de recursos”, fronte aos desequilibrios e discrecionalidade do sistema empregado pola Deputación de Ourense, baseado nas subvencións nominativas directas.
González Formoso, Tomé e Silva participaron na xornada “Democracia e boas prácticas na gobernanza provincial”, organizada polo PSdeG-PSOE, un evento público no que tamén interviron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde do Barco, Alfredo García; e o presidente do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga.
Os datos públicos sobre os pagamentos realizados pola Deputación de Ourense aos concellos da provincia amosan grandes diferenzas entre unhas e outras localidades, no que á asignación por habitante se refire. A maior parte dos concellos que máis euros por persoa recibiron no ano 2018 estaban gobernados polo PP. En concreto, 18 das 20 localidades máis beneficiadas no reparto tiñan gobernos populares. Pola contra, entre os concellos que recibiron menos cartos por habitante hai un gran número de localidades gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG.
González Formoso sinala que o sistema permire "adecuada previsión" nos orzamentos dos concellos e a autonomía municipal
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, destacou que a implantación do Plan único de Obras e Servizos no pasado mandato "reduciu o número de plans destinados a colaborar cos concellos" e aplicou "unhas bases reguladoras con criterios obxectivos e consensuados de asignación de fondos", un método "que debería de servir de referencia á Xunta para o financiamento dos concellos galegos”.
“As bases apróbanse nos meses de setembro e outubro do exercicio anterior e, en consecuencia, posibilitan a adecuada previsión nos orzamentos municipais de cada exercicio”, lembrou, salientando que o plan favorece a autonomía municipal, permitindo a cada concello decidir "se dedica a achega provincial a gasto corrente, investimentos necesarios asociados a servizos municipais, pago a provedores ou redución do endebedamento con entidades financeiras”.
“Gobernos democráticos” fronte á “familia que goberna a provincia”
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, contrapuxo a "equidade" que supón a aplicación deste sistema en Lugo, A Coruña e Pontevedra, co "caciquismo" que "impera" na Deputación de Ourense. E destacou que a posta en marcha de sistema obxectivos de reparto permitiu “deixar atrás o sinónimo histórico das deputacións como caciquismo”.
Rafael Rodríguez Villarino, situou as tres deputacións socialistas como “gobernos democráticos” fronte á “familia que goberna a provincia” en Ourense
Caballero urxiu “impulso” para a provincia e reivindicou que “o PSdeG é a única garantía para darlle o cambio de futuro que necesita”. E tivo palabras moi críticas para Alberto Núñez Feijóo, "disposto a tragar o que faga falta para tentar resistir os ventos de cambio da nova maioría social”. O líder dos socialistas referíase así ao "pacto contra natura" de PP e Democracia Ourensana, acusando o alcalde Pérez Jácome de "axudar a soster o caciquismo e o retraso institucional”. A pasada semana DO rexeitou mudar o actual sistema de reparto de fondos na Deputación.
De igual xeito, o secretario provincial do PSdeG en Ourense e voceiro na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, situou as tres deputacións socialistas como “gobernos democráticos” fronte á “familia que goberna a provincia”, que “se nega a financiar aos concellos equitativamente”. “Ourense leva moitos anos estancado e necesitamos un cambio que traia progreso”, concluíu.