O PSOE disponse a expulsar o alcalde de Becerreá, que admite os seus contactos co PP

Martínez, este venres ante a prensa en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

O PSOE pon en marcha o proceso para expulsar o alcalde de Becerreá. O incendio político xerado en torno á Deputación de Lugo dende que, o pasado xuño, Manuel Martínez decidise entregarlle o goberno da institución ao PP ao non ser aceptado polo BNG como presidente pola súa imputación pola xestión dunhas obras, non se apagou, nin de lonxe, coa moción de censura que converteu en presidente ao socialista Darío Campos. Despois de comezar a executar a súa vinganza contra o Bloque unindo de novo os seus votos aos do PP para retirarlles aos nacionalistas media dedicación exclusiva e os asesores, Martínez admite os seus contactos cos populares e asegura que, agás "enfermidade grave", a súa intención é teimar na mesma postura durante todo o mandato. Por iso o seu partido tenta expulsalo e, ao tempo, envíao xunto ao PP ao Pacto Antitransfuguismo.

Xusto despois de que, durante máis dunha hora, Martínez expuxese en rolda de prensa a súa versión dos feitos e admitise, asemade, as xuntanzas coa voceira do PP que reflicten as fotografías saídas á luz púlica este xoves, os restantes dez membros do Grupo Provincial Socialista, co presidente á cabeza, anunciaron a súa intención de promover a expulsión. A razón, indican, non é outra que está a "dificultar" deliberadamente a "acción do goberno". Agora serán os órganos do PSOE os que teñan que resolver o proceso, contra o que Martínez poderá alegar durante os próximos dez días e durante o cal fica "suspendido de todos os dereitos" como militante. Asemade, os socialistas elevan o caso á comisión de seguimento do Pacto Antitransfuguismo para esixir actuacións contra Martínez pero tamén contra o PP lucense que, din, se está a "apoiar nun tránsfuga".

Martínez admite as xuntanzas co PP

"Eles verán se o tránsfuga son eu ou son eles", reta, pola súa banda, Martínez, quen xustifica a súa unión co PP por segunda vez na súa aposta por "non beneficiar en nada ao Bloque". El, afirma, falou nos útimos meses "con todos" os membros do PP que quixeron facelo e tamén coa agora coa líder popular, Elena Candia, con quen efectivamente tomou "un café" na área de servizo do Corgo. "E non era a primeira vez", xa que o primeiro encontro se produciu antes da votación da moción de censura, o pasado outubro.

O rexedor indica que falou con Candia sobre "o tema da organización" xusto antes de votar co PP por segunda vez

Segundo o relato de Martínez, aínda como presidenta Candia "díxome que me ían enganar e xogamos unha comida: se me enganaban, pagaba eu; e se non me enganaban, pagaba ela. Parece ser que teño que pagar eu" e "o día que se faga esa comida, non teño inconveniente en avisar para que fagades fotos de boa calidade", ironizou ante a prensa. Na segunda xuntanza, xa con PSdeG e BNG no goberno, Candia "preguntoume cal era a miña postura a respecto do tema de organización [o reparto de dedicacións e asesores] e eu deixei claro que todo aquilo que puidese beneficiar ao BNG, non o ía votar". Acto seguido, o seu voto uniuse ao dos conservadores.

Martínez proclámase "enganado" ata en "catro" ocasións. A última, di, cando os seus compañeiros lle deron "todo tipo de garantías de que eu ía estar na Xunta de Goberno e ía ter" a xestión da área "de Parque Móbil e Vías e Obras". Esa inclusión na Xunta de Goberno, que finalmente o Bloque non aceptou, foi o que provocou que el renunciase tamén ao resto de responsabilidades, segundo o presidente da Deputación.

Correo á militancia

Martínez xustifica a súa unión co PP porque non foi incluído na Xunta de Goberno da Deputación

A mesma versión ofrecida aos xornalistas trasladouna Martínez este venres á múltiples membros do PSdeG lucense a través dun correo electrónico a cuxo contido tivo acceso Praza Pública. Nesa comunicación Martínez inclúe o que, di, é "o acordo" no que se baseou a moción de censura, "asinado por todos os deputados provinciais diante de máis de 40 persoas".

Segundo o alcalde de Becerreá, fica claro que "sempre antepuxen os intereses do partido aos persoais", así como o "incumprimento claro e manifesto por parte do goberno bipartito no acordo relativo á miña inclusión na Xunta de Goberno". Todos estes movementos, asegura Martínez, fainos "como socialista que fun e seguirei sendo, pois non penso abandonar o partido, do que me sinto profundamente orgulloso e no que levo militanto tantos anos".

Martínez, este venres ante a prensa en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.