O PSOE escolle a 'fórmula galega' para as súas primarias

Vázquez e outros dirixentes socialistas, no comité que aprobou as primarias consultivas CC-BY-NC-SA PSdeG

Os militantes socialistas escollerán o seu novo ou ou nova secretaria xeral a través dunhas primarias non vinculantes, cuxo resultado será despois ratificado polos delegados que participen no congreso extraordinario do partido, que celebrará o 19 e 20 de xullo. A fórmula é semellante á empregada o pasado verán polo PSdeG-PSOE nas eleccións primarias nas que foi elixido José Ramón Gómez Besteiro. 

O mecanismo finalmente decidido contenta aqueles sectores e líderes (como Eduardo Madina, Pedro Sánchez, Patxi López ou Carme Chacón) que dende hai días veñen esixindo que voten toda a militancia e, ao mesmo tempo, consegue non incumprir o marcado nos estatutos do partido, aos que se aferraban aqueles que rexeitaban a apertura da elección a todos os afiliados e afiliadas. Os termos do debate entre os dous grupos e o resultado final son tamén moi semellantes ás discusións mantidas hai doce meses cando dende o PSdeG se propuxo a elección aberta do seu novo secretario xeral.

Os termos do debate entre os dous grupos e o resultado final son tamén moi semellantes ás discusións mantidas hai doce meses cando dende o PSdeG se propuxo a elección aberta do seu novo secretario xeral

Naquela ocasión a cúpula encabezada por Rubalcaba aceptou -daquela maneira- a proposta galega e inicialmente acordou con Vázquez que habería votación, pero unicamente para elixir delegados previamente designados por cada candidato á secretaría xeral. O aspirante que tivese máis delegados sería elixido, de calquera xeito, no correspondente Congreso Nacional. Pachi Vázquez amosábase convencido de que o logro acadado dende Galicia ía "marcar a liña de todo o socialismo" e ambas direccións puxéronse a elaborar un regulamento para o proceso. Pero o que comezara con boas palabras rachou a catro días de rematar o prazo. Rubalcaba mudaba de postura e dicía "non" á consulta galega. O PSdeG, pola súa banda e nunha actitude case inédita, abandonaba a concordia con Madrid e advertía de que "non ía ceder". Mentres en Galicia os críticos con Vázquez facían patente a súa desconfianza, Ferraz comezaba a mover as súas posicións devagar. Finalmente o PSdeG cedeu un chisco e adiou as súas primarias ao outono, dándolle así tempo ao PSOE, que cedeu outro chisco, a sancionar o procedemento a través dun Comité Federal que se celebrou no verán. 

A fórmula que agora tamén escolle o PSOE a nivel federal leva implícita a confianza en que os delegados e delegadas escollidas por cada federación respectarán a decisión adopatada polos e polas militantes. En Galicia, o pasado verán, non houbo dúbidas despois dunha ampla vitoria de Besteiro. A finais de setembro o novo secretario xeral do PSdeG-PSOE foi ratificado polo Congreso Nacional.  

 

Facilita as cousas a Eduardo Madina e complícallas a Susana Díaz

O novo líder do PSOE necesitará o aval de 10.000 militantes para dar os primeiros pasos na carreira por substituír a Alfredo Pérez Rubalcaba á fronte dun partido tocado de morte

O novo líder do PSOE necesitará o aval de 10.000 militantes para dar os primeiros pasos na carreira por substituír a Alfredo Pérez Rubalcaba á fronte dun partido tocado de morte tras as últimas eleccións europeas, nas que se ratificou o avance dunha nova esquerda coincidindo co afundimento do socialismo. A proposta da dirección interina, explica Gonzalo Cortizo na súa crónica en El Diario, facilítalles as cousas a Eduardo Madina e complícallas a Susana Díaz, que se quere presentar pero sen ir a unha competición polo poder. Os interesados e interesadas en optar á Secretaría Xeral terán do 6 ao 20 de xuño para recoller os avais da militancia.

Madina, a día de hoxe, conta coa aprobación das federacións de Estremadura e, en menor medida, de Asturias. Non debería de ter problemas para cumprir o seu compromiso de presentarse como aspirante á dirección do partido

O documento (en fase de borrador), ao que tivo acceso eldiario.es expón unha gran pregunta: estará disposta a presidenta de Andalucía a iniciar unha carreira de confrontación con Madina polas federacións socialistas para facerse co control de partido? Desde Andalucía trasládase a idea de que Díaz se sente apoiada polo apoio de gran parte dos baróns que ela mesma mobilizou, e que se pretende facer pasar por espontáneos. Con todo, as regras do xogo redactadas por Óscar López volven meter a Madina na pugna e dificultan as aspiracións de Andalucía de ir a unha guerra sen feridos á vista.

Madina xa anunciou que presentará a súa candidatura se o proceso se abríase á militancia. Isto é o que sucederá agora: para iniciar o asalto á dirección do PSOE, o deputado vasco necesita o aval do 5% dos militantes. Madina, a día de hoxe, conta coa aprobación das federacións de Estremadura e, en menor medida, de Asturias. Non debería de ter problemas para cumprir o seu compromiso de presentarse como aspirante á dirección do partido. En declaracións a eldiario.es, o deputado vasco insiste nas súas intencións: "Eu xa anunciei que me presentaría nun congreso aberto e vou cumprir a miña palabra".

Fontes do PSOE en Andalucía sinalan que a candidatura de Díaz se sostén en que ela non deu o paso senón en que foron buscala. A idea perde peso, agora que as regras do xogo a obrigan a competir con Madina

Mentres tanto, Susana Díaz non atopará obstáculos para conseguir os avais, pero si na xestión do proceso. Fontes do PSOE en Andalucía sinalan que a candidatura de Díaz se sostén en que ela non deu o paso senón en que foron buscala. A idea perde peso, agora que as regras do xogo a obrigan a competir con Madina se quere alcanzar unha secretaría xeral que, hai tan só uns días, parecía segura. É difícil explicar lles aos andaluces que a súa presidenta inicie un proceso dun mes de campaña interna para dirixir o PSOE, e nesa dificultade radican as poucas dúbidas de Díaz, a quen a abafadora maioría dos dirixentes rexionais do partido meteron na carreira sen que ela mesma se pronunciase publicamente até a data sobre as súas intencións.

As únicas declaracións recentes da presidenta andaluza sinalaban que "Andalucía é a prioridade". Agora deberá conxugar esas afirmacións co inicio dunha competición que se anuncia a cara de can entre dous políticos que se coñecen desde os seus primeiros pasos en Juventudes Socialistas. "Calquera cousa pode pasar. O que queda do PSOE sigue sendo o PSOE", sinala unha fonte coñecedora do proceso.

Vázquez e outros dirixentes socialistas, no comité que aprobou as primarias consultivas CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.