O PSOE ofrece a En Marea revisar ENCE e un plan para o lácteo, pero obvia Angrois

Pedro Sánchez, líder do PSOE, nun acto de partido © PSOE

Pedro Sánchez non se resigna. O líder socialista vén de facer unha nova oferta a En Marea, En Comú Podem, Compromís Podemos e IU para lograr o seu apoio. O PSOE considera os documentos unha proposta de "acordo valente" que vai "máis aló" do pacto cos de Rivera nalgunhas medidas, como a loita contra a corrupción ou no plan de emerxencia social. E ofrece medidas concretas para territorios, como no caso de Galicia e en resposta ás condicións que a coalición galega lle impuxera para un posible voto a favor dos seus deputados. 

Os cinco documentos para cada formación establecen unha proposta común para todas as "forzas do cambio" -como as denomina Sánchez- pero establecen unha achega específica para cada formación. Así, na oferta a En Marea, o PSOE ofrece "revisar" a polémica prórroga a ENCE na ría de Pontevedra, así como un plan para a crítica situación do lácteo e do sector da pesca, especialmente, para o cerco. Ademais, promete dotar de partida orzamentaria para a rexeneración da ría do Burgo e medidas de apoio ao naval, pero obvia alusión ningunha á comisión de investigación do accidente de Angrois, cuxa constitución é unha das condicións que a coalición galega puxo enriba da mesa para un posible apoio a Pedro Sánchez.

Os socialistas propoñen un "réxime sancionador" que "garanta" o "cumprimento do acordo lácteo"

Así, en canto ao lácteo, o PSOE comprométese a "abordar os problemas do sector desde o recoñecemento da súa importancia fundamental para a economía nacional e especificamente para Galicia e outras comunidades". Os socialistas propoñen establecer un "réxime sancionador" que permita "garantías de cumprimento do acordo lácteo" e definir un prezo sustentable para cada ela da cadea de valor. Ao tempo, opta por darlle "transparencia" a esa cadea publicando os prezos aos que compran industria e disbriución e a publicación dun novo contrato tipo e "crear a figura obrigatoria do mediador" que sirva para "resolver disputas cando gandeiro e indusria non cheguen a un acordo". 

En canto á pesca, o PSOE aposta por "impulsar con medidas de apoio o segmento da frota artesanal e aos mariscadores" a través de programas de modernización e "abordar unha nova repartición máis equitativa dos dereitos de pesca e, especificamente, as cotas de xarda e xurelo". Promete convocar as administracións e o sector para "conseguir un mecanismo de repartición axeitada, consuada, equilibrada e xusta".

O documento inclúe a "revisión" da prórroga de ENCE e fondos específicos para a rexeneración da ría do Burgo

Ademais, o PSOE ofrece "revisar" a prórroga adoptada polo Goberno central da concesión de ocupación dos terreos onde se ubica ENCE na ría de Pontevedra. É a única alusión á celulosa e á devandita prórroga, cuxa anulación é tamén outra das condicións básicas impostas por En Marea para poder apoiar os socialistas. No mesmo punto, os de Sánchez prometen "impulsar" os proxectos de rexeneración das rías e do litoral galego "suspendidos ou atrasados" durante a anterior lexislatura. Concretamente, comprométese a "dotar de partida orzamentaria suficiente" para rexenerar a ría do Burgo e "proeceder á realización das actuacións necesarias para a súa limpeza e rehabilitación nuns prazos determinados". 

Tamén ofrece o PSOE medidas para o naval, aínda que sen mencionar o pretendido dique flotante, que En Marea tamén sitúa entre as súas demandas,  nin detallar un plan específico para Galicia. No documento, os socialistas apostan por "preservar o activo" do sector industrial, "promover a innovación tecnolóxica" ou "transformar a contorna produtiva asociada á seguridade e á defensa". 

No rural, os socialistas ofrecen tamén "potenciar as actividades das mulleres" e dos emprendedores e, en canto a lingua e cultura -e ao igual que no documento enviado a En Comú Podem-, apostan por "aprobar unha lei que defenda e promova en toda España as linguas como patrimonio cultural" e "promover a difusión das linguas cooficiais a través do Instituto Cervantes, incrementando significativamente a oferta de cursos nestas linguas". 

Podemos e as confluencias amosaron nos últimos días a súa disposición ao diálogo, pero despois da primeira sesión de investidura

Con esa nova oferta, Sánchez tentará contrarreloxo sumar a esas forzas para conseguir o apoio suficiente na investidura. Polo momento, Podemos e as confluencias, Compromís e IU-Unidade Popular anunciaron o seu 'non' a Sánchez ao considerar "incompatible" cos seus programas o acordo con Ciudadanos. A formación morada deixou a porta aberta ao diálogo, pero tras esta primeira sesión de investidura.

Nunha primeira reacción a través de Twitter, En Marea advertiu aos socialistas que sabe "distinguir entre propostas para Galicia e palabras ocas". Pablo Iglesias, pola súa banda, asegurou na mesma rede social que cre que a proposta do PSOE "non é seria". "Envíanos varios documentos que son un corta e pega do seu pacto con Ciudadanos, agochando as medidas máis vergoñentas", dixo. 

 

En Marea acusa o PSOE de "chantaxe"

Máis tarde, nunha comparecencia ante a prensa, a voceira de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, rexeitou a proposta socialista na que, dixo, "seguen aparecendo xeneralidades e inconcrecións". A portavoz lembra que "no acordo con Ciudadanos" o PSOE non incluíu ningunha destas ofertas. "Semella máis unha cuestión de chantaxe de última hora do Partido Socialista que unha proposta seria". 

En Marea recórdalle ao PSOE que non incluíu ningunha das propostas que lle envía no acordo con Ciudadanos

Unha "tomadura de pelo" para intentar "comprar" os seis votos de En Marea, chegou a dicir Fernández, que advertiu que no documento "non se di nada da comisión de investigación sobre o accidente do Alvia" nin hai "compromisos sobre ENCE", malia que si se propón "revisar" a prórroga da concesión. "É máis do mesmo. En vez de anunciar que non se cumpra a prórroga, do que se nos fala é dunha posible revisión", engadiu. 

Ademais, insistiu que nin esta "revisión" nin outras medidas específicas para Galicia se mencionan no acordo entre Ciudadanos e o PSOE. "Queremos saber que está pactando o Partido Socialistas con Ciudadanos, que medidas concretas, e se realmente ten compromisos serios", dixo quen criticou que tampouco haxa "ningún tipo de memoria economica". "Non sabemos como se concreta orzamentariamente nada do que propoñen; parécenos absolutamente incompatible que se pacte un acordo con Ciudadanos no tema económico e con nós, sen entender que é necesaria unha reforma fiscal que garanta o Estado de Benestar. Somos incompatibles", reiterou. 

Fernández ve na proposta "mal feita" do PSOE un intento de "chantaxe de última hora"

Ao tempo, Fernández advertiu que seguirán negociando de maneira autónoma "cuestións concretas" para Galicia pero tamén "para lograr os cambios que precisa o conxunto do Estado" e que, segundo di, só serán posibles "cun goberno plural". "O PSOE segue tendo que decidir se quere a gran coalición con Ciudadanos e o PP ou se quere unha coalición de cambio", finalizou, tras advertir que En Marea mantense aberta a dialogar pero "non con propostas mal feitas e a última hora". 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Alexandra Fernández valora a proposta do PSOE Dominio Público @En_Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.